
Dende a área de servizos sociais e políticas de igualdade de xénero da Deputación da Coruña, convócase o III Premio Concepción Arenal 2016: proxectos educativos pola igualdade de xénero. O obxectivo é deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades real entre sexos.
Poderán participar centros educativos públicos da provincia nas seguintes modalidades:
- A) Proxectos educativos en educación infantil
- B) Proxectos educativos en educación primaria
- C) Proxectos educativos en educación secundaria
Concederase un premio en metálico de 5.000 euros por cada modalidade ao programa de actividades de centro no que se traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco e intervención en materia de violencia de xénero incorporando de forma transversal a educación en valores como a solidariedade, tolerancia, respecto, xustiza, igualdade, etc, a promoción da empatía e autoexpresión emocional e o fomento da participación da familia, da escola e da comunidade.
O prazo de presentación dos traballos remata o 28 de novembro de 2016.
BASES [1]