Rodando diversidade na igualdade

Isabel García
CEIP de Ombre (Pontedeume - A Coruña)

No CEIP de Ombre (Pontedeume), a comunidade educativa traballa a coeducación na escola con base no principal obxectivo do noso plan de igualdade. O seu fin é o de contribuír á construción dunha sociedade que teña a equidade e a non discriminación como base da súa convivencia. Pretendemos que os nosos alumnos e alumnas sexan membros activos da devandita convivencia igualitaria nun contexto de liberdade e aceptación da diversidade, como bases dunha sociedade xusta e digna.

Con estes principios estabamos traballando a proximidade do 8 de marzo do ano 2018, sendo moi conscientes da importancia histórica que se achegaba ante a convocatoria da primeira folga feminista que se ía realizar. Dado que o noso centro é una escola rural, tiña que permanecer aberta e a única responsable desta no seu posto de traballo. A comunidade educativa, a teor desa situación, decidimos facer que as nosas nenas e nenos vivisen esa data como parte activa do momento histórico no que se atopaban e como un día de actividades que encaixase no noso plan de igualdade. Cando estabamos pensando a forma de facelo, xurdiron as ideas do proxecto que puxemos en marcha e que hoxe segue o seu camiño: a nosa pelota de diversidade e igualitaria.

Un dos pais da escola, que é un fantástico artesán e artista da madeira, propuxo facer unha escultura de material reutilizado (material que é un dos principais elementos de uso da nosa escola nun contexto de coidado e respecto do medio ambiente). A escultura era un conxunto de espazos xeométricos que basculaban enriba dunha vella carretilla e que representaban as cargas que historicamente levaban as mulleres polo mero feito de seren mulleres.

A esa escultura engadímoslle, simbolicamente, as tarxetas cos hashtags que expresaban as cargas tradicionais das mulleres. Este proceso fixémolo entre todas e todos esa mañá na escola. Máis tarde, as nenas e nenos colocáronos na escultura.

Foi una mañá lúdica, reivindicativa e educativa na que, inmersos na creatividade, artellamos unha serie de actividades que tiñan como fin o feito de manifestar o completo rexeitamento a todo tipo de discriminación e nesgo cognitivo e, por outro lado, a realización dunha proposta de defensa da diversidade no contexto de igualdade. Para simbolizar todo o anterior vestímonos con diferentes materiais multicores.

Unha vez realizado todo o anterior, decidimos facer unha pelota de retallos que simbolizasen esa diversidade nun tecido de igualdade. Despois, só quedaba lanzala a rodar polo mundo mandando a súa mensaxe: «Diversidade na igualdade». Aquela pelota levaba consigo o dereito a ser diversos, a pensar de forma diferente, a sentir de múltiples formas e a medrar en liberdade, no camiño da igualdade dos dereitos humanos. Esa mesma tarde saímos á rúa da nosa localidade de Pontedeume e botamos a pelota a percorrer o mundo.

Xa leva un tempo viaxando e sendo impulsada pola solidariedade de moitas persoas que queren ser partes desa cadea de apoio que precisa o noso proxecto. Moita xente ten participado nesta rodaxe, facendo fotos con ela e subíndoas ás redes sociais co hashtag #rodandodiversidadenaigualdade e pasando a foto de «Pasapelota», cos mesmos hashtags.

A noticia deste proxecto igualitario chegou á prensa e La Voz de Galicia publicou un artigo no que se fala del.

A pelota segue percorrendo camiños de apoio e impulso que lle van dando o pulo necesario para seguir avanzando e as nosas nenas e nenos seguirán medrando paralelamente ao seu percorrido, sabendo que son protagonistas das andainas desa pelota igualitaria que medrará canda elas e eles.


 

La Voz de Galicia

 

Bibliografía: 

 

 

 

Arnáiz Sánchez, P. (2012). Escuelas eficaces e inclusivas: cómo favorecer su desarrollo. Educatio siglo XXI, v. 30, 1, pp. 25-44. Recuperado de https://revistas.um.es/educatio/article/view/149121/132111

Díaz-Aguado, M. (2003). Educación intercultural y aprendizaje cooperativo. Madrid: Pirámide.

Jewkes, R.; Flood, M.; Lang J. (2015). From work with men and boys to changes of social norms and reduction of inequities in gender relations: A conceptual shift in prevention of violence against women and girls. Lancet, v. 385, pp. 1-19. Recuperado de https://ro.uow.edu.au/cgi/viewcontent.cgi?article=3070&context=lhapapers


Marcos, M. J.; Avilés N. R.; del Río Lozano M.; Cuadros J. P.; García Calvente, M. (2013). Performing masculinity, influencing health: A qualitative mixed-methods study of young Spanish men. Glob Health Action, v. 6, pp. 1-11. Recuperado de https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC3776322/pdf/GHA-6-21134.pdf

Syed, S. (2017). Introducing gender equity to adolescent school children: A mixed methods' study. Family Med Prim Care, v. 6, pp. 254–258. Recuperado de https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC5749066/

Torres, J. A. & Fernández, J. M. (2015). Promoviendo escuelas inclusivas: análisis de las percepciones y necesidades del profesorado desde una perspectiva organizativa, curricular y de desarrollo profesional. Revista Electrónica Interuniversitaria de Formación del Profesorado, v. 18, 1, pp. 177-200. Recuperado de https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=4942074

Vogliotti, A. (2007). La enseñanza en la escuela: entre la igualdad y la diversidad. Un enfoque desde la Pedagogía de la política cultural. Praxis Educativa, v. 11, pp. 84-94. Recuperado de https://cerac.unlpam.edu.ar/index.php/praxis/article/view/470/400


 

Sección: