Divina Oróns García, profesora de Matemáticas
divioro@edu.xunta.es [2]
Margarita Tobío Recarey, profesora de Bioloxía
mtobio@edu.xunta.es [3]
Un proxecto colaborativo de centro: o meu clima
No mes de setembro de 2012 decidimos participar no programa MeteoEscolas, de MeteoGalicia, incluído dentro do Plan Proxecta.
O noso IES é un centro pequeno da Costa da Morte e o proxecto que puxemos en marcha foi un axente dinamizador, cun alto grao de implicación do profesorado e coa participación activa das cativas e dos cativos.
Desenvolvemos os contidos curriculares de xeito integrado, coa pretensión de mellorar a práctica educativa e de involucrar activamente o alumnado no proceso de aprendizaxe.
Promovemos colaboración, interdependencia e asunción de responsabilidades individuais e de grupo para acadar, entre as rapazas e os rapaces, o desenvolvemento das oito competencias básicas e a educación en valores.
E que intentamos conseguir?
Durante varios meses, profesorado e alumnado de diferentes áreas e niveis traballamos conxuntamente para acadar a consecución dos seguintes obxectivos:
Obxectivos xerais
- Desenvolver o espírito de observación e análise da contorna.
- Promover a integración da aprendizaxe colaborativa.
- Conseguir que os rapaces e rapazas aprendan facendo, acadando maior motivación.
- Desenvolver de forma interdisciplinar competencias en investigación ambiental.
Obxectivos específicos
- Achegar os adolescentes ao mundo da meteoroloxía.
- Desenvolver as habilidades investigadoras no alumnado, fomentando o uso de métodos de traballo rigorosos e científicos.
- Utilizar ferramentas matemáticas para o tratamento e a análise de datos.
- Dotar o alumnado de estratexias de busca, análise e comunicación da información.
- Adquirir capacidade para entender a meteoroloxía en Lingua Inglesa e Francesa.
- Utilizar as TIC de maneira aplicada.
- Potenciar a creatividade.
E como nos organizamos?
A experiencia meteorolóxica coa que nos comprometemos necesitou de varios espazos, nos que as alumnas e os alumnos desenvolveron as actividades formuladas: estación meteorolóxica nunha parcela do instituto, aulas dos grupos, aula de Informática, aula de Plástica, laboratorio, taller de Tecnoloxía, biblioteca, patio do instituto, cuarto onde está instalada a radio do noso centro (Radio Buserana), parroquias do concello de Muxía (nas vivendas ou en contacto co medio).
En canto á organización temporal, hai que destacar que foi necesario traballar durante os períodos de clase, nalgúns recreos e fóra do horario lectivo, en función das diversas actividades.
A finais de outubro, os profesores participantes no proxecto realizamos a primeira xuntanza para distribuír o traballo que ían realizar os diferentes grupos. Dez profesores formamos o equipo multidisciplinar. No mes de novembro informamos o alumnado e recollemos algunhas das súas propostas. Nunha segunda xuntanza, no mes de febreiro, introducimos algunhas modificacións sobre o inicialmente formulado.
A organización do traballo do alumnado foi variable. Ás veces, foi necesario traballar en gran grupo, outras, por parellas e, nalgunhas ocasións, de forma individual.
E todo xirou arredor da nosa estación meteorolóxica...
Está situada nunha parcela do noso instituto, a 11 m de altitude, latitude 43º 6' N e lonxitude 9º 13' W. Consta dunha caseta [4] que foi construída no mes de decembro; caixa de madeira, pintada de branco, coa porta orientada cara ao norte para resgardar os aparatos da radiación solar, coas paredes laminadas para permitir a circulación do aire e colocada sobre un soporte de 1 metro de altura. O persoal de MeteoGalicia proporcionounos un termómetro de temperaturas máxima e mínima e un pluviómetro. Actualmente, ademais dunha estación manual tamén temos unha estación automática que recibimos de MeteoGalicia (como premio) e un captador de auga de chuvia que nos cedeu o persoal do LMGA.
Unha vez montada a estación manual MeteoMuxía, comezaron as medicións [5] e anotacións dos datos da chuvia (l/m2), das temperaturas máxima e mínima (ºC) e a observación doutros fenómenos meteorolóxicos (orballo, xeada, neve, néboa e treboada). De luns a venres, entre as 9.10 e as 9.20 horas, responsabilizáronse desta actividade os alumnos/as de primeiro e segundo da ESO, e de terceiro e cuarto de PDC. Inicialmente baixabamos os profesores con eles e, unha vez que aprenderon a medir, xa o fixeron sós. A actividade foi supervisada por cinco profesores, de CCNN, CSXH e do Ámbito Científico -Técnico.
E diariamente, os alumnos/as de cuarto da ESO (na clase de Bioloxía e/ou nos recreos na aula de Informática) encargáronse de inserir os datos meteorolóxicos na web de MeteoGalicia, na nosa meteoescola [6].
E mediron a velocidade do vento cun aparello caseiro (anemómetro) que eles mesmos construíron, baseado na medición de ángulos. Os materiais empregados foron: unha pelota de pimpón, dous transportadores de ángulos, fío, agulla, regra e pegamento.
O procedemento que empregou o alumnado para construílo foi:
- Enfiar a agulla co fío e atravesar con ela a pelota de pimpón.
- Sacar a agulla e facer un nó no fío, de maneira que a pelota non escape.
- Colgar o fío do centro da parte recta do transportador, de xeito que a pelota pendure por baixo do lado curvo.
- Adherir o fío con pegamento.
- Pegar o outro transportador ao primeiro, de xeito que o fío quede no medio deles.
- Pegar a regra a un dos lados do transportador, como para facer de mango.
Durante o mes de abril, parellas de alumnos de segundo da ESO baixaron diariamente ao patio durante varios minutos, coa profesora de Física e Química, e rexistraron os datos. Sostiñan o aparato nivelado e paralelo ao vento e, cando a pelota era empurrada cara arriba, observaban o ángulo alcanzado polo fío e calculaban a velocidade segundo unha táboa [7].
E que fixeron cos datos obtidos nas medicións?
- Realización e interpretación de climogramas na clase de Ciencias Sociais co alumnado de primeiro da ESO.
- Tratamento informático realizando táboas e gráficos. Alumnos/as de terceiro da ESO e cuarto de PDC, coordinados polos profesores de Matemáticas, estableceron comparativas con outras dúas meteoescolas (Cervantes e Vigo) e analizaron as temperaturas máxima e mínima, as oscilacións térmicas e as precipitacións. Tamén fixeron gráficos en relación cos rexistros obtidos co noso “ventómetrus”. Analizaron os datos e obtiveron conclusións.
- Formulación e contrastación de hipóteses co alumnado de terceiro de PDC. Cando vai vento do norte, prodúcese un descenso térmico? Hai relación entre o vento do oeste e a chuvia?
E pasaron ao laboratorio... Os cativos de primeiro da ESO estiveron a investigar na clase de Ciencias da Natureza. Tres meteoexperimentos [8] –A auga que non cae, A vela que fai subir a auga e Aires embotellados– permitíronlles comprender mellor o concepto da presión atmosférica.
No experimento A auga que non cae [9], os alumnos encheron as ¾ partes dun vaso con auga; colocaron un anaco de papel de folio tapando a boca do vaso; inverteron o vaso e comprobaron que a auga non caía. Logo chegaron os razoamentos científicos.
No experimento A vela que fai subir a auga [10], os alumnos botaron auga coloreada nun recipiente de vidro; acenderon unha vela e colocárona no centro; cubriron a vela cun vaso e observaron como a vela se apagaba e como subía o líquido. De novo, os razoamentos científicos.
No experimento Aires embotellados [11], os alumnos quentaron auga ata o seu punto de ebulición; botaron a auga nunha botella de plástico; axitárona para que o vapor de auga ocupase o interior; arrefriaron a botella e observaron como se esmagaba. E outra vez, os razoamentos científicos.
Aprenderon facendo e adquiriron competencias básicas arredor do tema meteorolóxico.
E desde Radio Buserana, información meteorolóxica para a fin de semana... Doce alumnos/as (segundo e terceiro da ESO) formaron un equipo de radio e emitiron o espazo radiofónico MeteoMuxía [12] todos os venres, de decembro a xuño. O día anterior preparaban un parte meteorolóxico co prognóstico do tempo para a contorna na fin de semana, buscando información nas páxinas de www.meteogalicia.es [13]/www.aemet.es [14]. Emitiron en lingua galega, en inglés e tamén en francés. A actividade foi coordinada polas profesoras de Bioloxía e de Inglés e polo profesor de Francés.
E indicaron o prognóstico do tempo para a fin de semana nun mapa significativo na entrada do noso IES. Todos os venres, alumnos/as de segundo da ESO, coordinados pola profesora de Ciencias Sociais.
E alumnos de primeiro e terceiro da ESO, coordinados pola profesora de Lingua Galega, andaban na procura entre a familia e a veciñanza de refráns populares e costumes relacionados co clima ou realizando entrevistas para coñecer como as condicións atmosféricas lle afectaban á profesión de mariñeiro. Tamén realizando actividades e pasatempos na plataforma JClic coas contribucións do alumnado.
E potenciaron a súa creatividade na clase de Educación Plástica e Visual. Os alumnos/as de terceiro da ESO estiveron deseñando instrumentos de medición meteorolóxica. Ademais, os seus compañeiros de cuarto da ESO fotografaron o ceo muxián.
