O décimo informe de seguimento de Educación para Todos no Mundo, que acaba de ser publicado co título Los jóvenes y las competencias: trabajar con la educación, pon de relevo a urxente necesidade de investir no sector educativo para que a mocidade adquira competencias. En efecto, nos países en desenvolvemento, uns 200 millóns de mozos de entre 15 e 24 anos nin sequera chegaron a terminar os seus estudos primarios e, polo tanto, precisan que se lles ofrezan vías alternativas, co fin de adquirir as competencias necesarias para encontrar un emprego e acceder así a unha vida próspera.
Hoxe en día, a proporción de mozos na poboación mundial é maior ca nunca e, non obstante, máis dun 12,5% deles está desempregado e máis dun 25% vese obrigado a desempeñar traballos que os manteñen no limiar da pobreza ou por debaixo deste. En momentos nos que os efectos da crise económica seguen agoniando as sociedades do mundo enteiro, a grave carencia de competencias que se dá entre a mocidade é máis nociva ca nunca.
A pesar dos importantes progresos realizados por algunhas rexións do mundo, son poucas as que van por bo camiño para alcanzar a totalidade dos seis obxectivos da Educación para Todos (EPT) establecidos o ano 2000, e algunhas incluso están moi atrasadas. O décimo informe de seguimento de Educación para Todos no Mundo examina a fondo un dos obxectivos da EPT menos estudados ata a data: a adquisición de competencias de aprendizaxe por parte da mocidade e a súa preparación para a vida activa. No informe amósase que, hoxe en día, os mozos necesitan finalizar, como mínimo, o primeiro ciclo da ensinanza secundaria para adquirir as competencias básicas necesarias que lles permitan encontrar traballos decorosos. Porén, aínda hai 250 millóns de nenos e nenas en idade de cursar primaria, escolarizados ou sen escolarizar, que non saben ler ou escribir; e ademais hai 71 millóns de adolescentes que non están escolarizados no ensino secundario e están perdendo, deste xeito, a oportunidade de adquirir competencias esenciais para encontrar traballo no futuro.
Os mozos e mozas dos grupos de poboación pobres, tanto urbanos coma rurais, son os que más precisan formarse para adquirir competencias. A proporción de mozos na poboación das zonas urbanas é maior ca nunca e segue aumentando. Nunha quinta parte dos países estudados no décimo informe, a mocidade das clases pobres urbanas cursa menos anos de estudos ca os seus homólogos das rexións rurais. Máis do 25% deses mozos pobres das cidades gana apenas algo máis de 1,25 dólares por día.
Non obstante, a inmensa maioría da mocidade do mundo máis pobre e con menos anos de estudos vive en zonas rurais. Moitos campesiños novos que deben afrontar problemas tan graves coma a escaseza de terras e os efectos do cambio climático carecen incluso de competencias básicas para coidar a súa saúde e sobrevivir economicamente. As mulleres das zonas rurais son as persoas máis necesitadas. A poboación xuvenil pobre das zonas agrarias necesita adquirir unha formación de tipo empresarial e comercial que lle permita encontrar outras oportunidades laborais, á parte das faenas propiamente agrícolas, para mitigar así o risco de se ver obrigada a emigrar ás cidades en busca de traballo.
“Estamos presenciando o xurdimento dunha nova xeración frustrada polo desaxuste crónico que se dá entre a adquisición de competencias e as esixencias do mercado de traballo. A mellor resposta á crise económica e ao desemprego xuvenil é garantir que os mozos poidan adquirir a formación pertinente e as competencias básicas necesarias para ingresar no mundo de traballo con confianza en si mesmos”, dixo Irina Bokova, directora xeral da UNESCO. “É imprescindible ofrecerlle vías alternativas á xuventude, e en particular ás mozas, para que se eduquen e adquiran así as competencias que lles permitan ganar a vida, vivir con dignidade e ofrecerlles a súa contribución ás comunidades e sociedades ás que pertencen”.
Unha medida intelixente que poden adoptar os países que tratan de impulsar o seu desenvolvemento económico é investir na adquisición de competencias por parte da mocidade. No décimo informe sobre a EP estímase que cada dólar gastado na educación dunha persoa rende entre 10 e 15 dólares, en termos de crecemento económico, ao longo de toda a vida laboral da dita persoa. Non efectuar os investimentos necesarios para que os mozos adquiran competencias equivale a abandonalos á súa sorte para que engrosen as estatísticas do desemprego nos países ricos, ou para que se vexan inexorablemente obrigados a desempeñar traballos remunerados con salarios que os manteñen no limiar da miseria nos países pobres.
O feito de ignorar a importancia que reviste para a mocidade a adquisición de competencias trae consigo consecuencias negativas en todas as nacións. Baseándose en datos publicados pola Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), o informe estima que nos países desenvolvidos hai 160 millóns de adultos carentes das competencias necesarias para ler un periódico ou presentar unha candidatura a un posto de traballo.
