Alumeando o camiño
Javier Domínguez Pérez
Mestre de Educación Primaria e Música
javierdp@edu.xunta.es
Xustificación
O CPI Laureano Prieto atópase na vila da Gudiña. O concello ten hoxe apenas 1300 habitantes e fundamentalmente a súa actividade é de carácter rural e agrario. A caracterización socioeconómica da poboación é maioritariamente baixa, con medios económicos limitados e duramente golpeada pola crise económica e o desemprego, que están baleirando o noso rural.
Partindo desta realidade, e enmarcado nunha nova convocatoria do Plan Proxecta, xorde a realización do proxecto Alumeando o Camiño. Con el búscase fomentar a solidariedade nos máis cativos, traballando a empatía e intentando ter un impacto no medio máis próximo, especialmente na vida daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social.
As posibilidades de aprendizaxe para o alumnado ao abordar a realización das diferentes actividades desborda o académico. Así, trabállanse contidos transversais como a promoción de actividades en grupo, onde a cooperación é esencial, o uso de material de reciclaxe para incidir na problemática do consumo actual e o espertar dunha conciencia cívica, incidindo en labores solidarias para construír comunidade.
Desde o taller solidario sobre o conto A superavoa de Antón, a creación de xoguetes e instrumentos con material de reciclaxe, a elaboración de peluches para doar á aula infantil do hospital e a recollida de tapóns ata a actividade cumio, a elaboración dun CD solidario, no que se involucraron os CPI de Riós e A Veiga, cun concerto-convivencia final, cuxa recadación lle será doada á Cruz Vermella de Vilariño de Conso-Fireiras, todas as actividades se traballaron desde todas as áreas curriculares para construírmos unha experiencia colaborativa e xenerosa.
Esperamos promover con ela a reflexión e o espírito de comunidade do noso alumnado, xa que, en palabras de Ryunosuke Satoro, «individualmente somos unha gota, xuntos somos un océano».
Descrición do proxecto
O CPI Laureano Prieto está situado ás aforas da Gudiña. Nel impártense as etapas de infantil e primaria, con 8 unidades, 48 alumnos/as e 10 profesores/as. As aulas están agrupadas do seguinte xeito: aula de infantil, primeiro e segundo, terceiro e cuarto, e quinto e sexto.
Partindo da análise da realidade socioeconómica da contorna, que lle afecta a boa parte do noso alumnado, atopámonos ante unha poboación de nivel adquisitivo baixo, nun medio cunha oferta de emprego limitada e reducida, pola crise actual, ao mínimo. Esta situación empuxa o éxodo cara á cidade, algo que observamos no noso propio centro, onde o número de alumnado descendeu nos últimos anos.
Pensamos que é posible entre todos crear comunidade e, traballando valores cívicos, morais e solidarios, contribuír a mellorar o noso contorno máis próximo. Por iso, o noso obxectivo prioritario é o fomento de valores solidarios e colaborativos no noso alumnado, creando conciencia social nas xeracións do futuro.
Presentamos para isto o proxecto Alumeando o Camiño, enmarcado dentro do Plan Proxecta: Voluntariado Miúdo, co que buscamos espertar a solidariedade e o espírito de comunidade, tan precisos en momentos incertos. Para iso propomos unha serie de talleres nos que, seguindo a metodoloxía de traballo por proxectos e coa implicación e coordinación de todo o equipo docente, aprenderán sobre a realidade económica actual e crearán diferentes produtos cuxo beneficio repercutirá na vida de persoas do seu contorno, sen deixar de lado os contidos de cada unha das áreas desde as que se traballa (matemáticas, educación plástica e visual, música, lingua galega, lingua castelá e inglés).
O cen por cento do profesorado do centro estivo implicado nalgunha das diferentes actividades levadas a cabo no proxecto, coordinados polo mestre Javier Domínguez Pérez
Na actividade do CD contamos a maiores coa participación do profesorado do colexio da Veiga, especialmente o mestre de Música Javier Álvarez; do colexio de Riós, Silvia Suárez (mestra de Música), e de secundaria na Gudiña, o profesor de Música Roberto Andrés.
Para lograr que esa concienciación social e a solidariedade calen no noso alumnado de forma efectiva, entendemos que é necesario que as actividades sexan motivadoras, para conseguir que sexan eles mesmos os que manifesten o seu interese e entusiasmo polas repercusións e produtos do noso proxecto. Para conseguilo, levamos a cabo unha serie de medidas:
- Promover a interdisciplinariedade, creando sinerxías entre os diferentes docentes e o alumnado, incidindo desde os distintos ámbitos curriculares e sensibilidades na problemática social.
- Buscar o traballo cooperativo e creativo, mediante o traballo en grupo, postas en común e utilización das diferentes intelixencias múltiples segundo as capacidades e preferencias do alumnado, fomentando así o desenvolvemento de habilidades sociais e comunicativas.
- Contactar con outros estamentos e institucións para a elaboración conxunta das diferentes actividades, detalladas a continuación no apartado 3.d. Transcendencia.
A colaboración dos diferentes axentes externos coa nosa comunidade educativa foi fundamental para a consecución do proxecto. A actividade de contacontos e taller solidario de A superavoa de Antón contou coa colaboración de Meu Rei, activismo pola infancia; a recollida de tapóns, coas ONG Banta e Amigos de Galicia; o taller de peluches solidarios, co Hospital de Verín; e o CD solidario, cos concellos da Gudiña, A Veiga e Riós, as ampas, ONG Meu Rei, carpintería, distribuidor de bebidas, claustros dos tres colexios, ONG Cruz Vermella, Imprenta Imgrafor...
O proxecto Alumeando o Camiño consistiu en diferentes talleres e actividades nos que se foi traballando a concienciación e solidariedade do alumnado.
CONTACONTOS E TALLER A SUPERAVOA DE ANTÓN
Coa axuda de Meu Rei, activismo pola infancia, os alumnado de quinto e sexto de primaria compartiu cos seus compañeiros, de infantil a cuarto de primaria, un contacontos realizado coa técnica de teatro xaponés (kamishibai) sobre o libro ilustrado infantil A superavoa de Antón, dentro da materia de Lingua Galega e Literatura o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Nel trataron a problemática do paro e a inestimable axuda das nosas avoas, pondo tamén en valor o esencial papel histórico da muller como columna vertebral da familia, moitas veces invisibilizado. A continuación, crearon as súas propias personaxes seguindo a mesma técnica do libro, empregando materiais naturais (pedras), co que se fomentou o xogo libre e a creatividade.
PELUCHES SOLIDARIOS
Partindo da historia de Campbell, un neno estadounidense que dedica o seu tempo libre a facer peluches para regalarlles aos nenos do hospital que se atopa preto da súa casa (dispoñible para velo na canle de aula Pequepouchas en YouTube co nome de «Actividade de peluches solidarios»), realizamos este pequeno taller solidario e creativo.
Desde infantil ata sexto de primaria, o alumnado elaborou uns poliños e vermes feitos con pompóns de lá na materia de Plástica que, xunto cuns debuxos, contos e cartas elaborados nas clases de Lingua Castelá e Lingua Galega, formarán parte dunha cesta que ao final do curso será doada ao Centro Hospitalario de Verín e coa que se persegue amenizar a estadía dos nenos ingresados na ala infantil do devandito hospital.
TAPÓNS SOLIDARIOS
O colexio, xunto coas familias e o persoal non docente, colaborou con Banta (Banco de Tapóns do Baixo Miño) na recollida de tapóns para axudar nas diferentes campañas levadas a cabo por esta organización xunto coa Fundación Amigos de Galicia (https://www.fundacionamigosdegalicia.org/). A introdución á actividade levouse a cabo vendo un vídeo sobre o proceso de reciclaxe dos tapóns e o seu destino, e analizamos a función de Banta, de Amigos de Galicia e da organización Meu Rei, activismo pola infancia, na devandita recollida. Como motivación para a actividade, cada alumno de infantil a sexto de primaria montou unha caixa recolletapóns, cedidas por Meu Rei.
A actividade levouse a cabo durante todo o curso con boa aceptación e recolléronse uns 250 quilogramos ao longo de todo o ano.
Vídeo titorial, caixas recolletapóns
INSTRUMENTOS CON MATERIAL DE REFUGALLO
Co obxectivo de fomentar o uso responsable de recursos e materiais, reflexionando sobre a problemática do consumo actual, ademais de traballar contidos curriculares da materia de Música, como o ritmo e a percusión, tan presentes no Entroido tradicional desta comarca ourensá, e de recuperar antigos xoguetes/instrumentos musicais usados polos cativos de antano en Galicia, apreciando así a nosa cultura inmaterial, leváronse a cabo con todos os cursos de primaria diferentes talleres de instrumentos ao longo do curso, entre eles: chifres con abelás; zoadoras con botóns e pandeiros veganos feitos con táboas de refugallo e celo transparente.
OBRADOIROS CRUZ VERMELLA E CIM (centro de información da muller)
Co obxectivo de traballar contidos transversais a todas as materias, leváronse a cabo, nas etapas de infantil, primaria e secundaria, en colaboración coa Cruz Vermella e o CIM (centro de información da muller) da nosa comarca, diferentes obradoiros orientados a traballar valores tan necesarios na nosa sociedade.
- Cruz Vermella: Dereitos da Infancia (Día Mundial da Infancia)
- CIM: outubro, Autoestima
- CIM: novembro, Violencia de Xénero
- CIM: xaneiro, Bullying
- CIM: febreiro, Corresponsabilidade
- CIM: marzo, Habilidades Sociais
- CIM: abril, Responsabilidade coas TIC
- CIM: maio, Resumo de Talleres
- Cruz Vermella: maio, talleres en secundaria sobre primeiros auxilios e educación sexual
CD MATEMÁTICAS SOLIDARIAS 2
A actividade cumio deste proxecto solidario é a creación do CD MÓVETE, Matemáticas solidarias 2, que consiste na elaboración dun CD con versións de temas de éxito de diferentes estilos musicais, onde a letra se modifica para abarcar contidos do currículo da materia de Matemáticas. O alumnado gravará as cancións, creará e maquetará o CD, e realizará un concerto final onde cantará estes temas. Os beneficios obtidos da venda do CD serán doados a unha ONG local, co cal os seus froitos repercuten no seu contorno.
Foron tres os obxectivos claros e ben marcados que se traballaron coa súa elaboración. O primeiro, mellorar a cultura musical nos nosos cativos, ampliando o seu coñecemento sobre esta para aprender a valorar e apreciar diferentes estilos e ritmos. O segundo, motivar o alumnado cara ao estudo da materia de Matemáticas, todos sabemos da súa importancia e da dificultade que presenta habitualmente para os estudantes. E por último, traballar o valor solidario das nosas accións, creando un produto entre todos co que recadar fondos para axudar a paliar algunha necesidade próxima do noso contorno.
O seu desenvolvemento levouse a cabo traballando de xeito cooperativo e colaborativo, con distintos grupos, simulando o traballo nunha discográfica real. Despois dunha chuvia de ideas onde se decidiu a acción solidaria destinataria dos beneficios do proxecto, a clase dividiuse en grupos para abarcar todos os puntos. A repartición de tarefas foi a seguinte:
- Grupo musical: uso do programa para gravar as cancións e editalas, creación do videoclip, organización da lista e orde das cancións no concerto final.
- Grupo deseño e maquetación: elaboración do libro coas letras, maquetación deste, do CD e da súa caixa.
- Grupo administración: preparación de orzamento, analizando gastos, investimento e métodos de venda (físico e dixital).
- Grupo montaxe: deseño da montaxe do escenario do concerto final, elaboración da decoración.
- Grupo publicidade e márketing: realización dunha enquisa sobre o prezo de venda recomendable, deseño de carteis, publicidade (redes, TV, radio, prensa, blogs...).
- Gran grupo: gravación das cancións e montaxe do escenario.
Como resultado elaborouse un CD con 6 cancións, versións de grandes éxitos coñecidos no ámbito nacional, nos que a súa letra foi substituída por teoría da materia de Matemáticas, e 2 bonus track de temática solidaria. Para gravalas, involucramos o alumnado do CPI da Veiga e do CPI de Riós —cada colexio encargouse de dúas pezas—. As cancións extras foron realizadas polo alumnado de secundaria, do CPI A Gudiña, uníndoos dese xeito tamén ao proxecto.
Imprimíronse 200 CD a custo cero grazas á colaboración da imprenta Imgrafor e da organización Meu Rei, co cal os beneficios da súa venda ascenden a 1000 euros, que foron doados á Cruz Vermella de Vilariño de Conso-Frieiriras.
Como actividade final do proxecto realizouse un concerto para presentar os temas, no que se xuntaron as catro institucións educativas participantes, xunto con entes das institucións colaboradoras neste, onde se interpretaron os temas do CD, seguidos dunha pequena charla a cargo da Cruz Vermella na que se explicou o destino dos fondos. A xornada de convivencia rematou cuns petiscos que trouxeron as familias dos coles participantes e dos centro educativos.
Como perspectiva de futuro, a intención é facer novas edicións en cursos vindeiros, implicando a máis colexios e institucións, para poder continuar a achegar o noso gran de area ao desenvolvemento social da nosa contorna.
Avaliación
O obxectivo prioritario do noso proxecto é o fomento de valores solidarios e colaborativos no noso alumnado, para crear conciencia social nas xeracións do futuro. Baseándonos nel, pensamos que debemos conseguir:
- Levar a cabo diversas actuacións cuxo produto repercuta positivamente no contorno próximo ao noso colexio. Este obxectivo conseguirase se as nosas creacións chegan aos seus destinatarios, por exemplo, a entrega de peluches no Hospital de Verín ou a doazón de 1000 euros á Cruz Vermella.
- Un ambiente de traballo cooperativo, aberto e creativo, o que observaremos directamente nas dinámicas dos grupos de traballo, avaliando cunha rúbrica creada para o efecto.
- Suscitar o interese da comunidade educativa e externa, creando sinerxías cara á solidariedade e a colaboración entre os diferentes entes. Valorarase na participación e difusión nos diferentes medios do noso proxecto.
- Traballar os contidos curriculares de cada materia asociados ás diferentes actividades, por exemplo, no caso do CD, a teoría de Matemáticas.
A maiores, empregaremos un pequeno cuestionario de metacognición, onde o alumnado analizará a través dunhas breves preguntas toda a experiencia, o que nos proporcionará información útil para a súa mellora e implementación en anos vindeiros, á vez que crea un espazo para a reflexión.
A acollida do proxecto no ámbito de difusión foi, ao noso xuízo, excelente, xa que se fixeron eco do proxecto e da nosa iniciativa medios informativos radiofónicos, xornalísticos e televisivos:
Xornais: Faro de Vigo, La Región e La Voz de Galicia, tanto en físico como en dixital.
Radio: Radio Cope Verín, RadioVoz e no programa A tarde da Radio Galega.
Televisión: Televisión de Galicia (dispoñible na canle de YouTube ou no blog Pequepouchas).
A través das redes sociais foron multitude de compartidos e Likes, tanto en Facebook como Instagram, non só por axentes da comunidade educativa senón tamén por persoas alleas ao centro.
No noso blog de aula Pequepouchas e na nosa canle de YouTube poderedes atopar todo tipo de material dixital sobre o proxecto: os temas, o concerto, entrevistas, videoclip, repercusión nos medios... e moito máis.