Cando estiveron rematados, algúns deseños pasaron ao taller de Tecnoloxía, onde os rapaces construíron maquetas de cataventos [15].
E desde Proxecto Interdisciplinar, os máis novos relacionáronse coa temática meteorolóxica a través da visión de filmes: “No cine tamén chove”. Por outra banda, analizaron fenómenos atmosféricos da contorna: mar de vento, mar de fondo, último raio de sol en Cabo Touriñán...
E na primeira quincena de abril de 2013, chegaron ao noso centro os paneis de ExpoMeteoro [16]. Aproveitamos para traballar co alumnado de primeiro e terceiro da ESO, e terceiro e cuarto de PDC, realizando diversas actividades coa finalidade de aumentar a formación en temas meteorolóxicos.
Os diferentes grupos traballaron arredor dos paneis, intentando responder as preguntas formuladas no seguinte cuestionario [17]. Logo, fixemos unha posta en común nas aulas para aclarar algúns fenómenos e eliminar preconceptos erróneos.
Recompilación dos materiais e xornada de exposición pública
Os alumnos/as de cuarto da ESO, coordinados pola profesora de Matemáticas, realizaron a montaxe dun vídeo [18] que resume o traballo feito no IES Ramón Caamaño.
E a coordinación creou o blog http://meteomuxia.blogspot.com.es/ [19] onde aparecen recollidos todos os traballos desenvolvidos.
Aproveitamos a xornada do día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, para reunirnos todos (alumnado e profesorado) e ollar o traballo colaborativo e interdisciplinar realizado.
E ademais na revista do noso centro, Buserana, publicouse unha reportaxe sobre o feito no proxecto para difundilo entre as familias.
E que metodoloxía aplicamos?
Buscamos que o alumnado se implicase a través da motivación e que fose o protagonista da súa aprendizaxe. Fomentamos a construción de aprendizaxes significativas. Promovemos a capacidade de aprender a aprender. Creamos un clima de cooperación. Axudamos a construír, adquirir e desenvolver as competencias básicas.
E ao final, establecemento de comparacións entre o punto de partida e o acadado...
A avaliación non foi unha fase independente do proxecto, formou parte del. Foise axustando a intervención educativa para ir reconducíndoo, cun mantemento de forma aberta e flexible.
Analizouse se a práctica educativa foi a axeitada por parte do profesorado e tamén o alumnado avaliou (utilizando cuestionarios [20] como instrumentos) o seu propio traballo, a implicación e a aprendizaxe realizada.
Conclusións
Despois das análises necesarias, podemos manifestar que:
- O proxecto levouse a cabo nun contorno colaborador, cun alto grao de implicación dos participantes.
- Case todas as actividades propostas favoreceron aprendizaxes funcionais e significativas.
- A maior parte do alumnado, transformándose en científicas/os, informáticas/os, matemáticas/os, enxeñeiras/os, meteorólogas/os, xornalistas e lingüistas, adquiriu competencias en relación co tema meteorolóxico.
Xunto co alumnado e coas autoras deste artigo, colaboraron nesta experiencia meteorolóxica:
- Arines Sánchez, Xurxo – Tecnoloxía
- Blanco Pose, Jesús – Matemáticas
- Calviño Louzao, Esteban - Matemáticas
- Fernández Montoto, Marina – Inglés
- Fernández Riádigos, M.ª Jesús – Física e Química
- García San León, Olalla – Educación Plástica e Visual
- López López, Ángel – Conserxe do noso instituto que colaborou realizando as medicións no mes de xullo.
- Mariño Abuín, Xoán – Francés
- Pita Rubido, Luísa – Lingua Galega
- Regueira Varela, M.ª del Carmen – Ciencias Sociais
- Ventosa Sixto, Ricardo – Director do IES Ramón Caamaño, que co seu apoio contribuíu ao desenvolvemento do proxecto.
E recibimos o primeiro Premio do Programa MeteoEscolas 2013, en recoñecemento do traballo, esforzo e interese da comunidade educativa.
Lage González, A.; Lago Núñez, A. (2011). Unidade didáctica: Meteoroloxía. MeteoGalicia.
Sóñora Luna, F. et al. (2009). Aprendendo coas Escolas Climántica. Xunta de Galicia.
Web Aemet: www.aemet.es [14]
Web Climántica: www.climantica.org [25]
Web MeteoGalicia: www.meteogalicia.es [13]
Web Temps atmosphérique: www.lepointdufle.net [26]
Web Vídeos V-Televisión: www.media.vtelevision.es [27]
Web Vídeos YouTube: www.youtube.com [28]
Web Weather: www.weather-forecast.com [29]