É desesperadamente necesario incrementar o financiamento da educación para reducir o déficit no ámbito da adquisición de competencias. No informe de seguimento da Educación para Todos no Mundo deste ano estímase que, para lograr a escolarización universal no primeiro ciclo do ensino secundario nos países pobres, se necesitarían uns 8.000 millóns de dólares anuais, que virían engadirse aos 16.000 millóns de dólares requiridos cada ano para conseguir a universalización do ensino primario. Tamén é necesario incrementar radicalmente o número de programas que ofrecen vías alternativas para a adquisición de competencias, co fin de poñer a educación ao alcance da mocidade que quedou excluída do sistema educativo.“Hai síntomas preocupantes de que o ritmo da axuda internacional ao sector educativo se está desacelerando, precisamente nun momento no que os nenos e a mocidade están máis necesitados de educación”, dixo Pauline Rose, directora do informe de seguimento da Educación para Todos no Mundo. “Os gobernos e os países e organismos doadores deben encontrar as enerxías e os recursos financeiros requiridos para axudar os mozos máis necesitados a adquirir as competencias que tanto eles, persoalmente, coma os seus países reclaman con apuro. Pola súa parte, o sector privado debe tamén incrementar o seu apoio financeiro, tendo en conta que é o primeiro beneficiario da presenza dunha man de obra competente e cualificada no mercado laboral”.
A redistribución da axuda internacional á educación pode contribuír a reducir o déficit de financiamento existente. Os 3.100 millóns de dólares asignados ao ensino superior nunca chegan a beneficiar os sistemas educativos dos países en desenvolvemento, porque se destinan esencialmente a financiar a escolaridade dos estudantes estranxeiros nos países doadores da axuda. Eses fondos poderíanse gastar con mellor proveito para reducir o déficit de competencias da xuventude necesitada dos países pobres. En efecto, coa suma necesaria para financiar a escolaridade dun estudante universitario nepalí nun país desenvolvido, poderíase permitir o acceso de 229 mozos compatriotas seus ao sistema de ensino secundario en Nepal.
O sector privado, que é un dos principais beneficiarios da presenza dunha man de obra competente e cualificada no mercado laboral, só achega actualmente un 5% dos fondos da Asistencia Oficial para o Desenvolvemento (AOD). A maior parte dese diñeiro dóano soamente cinco grandes empresas. Ademais, o apoio financeiro dispensado polo sector privado non sempre ten en conta as prioridades en materia de educación dos gobernos dos países beneficiarios da axuda, senón que se axusta con frecuencia ás prioridades económicas e comerciais das empresas. En efecto, unha gran parte do financiamento vai parar ao ensino superior dos países beneficiarios da axuda, malia só unha minoría de nenos e mozos desas nacións poderen acceder a ese nivel de educación e malia que a maioría deles seguen sen poder adquirir competencias básicas.
Por outra parte, a maior parte da axuda destinada ao sector das tecnoloxías da información canalízase cara aos países de economías emerxentes, coma Brasil, India e China, e non se destina aos países en desenvolvemento, que son os que máis a necesitan. No décimo informe de seguimento da Educación para Todos no Mundo formúlanse algunhas recomendacións para tratar todos eses problemas e apoiar o fomento da adquisición de competencias por parte da mocidade:
1. Cómpre ofrecer vías alternativas de educación para que uns 200 millóns de mozos do mundo enteiro poidan adquirir competencias básicas elementais.
2. No primeiro ciclo do ensino secundario débese dispensar unha formación de calidade, co fin de que todos os escolares adquiran competencias básicas pertinentes.
3. Nos plans de estudos do segundo ciclo do ensino secundario débese establecer un equilibrio entre a adquisición de competencias estritamente profesionais e técnicas (comprendidas as relativas ás tecnoloxías da información) e a adquisición de competencias polivalentes, como a seguridade en si mesmo e a aptitude para comunicar, que son indispensables en todo posto de traballo.
4. As estratexias en materia de adquisición de competencias deben apuntar ás categorías sociais máis desfavorecidas, especialmente as mulleres novas e a poboación pobre das zonas urbanas e rurais.
5. Para lograr nos países pobres a escolarización de todos os mozos no primeiro ciclo da ensinanza secundaria, necesitaríanse uns 8.000 millóns de dólares anuais. Os gobernos e os países e organismos doadores de axuda, así como o sector privado, deben ofrecer a súa contribución para reducir o déficit de financiamento actual.
A publicación da edición 2012 do informe de seguimento da Educación para Todos no Mundo segue de cerca a presentación ao público da iniciativa A educación ante todo [2] (Education First), efectuada o pasado 26 de setembro por Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas. Este subliñou o importante que é agrupar a todas as partes interesadas para superar os obstáculos existentes e lograr “unha educación de calidade, pertinente e transformadora”.
Nesa ocasión, o secretario xeral dixo tamén: “Os obxectivos que compartimos son moi sinxelos. Queremos que todos os nenos vaian á escola primaria, ingresen no ensino secundario e reciban unha ensinanza superior pertinente, para axudalos así a que teñan éxito na vida e cheguen a ser cidadáns do mundo responsables e produtivos”.
