Falarte: un proxecto documental integrado da Escola Oficial de Idiomas de Lugo

O Proxecto documental integrado FalArte, que resultou galardoado no VI Concurso de Traballo por Proxectos. Convocatoria 2018/2019, na modalidade “Proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar”, foi un proxecto coordinado dende a biblioteca escolar, que contou coa participación de toda a comunidade educativa. A temática deste proxecto foron as artes nos países en que se falan as linguas que se estudan na escola.

Fernando Vázquez López
eoi.lugo@edu.xunta.gal
Escola Oficial de Idiomas de Lugo

 

Contextualización

A provincia de Lugo, aínda sendo a máis extensa das catro provincias galegas, é a terceira en número de habitantes (331 327), dos cales case o 30 % vive na capital. A Escola Oficial de Idiomas de Lugo é a escola de referencia de toda a provincia, xa non só polo número de alumnado, senón pola variedade de linguas que se pode estudar nela.

As EOI son unha institución bastante singular en Europa e, en xeral, no mundo. Son institucións públicas que, de xeito moi económico, axudan a que o alumnado poida formarse na aprendizaxe de idiomas ao longo da súa vida. As persoas que se matriculan na EOI fano de xeito voluntario, o que contribúe a que o seu nivel de interese, implicación e motivación sexa tan elevado. Ao mesmo tempo, o docente sente que o seu labor é valorado de xeito moito máis positivo do que habitualmente sucede noutro tipo de centros. 

Escola Oficial de Idiomas de Lugo

 

A biblioteca como motor da escola

Desde hai anos, a biblioteca da Escola Oficial de Idiomas converteuse no eixe arredor do que se moven as actividades culturais do centro. Este non foi un labor dunha única persoa, senón que contou coa colaboración da maior parte do profesorado que traballou no centro.

Sen dúbida, unha das claves de que a biblioteca funcione como eixe dinamizador das actividades do centro é que sempre houbo unha boa coordinación. Primeiro, por parte de Mercedes Teijeiro Gato, quen ocupou o cargo de coordinadora da biblioteca durante varios anos, e logo Raquel Estévez González, durante o curso pasado e, na actualidade, Gema Fernández Bermúdez, as cales souberon coordinar uns equipos que, malia que foron mudando ao longo dos anos, sempre contaron con integrantes estables do persoal que conta con destino definitivo no centro, o que fixo posible a súa mellora.

Outra das claves do seu bo funcionamento está en que participan todos os departamentos. Sería moi difícil que ocupase o lugar que ten hoxe na escola se non fose pola implicación de toda a comunidade educativa. Na actualidade, é a biblioteca de todos e todas. Se algún dos idiomas que se imparten na escola non estivese presente, xa non podería cumprir con ese rol de motor dinamizador da escola.

Sempre houbo representación e traballo activo de todos os departamentos e contou cun equipo que, ademais de lle dedicar moitas horas a esta coordinación, tamén puxo entusiasmo, creatividade e bo facer no seu traballo.

A mellora da biblioteca foi organizativa, mais tamén estética, grazas ás axudas económicas do PLAMBE das convocatorias 2017/18 e 2018/19, que mudaron completamente a estética deste espazo, converténdoa nun lugar máis acolledor, funcional e confortable, con novos estantes, nova luminaria, un encerado dixital, mellores zonas de lectura, computadoras con conexión a Internet etc. Todo isto levou a que o número depréstamo de libros aumentase considerablemente nos últimos anos, pasando dos 921 exemplares emprestados no curso 2014/15 aos 2025 no curso 2018/19.

Biblioteca antes e na actualidade

 

Tamén os clubs de lectura, que na actualidade existen en todos os idiomas, axudaron a que este espazo se convertese nun lugar de encontro e de lectura para o alumnado da escola de idiomas.

Club de lectura con Manuel Portas e encontro con César Lacerda

 

Os proxectos documentais integrados anteriores

Durante o curso 2015/16, aproveitando que o Día das Letras Galegas estaba dedicado á figura de Manuel María, deseñouse o que sería o primeiro proxecto interdepartamental no que se implicou toda a comunidade escolar do centro, Voces para Manuel María, escritores irmáns. A biblioteca realizou unha programación conxunta co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa idea de unir esforzos e involucrar o maior número de profesorado e alumnado nas actividades do centro.

Toda a información do proxecto pode consultarse na seguinte ligazón.

O segundo proxecto foi Viaxar, que se desenvolveu durante o curso 2016/17. Foi promovido tamén desde a biblioteca e tivo como eixe central a temática das viaxes. Contou novamente coa participación de todos os departamentos e resultou máis doado ca o do ano anterior, debido á experiencia previa. Toda a información do proxecto pode consultarse na seguinte ligazón.

No curso 2017/18 realizouse o proxecto documental integrado (PDI) Alimentación e Saúde. O tema elixido foi a alimentación e a saúde nos países en que se falan as linguas que se estudan na escola. O alumnado traballou diferentes aspectos como a importancia do tema, os hábitos alimentarios e saudables, as normas de etiquetaxe, os menús tradicionais, as intolerancias alimentarias, as correntes saudables de alimentación ou a vida cardiosaudable. O proxecto gozou de grande éxito non só entre o profesorado, senón tamén entre o alumnado que se implicou de xeito moi activo. Como peche do proxecto, fíxose unha festa culinaria, con pratos tradicionais e non tan tradicionais, adaptados para diferentes problemáticas e modos de vida que foi moi do gusto do alumnado. 

O proxecto deste ano contou coa novidade de que participou outro centro da nosa contorna, o IES Sanxillao. O seu alumnado do ciclo de Hostalería e Turismo encargouse de elaborar os pratos que resultaron elixidos polo alumnado das sete linguas que se ensinan na escola como os máis representativos dos países onde se falan, tendo en conta os modos de vida e problemáticas alimentarias (veganismo, vexetarianismo, alerxias e intolerancias). Na festa culinaria de peche do proxecto o alumnado de ambos os centros puido degustalas. 

Festa culinaria de peche do PDI Alimentación e saúde

 

Toda a información do proxecto pode consultarse na seguinte ligazón.

Proxecto documental integrado FalArte

No curso 2018/19 levouse a cabo o proxecto FalArte, que resultou galardoado no VI Concurso de Traballo por Proxectos, convocatoria 2018/19, na modalidade proxectos documentais integrados, coordinados desde a biblioteca escolar. Volveu contar coa participación activa de todos os departamentos, do alumnado da escola e doutro centro da nosa contorna, a EASD Ramón Falcón.

A temática deste proxecto foron as artes nos países en que se falan as linguas que se estudan na escola (distintos tipos de artes en distintos países) seguindo o seguinte esquema:

  • Departamento de Alemán: o cinema
  • Departamento de Chinés: a caligrafía
  • Departamento de Francés: a arquitectura
  • Departamento de Galego: a música
  • Departamento de Inglés: a fotografía
  • Departamento de Italiano: a pintura
  • Departamento de Portugués: a danza

A biblioteca encargouse da difusión das actividades que se programaron dentro de proxecto e promoveu os materiais que se adquiriron a través da proxección de documentais e exposicións no andel da entrada. Así mesmo, xestionou as exposicións de arte e a tarefa final, que consistiu na creación dun graffiti por parte de Otro Prisma, artistas locais e antigos alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. Neste graffiti representáronse os distintos idiomas que se estudan na escola a través dunha icona artística.

                                                                                                                  

Inauguración do graffiti

 

Este tipo de proxectos, ademais de fomentar a cohesión do grupo e axudar a desenvolver dun xeito atractivo o currículo das linguas, cunha participación moi activa do alumnado, conseguen que a biblioteca se vaia dotando de fondos de contido informativo, o que axuda ao desenvolvemento das competencias básicas do alumnado.

Toda a información e os traballos sobre este proxecto están recollidos na bitácora que pode consultarse na seguinte ligazón.

Moitas veces temos a idea de que este tipo de proxectos supoñen un traballo interminable e moitas máis horas de dedicación, mais isto non é así. Simplemente, requiren que haxa unha boa planificación e coordinación de todos os departamentos. Sempre eliximos a temática e bosquexamos o proxecto entre maio e xuño, para que en setembro cada departamento poida inserilo nas súas programacións e teña unha estrutura definida, de xeito que non haxa duplicidades nin traballo baldío. Non ten por que supoñer máis traballo, senón simplemente que uns contidos do currículo se impartan de xeito coordinado entre todos os departamentos e cun desenvolvemento en que o papel do profesorado e do alumnado é moito máis activo e cohesionado.

O proxecto FalArte foi o último chanzo, que non o derradeiro, da escaleira que supón a construción dun ensino máis colaborativo e máis participativo. Animádevos! Gustaravos a vós, gustaralle ao alumnado e resultará enriquecedor para toda a comunidade educativa.

 

 

 

Sección: