Silvia Puga Castro
silvia.puga@edu.xunta.gal [2]
Orientadora educativa IES O Carril (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra)
As relacións familia-escola son un eixe fundamental da educación dos nenos e da mocidade, pois, como di o famoso proverbio, para educar fai falta a tribo enteira.
Tendo como guía esta máxima e o claro obxectivo de crear lazos entre a comunidade educativa, póñense en marcha as escolas de familia que nacen da ilusión compartida por un equipo de profesionais da educación que queren comunicarse coas familias do alumnado que atenden cada día.
A Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, establece que se impulsarán as escolas de familia co fin de fomentar a participación das familias no proceso educativo e mellorar a convivencia.
Neste artigo vanse presentar dúas escolas de familias de dous centros diferentes, unha dun colexio público integrado do rural e das dúas escolas de educación infantil unitarias do mesmo concello, e outra dun IES dunha vila costeira, ambos da provincia de Pontevedra.
Os contextos dos centros e as etapas que abranguen condicionan as iniciativas que se poñen en marcha, pero todas as familias teñen necesidades comúns e niso é no que se focaliza a atención á hora de deseñar o proxecto.
Os obxectivos xerais propostos cando se pensa en crear unha escola de familias son claros e concretos: fomentar a participación das familias na vida do centro escolar, establecer canles de comunicación e vínculos entre familia e escola, establecer criterios de actuación educativa comúns e dotar as familias de estratexias de crianza eficaces e respectuosas coa infancia e a adolescencia.
Entrando na cuestión... como se pon a andar unha escola de familias? A primeira experiencia foi nun centro público integrado, onde hai a crenza de que as familias das etapas de educación infantil e primaria participan máis na vida escolar ca as familias de secundaria. Mito que máis adiante se confirma como mito e non como representación do sentir xeral.
Todo comeza un tempo antes da primeira xuntanza en Escola de familias propiamente. Para a eficacia do proxecto é necesaria unha avaliación de necesidades e coñecemento das preocupacións das familias. Esta análise levouse a cabo recollendo datos das entrevistas das familias co profesorado titor ou con orientación. Fíxose tamén en espazos de conversa natural coas familias, escoitando, compartindo e estando presentes en espazos comúns. As intervencións co alumnado tamén ofrecen moita información sobre o que necesitan das súas nais e pais, ou das persoas coidadoras de referencia.
Tendo en conta este marco, ponse en marcha o primeiro curso de Escola de familias, seguindo un formato de charlas de profesionais expertas. Lévanse a cabo catro sesións sobre as seguintes temáticas:
- Educar nos límites e na autonomía, cuxos obxectivos específicos eran educar na autonomía, potenciar as habilidades emocionais das nenas e nenos, e tamén das familias.
- Alimentación e autonomía, co fin de ofrecer estratexias de negociación e respecto fronte á alimentación, analizar falsas crenzas e erros comúns na alimentación, transmitir a necesidade de implicación de toda a familia como modelo de transmisión de hábitos saudables.
- Prevención do consumo de alcohol. A familia: máis que un teito, co obxectivo de lles ofrecer ás familias estratexias para previr e/ou detectar o consumo de alcohol nas persoas adolescentes e transmitir a importancia de ser un referente para as fillas e fillos.
- Uso responsable de dispositivos móbiles e Internet, co fin de lles ofrecer ás familias información sobre o mal uso da Rede e estratexias para previr e/ou detectar o uso inadecuado dos dispositivos móbiles e Internet.
No seguinte curso, xa coa valoración feita da primeira vez, e seguindo as propostas de mellora, lévase a cabo un cambio no formato, introducindo unha sesión de avaliación inicial realizada coas propias familias. Así mesmo, engádese unha modalidade de charlas diferente, incidindo na importancia de que as persoas profesionais se comprometan a facer as sesións máis participativas, seguindo a idea de que a aprendizaxe é máis significativa se a participación é máis activa.
Como se realiza a avaliación inicial coas familias?
Esa primeira sesión de detección de necesidades realízase a través da dinámica work café, unha ferramenta para buscar procesos de reflexión e participación arredor dun tema concreto. En mesas de catro persoas contan con dez minutos para dialogar sobre as cuestións propostas. Pasados os dez minutos, a persoa voceira queda na mesa e as demais cambian de mesa para dialogar con outras persoas diferentes. A voceira traslada ás novas integrantes da mesa as ideas previas e xéranse outras novas. E así sucesivamente.
As cuestións sobre as que se dialoga son «da educación da miña filla ou fillo o que me preocupa é…» e «que situacións concretas me gustaría xestionar mellor en relación coas miñas fillas ou fillos?».
Desas respostas extráense as temáticas para a organización das diferentes sesións durante o ano escolar. Ese curso, guiadas polos resultados da sesión inicial, leváronse a cabo as sesións sobre:
- Educar nos límites e na autonomía, repetindo a do ano anterior polo éxito e a necesidade do tema.
- Xestión emocional e comunicación, co obxectivo de ofrecer recursos e estratexias para a xestión emocional dos nenos e nenas e ofrecer ferramentas comunicativas eficaces.
Só foron dúas sesións porque a covid-19 interrompeu a continuidade.
A valoración final foi positiva; así se reflicte nas memorias finais do proxecto, onde se avaliaba o número de participantes, cunha media de vinte e sete persoas o segundo ano con respecto ás dezaoito do primeiro. Tamén se avaliaba a mellora no formato, que comezara sendo modelo charla de profesional externa e evolucionou ao formato con avaliación inicial e participación máis activa das familias nos encontros.
Era común rematar cada sesión valorando o sentir xeral das persoas asistentes, que adoitaba ser positivo, e amosábase abertamente interese en darlle continuidade. O proxecto paralizouse coas restricións de xuntanzas da covid-19, pero retomouse dous cursos despois e na actualidade mantén unha participación de éxito.
A experiencia dun CPI a un IES
A seguinte experiencia foi nun IES. Neste caso tomouse un curso enteiro de observación e recollida de necesidades, pois a pandemia non favorecía os encontros tal e como queriamos facelos.
No segundo curso, tras poñer en común o proxecto en varios encontros coa ANPA, e coa súa estreita colaboración, ponse a andar a primeira Escola de familias do instituto. As expectativas de participación eran baixas porque nos invadira a falsa crenza de que en secundaria as familias participan en menor medida ca nas etapas previas. Pero non foi así e unha gran comunidade de nais, algún pai e algunha avoa encheron a biblioteca con ganas de adquirir estratexias e recursos para sobrevivir á temida adolescencia.
Comézase coa sesión de work café para a avaliación inicial. Sen sorpresa constátase que se repiten as preocupacións ao longo dos anos, entre as que destacan: a comunicación familiar, as redes sociais e o uso das pantallas, as emocións e a autoestima, a xestión das compañías, e a motivación no estudo, así como as estratexias para a aprendizaxe.
O que si supón unha sorpresa nesa avaliación inicial é a ausencia da educación afectivo-sexual, un tema de prioritaria preocupación no eido escolar polo aumento da violencia sexual contra as rapazas relacionada co consumo temperán e excesivo de pornografía por parte dos menores. Isto facía máis necesario falar do tema, para facer consciente da importancia e da urxencia que requiría.
Ese curso leváronse a cabo as seguintes sesións, da man de profesionais expertas, pero coa premisa de facer un diálogo aberto coas familias, evitando o formato charla:
- Sobrevivir á adolescencia, co principal obxectivo de facer un repaso pola complexidade da etapa evolutiva e das necesidades que nela se dan.
- Crianza baseada na educación emocional e xestión do estrés, cuxo fin principal era poñer en evidencia a importancia da comunicación asertiva para a boa xestión emocional.
- Acompañar no estudo e na toma de decisións vocacionais. Esta sesión foi levada a cabo por profesionais do IES a través de casos prácticos que ocorren a miúdo no ámbito familiar para reflexionar sobre as condutas adultas que favorecen ou non a autonomía no estudo e na toma de decisións.
- Pantallas, adiccións, autolesións... falemos de saúde mental na adolescencia, cunha segunda sesión de continuidade impartida polo mesmo profesional denominada «As pantallas na adolescencia». Nestas sesións introducimos a educación afectivo-sexual, tratando de facer consciente da profundidade que o tema require e introducindo un tema que sería protagonista en vindeiras edicións da Escola de familias.
- Ese curso, cunha comunidade creada e cohesionada, pechouse cunha sesión especial denominada «Autocoidado para coidar». Levouse a cabo no exterior do centro educativo, nunha andaina polo medio natural da vila onde, con pequenas paradas, se facían reflexións sobre a importancia de poñer no centro da vida o autocoidado. Falamos de saúde física e mental, do peso do estrés na vida diaria, da presenza ou ausencia de tempos para o exercicio físico, da conciliación da vida persoal coa laboral, da comunidade e tribo que nos rodea e nos axuda a criar, das rutinas e hábitos saudables, da corresponsabilidade na crianza e nas tarefas de coidados e do fogar, da identificación e creación de espazos seguros. Foi unha sesión moi especial.
O curso seguinte, co proxecto xa afianzado, retómase con forza a Escola de familias do IES partindo de novo do formato de avaliación inicial e participación activa das familias nas sesións. Leváronse a cabo as seguintes sesións:
- Acompañamento: afectividade, emocións. Co fin de afianzar a comunicación e o acompañamento emocional como eixes prioritarios das relacións familiares.
- A educación afectivo-sexual non é necesaria, é urxente, cunha segunda sesión de continuidade ao mes seguinte sobre «Pornografía: modelo de violencia» co fin de sensibilizar as familias sobre a urxencia e a importancia da construción de vínculos sans, respectuosos e recíprocos. E o de alertar dos perigos aos que está exposta a infancia e a adolescencia co consumo excesivo e temperán de pornografía.
- O uso das redes sociais. Nesta sesión introdúcese como novidade a participación das familias co alumnado, nun diálogo compartido adolescencia, familias e escola. Unha sesión que foi proposta polas nais e valorada por estas de xeito moi positivo.
- Pantallas e adolescentes: sabemos o que está pasando?, onde se fai un percorrido pola linguaxe, a atención e o sono, impartida por un profesor do propio centro.
- Péchase o curso cunha sesión de avaliación final, onde se introduce un cuestionario para valorar as temáticas abordadas, os profesionais, os formatos e calquera aspecto que se considerase importante, así como propostas de mellora para vindeiros cursos.
A avaliación final deses dous cursos de implantación da Escola de familias no IES foi moi positiva e alentadora. Contouse cunha media de vinte e cinco familias, maioritariamente nais, e cunha participación activa destas.
Durante estes anos contamos con profesionais que admiramos como Carmen Loureiro, Chis Oliveira, Amada Traba, Priscila Retamozo, Manuel Isorna, Patricia Gómez, Daniel Novoa, Raquel Pedrouso, Julia Búa ou Antonio Rial Boubeta. Unha das claves foi compaxinar profesionais expertos con sesións lideradas por profesorado do centro (Bruno Barreiro, Tobías Betanzos, Juan Carlos González e Silvia Puga).
Puidemos contar con profesionais especialistas grazas ao apoio do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, xa que é a rede de formación do profesorado quen dá o soporte e o acompañamento necesario para o correcto funcionamento das denominadas escolas de nais e pais (ENAPAS). Ao longo deste artigo non se falou de ENAPAS, senón de escola de familias, pois a familia en sentido amplo, e as diferentes familias que compoñen as comunidades educativas, pareceunos sempre un concepto máis inclusivo e representativo.
O proxecto Escola de familias estaba dentro dunha visión compartida da convivencia escolar, onde as temáticas eran traballadas paralelamente co alumnado no Plan de acción titorial e de xeito transversal nalgunhas materias.
Fóronse creando cada vez máis espazos para favorecer a formación das familias en cuestións clave para a crianza respectuosa, como a posta en marcha dunha biblioteca para familias con títulos como Educar en el feminismo de Iria Marañón, Educar en el vínculo de Rafa Guerrero, El cerebro del adolescente de David Bueno, ou Tiempo de cuidados de Victoria Camps, entre outros. Así mesmo, puxéronse á disposición de préstamo xogos de mesa para favorecer os tempos compartidos nos fogares.
Nesta liña creouse tamén un club de lectura de profesorado e familias.
Todo proxecto remata cun proceso de avaliación. Cada curso contabamos con tres momentos para valorar: a avaliación de necesidades inicial, a valoración de seguimento durante as sesións e a súa preparación e a avaliación final, coas correspondentes propostas de mellora.
Deste proceso extraemos algunhas cuestións que en todas as avaliacións foron clave para o éxito da iniciativa:
- A máis importante é comezar cada curso coa avaliación das necesidades que teñen as familias, polo que se repetía cada ano académico a mesma dinámica de detección de necesidades.
- Darlle continuidade ás temáticas, evitando falar puntualmente do tema proposto e tendo sempre como base en todas elas a comunicación asertiva e o espazo seguro para os rapaces no ámbito familiar.
- Outra das cuestións que axudaron ao éxito foi acompañar sempre as conversas e charlas con café e biscoito. O ambiente de distensión favorece a comunicación e compartir un café achega as persoas que falan sobre un tema común, crea comunidade.
- A participación do profesorado nas sesións, como asistente, foi fundamental. Non entendemos unha escola de familias sen a escola presente. A convivencia que se xera entre o profesorado que asiste e as familias facilita a comunicación e a intervención co alumnado.
- A última cuestión foi ter en conta que era fundamental facilitar a asistencia das familias, polo que no CPI puxemos en marcha, en colaboración coa ANPA, un servizo de conciliación para que as nenas e nenos puidesen estar atendidas mentres as familias estaban nas sesións.
Conclúese este artigo coa esperanza de que estas experiencias sirvan de impulso para a creación doutras iniciativas de convivencia e educación. Crear comunidade é das ferramentas educativas máis potentes para lograr o máis san desenvolvemento das rapazas e rapaces. Porque non esquezamos que «nos encontramos ante unha crise social evidente. (...) os que máis están perdendo son os nosos menores e adolescentes, o noso futuro, sobre os que se fai urxente e necesario poñer un coidado especial» (Velasco, 2023, p. 267), e para isto recordamos que é necesaria a tribo enteira.
Estas dúas experiencias non serían posibles sen a colaboración e a ilusión necesaria de varias persoas, ás que quero mostrar, unha vez máis, un sentido agradecemento.
Grazas Davi e Manolo, Bruno e Tobías. Grazas Víctor e Pili por acompañar desde antes de poñer en marcha o proxecto e en representación das familias que confiaron desde o comezo. Grazas Bea polos biscoitos. Grazas a todas as mamás e papás que viñeron e quedaron, especialmente a aquelas charlas que incomodaban e facían saír da zona de confort. Grazas a Manuel, o primeiro asesor do CFR que confiou na proposta. Grazas ao profesorado que participou nas sesións. Grazas ao alumnado que acudiu á sesión conxunta coas súas familias. Grazas a toda a comunidade educativa que apoiou o proxecto.
Agradecemento especial a Xoán Xosé Constenla Novoa, Xan, quen sempre mostrou apoio incondicional, especialmente á posta en marcha desta iniciativa. Grazas por toda a comunidade que deixa creada.
BUENO, D. (2022). El cerebro del adolescente. Grijalbo.
CAMPS, V. (2021). Tiempo de cuidados. Otra forma de estar en el mundo. Barcelona: Arpa Editores.
GUERRERO, R. (2020). Educar en el vínculo. Barcelona: Plataforma Editorial, S. L.
MARAÑÓN, I. (2017). Educar en el feminismo. Barcelona: Plataforma Editorial, S. L.
VELASCO, M. (2023). Criar con salud mental. Lo que tus hijos necesitan y solo tú les puedes dar. Barcelona: Paidós (2.ª ed.).
