Camiñando xuntos na educación responsable: educación emocional, social e da creatividade

Ser libres, romper estereotipos en educación, traballar pola felicidade do noso alumnado, por un mundo mellor, pola eliminación de barreiras de xénero. Nestes tres últimos anos, alumnado, profesorado e familias do CEIP ADR Castelao de Rianxo estivemos a camiñar xuntos na educación responsable. A foto de portada, da exposición elaborada polo 25 N o curso pasado, no que o PDI era o Camiño de Santiago, mostra diferentes peregrinas «Camiñando por...», imaxe que representa o noso proceso de educación emocional, social e da creatividade.

María Teresa Tubío Rial
tubiorial@edu.xunta.gal
CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Rianxo - A Coruña)

 

 

Hai tres anos comezamos unha nova andaina ao ser admitidos no Programa de educación responsable promovido pola Fundación Botín a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Un dos requisitos deste programa en Galicia está vencellado á creación dun seminario no centro, o que nos posibilita compartir o material didáctico e ampliar a formación en educación emocional a máis membros do claustro. O compromiso deste programa é, como mínimo, de tres cursos. Cada curso lévase a cabo formación específica sobre unha área. O primeiro ano, ademais da formación específica que recibimos o equipo de responsables dos diferentes recursos directamente da Fundación Botín, realizamos un curso de 10 horas vinculado ao seminario para formarnos en educación emocional. O segundo ano, o curso centrouse en educación social e, este terceiro, en creatividade.

Os recursos que pon a Fundación Botín á disposición do centro están divididos en diferentes apartados: banco de ferramentas (para infantil e para primaria); lectura e emocións (infantil), literatura e creatividade (primaria), ReflexArte e coro de emocións (infantil e primaria). Desde o primeiro momento está dispoñible unha guía con actividades moi concretas e dirixidas para levar a cabo as túas actuacións na aula de cada apartado e adaptada a diferentes grupos de idade. A medida que se gaña experiencia, xa se poden ir modificando ou creando actividades propias para solucionar problemas detectados na aula e/ou no centro.

No meu caso, son responsable do recurso de banco de ferramentas (de primeiro a terceiro de primaria), ademais de coordinadora do programa no centro. Unha das cousas que nos diferencia doutros centros é que, ademais de levar a cabo as actividades tal e como o solicita o programa, conseguimos, en colaboración cos diferentes equipos do centro, sacar adiante propostas nas celebracións e conmemoracións do centro integrando a educación emocional, social e da creatividade. Intentamos que todas as actividades que propoñemos aborden diferentes temas que nos interesa traballar, sempre relacionados co PDI que estamos traballando ese curso e con diferentes contidos curriculares. A mellor forma de entendelo é coas diferentes anécdotas e exemplos que compoñen este artigo que dividirei en tres partes. Unha para cada ano de formación.

 

Educación emocional

Cando comezamos calquera formación, todos partimos con ideas previas do que queremos, necesitamos ou pretendemos con ela. Normalmente, todos queremos que a formación que recibimos inclúa actividades, estratexias, habilidades... para aplicar directamente na aula co noso alumnado... nada máis lonxe da realidade.

O curso que levamos a cabo centrouse no benestar emocional do profesorado. En que fósemos capaces de recoñecer as nosas emocións, xestionalas na medida do posible, aceptalas, «convivir» con elas. O máis importante que «aprendín» é algo que xa sabemos, pero que sempre nos esquece: TODO o que nos pasa, como nos sentimos, se estamos cansos, se temos un mal día... todo iso transmitímolo. Somos un modelo que seguir. Educarnos emocionalmente é un traballo constante que debemos facer ao longo de toda a vida. Non podemos educalos a eles se non nos educamos nós.

As actividades concretas para levar a cabo na aula, con todos os pasos ata o máis mínimo detalle, xa as proporciona a Fundación Botín nas guías que pon á disposición do profesorado nos diferentes recursos. Hai recursos para traballar o desenvolvemento afectivo, cognitivo e social; e tamén para traballar a identificación e expresión emocional, o autoconcepto, a autoestima, o autocontrol, as habilidades de interacción, a autoafirmación e a oposición, entre outras.

Recoñecer, facerlles fronte e asumir que as emocións e os sentimentos están aí, que non son bos nin malos, fai que o alumnado estea máis receptivo ou non a aprender. Hai momentos nos que están «bloqueados», todas as actividades que nos propoñen teñen como obxectivo que nos deamos de conta dos diferentes estados de ánimo nos que se atopan non só de xeito individual senón como grupo e facer que eles se dean de conta e expresen as súas necesidades.

O primeiro ano unimos as conmemoracións do Día Escolar pola Non Violencia e a Paz e o Día de Castelao, Día da Ilustración, na actividade EmocionARTE. Esta actividade de identificación e expresión emocional consistía en que cada nivel tiña que escoller un cadro dun artista galego e reinterpretalo cambiándolle a emoción que reflectía o cadro. Na seguinte imaxe podedes ver parte da exposición resultante.

 

 

Podedes ver a exposición completa e con máis detalle na seguinte ligazón

 

Javier Rouco, un dos relatores, explicounos como traballaba el a educación emocional en infantil e insistiu moito en que debemos sorprender o noso alumnado cada día. Debemos preparar algo que sorprenda os nosos alumnos ou compartir con eles algo que nos chamase a atención no xornal, na rúa... e incluso que eles mesmos compartan cousas que lles chamasen a atención. As anécdotas, as cousas curiosas, o que se sae do común é co que nos quedamos pasado moito tempo. O cerebro vai borrando as cousas que non nos chamaron a atención para facerlle oco a novos coñecementos e experiencias; por iso, educar desde o asombro é educar de forma significativa.

Pero, ás veces, os que nos asombran, ensinan e nos fan pensar son os alumnos e alumnas a nós. Tan só uns días antes de redactar isto, intentando traballar de forma indirecta a resiliencia, pregunteille ao meu alumnado de segundo de primaria que era a felicidade. Despois de estar un anaco deixándoos falar e facéndoos pensar preguntándolles cousas como se se podía ser feliz estando aburrido, un dos alumnos sorprendeume dicindo: «os adultos non son felices porque non se divirten». Nese momento continuamos o debate, pero despois duns días sigo dándolle voltas. Non só no ámbito profesional senón tamén no persoal. Comentando isto cunha compañeira, díxome que o seu fillo había uns meses lle preguntara cando ía deixar de traballar e de estar constantemente facendo cousas e «ía ser mamá».

Quizais temos que parar, respirar e dedicar un tempo a divertirnos dentro e fóra da escola; a facer cousas diferentes. Se nos divertimos, somos felices e, se o noso alumnado ve que somos felices ou que a escola é un lugar onde divertirse e non se aburren, conseguiremos que aprendan de forma significativa. A aprendizaxe a través do xogo é algo que comezamos a instaurar despois da formación en educación social que recibimos o ano pasado. É un mundo moi amplo que estamos explorando e que se pode aplicar en todas e cada unha das materias do currículo.

 

Educación social

Os seres humanos somos seres sociais, precisamos contacto con outros individuos. Establecer unha conexión emocional sen contacto visual non é posible. Mirármonos aos ollos cando falamos é imprescindible no contacto social. O curso pasado na miña titoría de primeiro de primaria había tres alumnos que non levantaban a mirada cando falaban con ningún dos adultos e, despois de varios meses de intentalo e de falar coas familias, non eramos capaces de conectar con eles.

Polo tanto, deseñei unha actividade específica na que involucrei a todas as familias da aula. Entre todos elaboramos o mural Mirarse aos ollos é... Despois de tratar o tema en familia, cada alumno debía traer unha imaxe, unha foto, un debuxo... que para eles representase o que era mirarse aos ollos e un final para a frase «mirarse aos ollos é...». Un por un ao longo de varios días foron explicando por que elixiran, xunto coa súa familia, esa imaxe e dicindo o que era para eles mirarse aos ollos. Ao final, con todas as achegas, elaboramos un mural. Desde a realización desta actividade, os tres alumnos xa miran aos ollos.

 

 

Educación da creatividade

Gustaríame salientar a exposición «Camiño pola Paz», actividade que se levou a cabo o curso pasado para conmemorar o Día Escolar Pola Non Violencia e a Paz. Esta exposición, ademais de traballar os valores inherentes a esta conmemoración presentes no tema do PDI, o Camiño de Santiago, homenaxeaba o artista Thomas Demand e a súa exposición «Mundo de papel», autor que a Fundación Botín pedía que se traballase no apartado de ReflexArte.

Ademais de levar a cabo a actividade que nos propoñían, propúxose que cada titoría elixise un lugar, unha paisaxe, un detalle dun lugar, unha flor... algo que chamase a atención dun dos lugares polos que pasan os dous camiños que transcorren por Rianxo e/ou que representase algún dos valores do Camiño... Cada aula debía elixir democraticamente unha das fotos que se propoñían, poñerse de acordo na técnica que empregar, buscar os distintos materiais e reproducila nunha cartolina grande, sempre tendo en conta que só se podía utilizar papel, como fai Thomas Demand.

 

 

Podedes ver exemplos doutras actividades que realizamos na seguinte ligazón:

 

Conclusión

Formarse en educación responsable é formarse en multitude de aspectos emocionais e sociais da persoa para crear un espazo de diálogo no que, a través do recoñecemento das emocións e da súa xestión, se favoreza a mediación para a resolución pacífica de conflitos e poidamos acompañar as familias, o alumnado e incluso a nós mesmos no importante papel que ten a intelixencia emocional e da creatividade nas nosas vidas.

Esta experiencia formativa permite que aprendamos as habilidades necesarias para lle facer fronte á vida, unha aprendizaxe que non remata.

 

 

Sección: