Os inventos que cambiaron a vida dos nosos avós

(A historia da humanidade a través dos inventos)

Dolores Oubiña Millán
EEI A Pastora. Cambados
oubina@edu.xunta.es


Os cursos 2013/15 na EEI da Pastora supuxo un tempo de reflexión tanto co claustro como cos meus alumnos sobre como a escola e a vida na casa cambiaran no século XX e no comezo do XXI. Co claustro, nun PFPP (Plan de formación permanente do profesorado), afondamos en como ensinamos a ler e a escribir e como aprenden os nosos pícaros. Co alumnado reflexionamos sobre o cambio que tivo a escola desde os nosos avós ata nós.


Descubrir como avanzou a humanidade a través dos seus inventos foi o gran proxecto no que nos embarcamos o ano pasado na EEI da Pastora. En cada nivel escollemos unha época da historia e unha contorna para estudar. Os peques estudaron o Medievo (o cole encheuse de castelos, cabaleiros, armas antigas, cascos…). Os maiores pescudaron na Prehistoria: cavernas con pinturas rupestres, pedras, petróglifos, armas e maquetas de poboados encheron as aulas.


No quinto nivel decidimos que os últimos séculos, na escola e na casa, eran tempos e lugares onde había moito que investigar. Paralelamente estabamos a reflexionar nun grupo de traballo sobre como ensinamos a ler e a escribir e sobre como aprende o noso alumnado. Tamén faciamos un curso sobre blogs que nos permitiu amosar a nosa escola no día a día. Que abraiante cando dúas reflexións tan diferentes se cruzan en moitos puntos do camiño! Que importa que teñamos grandes inventos se seguimos a usalos sen sacarlle o mellor rendemento? Ter un frigorífico cheo de comida que se estraga por non planificar o menú de cada día. Ter que facer un prelavado da roupa á man por non ter tempo de lavala cando se ensuciou a pesar de ter a mellor lavadora do mercado. Cociñar todos os días asfixiados polo pouco tempo que temos cando dispoñemos de robots de cociña, conxeladores, microondas. Isto foi algo que descubrín traballando cos meus alumnos o curso pasado. E se o levamos ao contexto da escola, podemos ver que algo parecido está a pasar.


Empezamos co proxecto alá por outubro. Tentamos investigar os inventos que cambiaron a escola seguindo unha liña cronolóxica: fomos do pau aos robots educativos, pasando por pigmentos, papel, tinta, plumas, imprenta, lapis, estilográfica, bolígrafo, máquina de escribir...


Foi emocionante para min e para os meus alumnos vivenciar como aprendían os nosos avós na escola a través dos materiais e ferramentas que usaban. Os paus amosáronnos como deberon ser as primeiras escrituras que existiron no mundo. A terra e a area foron os primeiros lenzos que, como descubrimos, non son indelebles e a súa duración vén marcada polo vento, a auga ou as pegadas doutros. Pero quen non aprendeu ou ensinou algo escribindo na area? Ou, se reflexionamos, cantas veces parece que estamos a escribir na area cos nosos alumnos. Grandes obras que deixan pouca pegada.


Os pigmentos, e entre eles o carbón, permitiron que os coñecementos puidesen moverse de lugar, a presenza física do emisor xa non era necesaria. O lapiseiro foi o grande invento para a nosa escola ou así o percibiron os nosos alumnos; podíase borrar o errado. A tinta coa que experimentaron era indeleble e os erros caros, estragábase o papel. O "lapis de lousa e o encerado" (profe que vella es que usaches isto) amosáranlles unha escola non tan afastada na que o transmisor non era só o mestre senón os compañeiros de maior idade que facían a función de docentes con outros discentes.


Mentres eles investigaban e se metían no papel de rapaces doutras épocas, invitábanme a reflexionar sobre o cambio na escola. É cualitativamente e cuantitativamente tan diferente a ensinanza na actualidade da que viviron os nosos avós? Creo que nunha ollada superficial calquera diría que cambiou moito. Só a excursión ao Mupega cos nenos nos permitiu ver o avance no tempo, pero non sei se moitas veces o cambio quedaría no escenario e nos aderezos.



Xa non hai pupitres, pero moitas veces o traballo segue a ser tan individual ou máis ca a principios do século XX. Hai encerados dixitais en moitas aulas, pero o seu uso restrínxese ao mesmo uso ca o que lles dabamos aos mapas que estaban colgados nas paredes desas vellas escolas, e as tabletas, que, como dixeron os alumnos, se parecen moito aos encerados que usaban, pero non gardan a información. (E que pasa se esa información non a estruturamos, reelaboramos… queda como no encerado, escrita unha vez e logo borrada do noso campo de visión).



Os libros nos que aprenden a ler os nosos nenos moitas veces parécense aos que usaban os nosos pais: “Mi mamá me mima” equivale á frase de hoxe “O oso Simón asa salmón". Aínda escoito as risas dos pequenos cando, na pequena exposición recreativa dunha aula do século XIX que tiñamos no centro, lin un dos libros que alí había: “profe, estás de broma, non pode poñer iso. Non ves que non conta nada”. De que serve formarse se logo non o levamos ás aulas? Parecemos acomodados no tempo aínda que cambiase todo ao noso arredor.


Que gran emoción cando entramos na tecnoloxía máis punteira na escola: no século XX o libro de texto (a imprenta abaratouse e chegou ao pobo). “Profe, xa tiñan libros nos que buscar información". O faiado dalgunha mestra baleirouse para traer os libros nos que os seus pais estudaron o bacharelato, e alí aparecían textos que aos nosos ollos eran alienantes, sexistas, racistas…
Que pasaría se dentro de vinte anos reflexionásemos sobre os textos que estamos a usar nos nosos días, de verdade que non eliminariamos ningún?



A máquina de escribir, o grande avance do século XX, quedou nunha mera anécdota no tempo, un xoguete para os nenos que nunca viran nas súas casas. Que ben o pasaron escribindo nos armatostes que sacamos do máis recóndito dos nosos fogares! Algúns dos grandes descubrimentos do século XX tamén son grandes descoñecidos para o noso alumnado. A tecnoloxía deu pasos tan grandes que moitos deles se perderon para as últimas xeneracións (o transistor, o tocadiscos, o discman, o radiocasete, o teléfono fixo). O computador, algo que para a sociedade actual é común nas casas de dez anos para acá, é algo que está dentro da aula e que parece que nunca faltou ou iso pensan os noso nenos.



Non nos quedamos no pasado. Os robots educativos chegaron á escola nunha charla e quedaron para axudarnos a aprender.  A realidade virtual aumentada tamén nos visitou. A verdade é que aínda creo que as mestras temos os ollos coma pratos de ver as posibilidades que hai nas novas tecnoloxías para a escola.


Canto cambiou o contorno dos nenos e que pouco cambiou como ensinamos! O papel do mestre segue a ser o mesmo en moitas escolas e resúmese nunha frase dun alumno: "Profe, ti vas á escola de mestres e alí colles intelixencia e logo vés á nosa escola e dásnos intelixencia". Meros transmisores de coñecementos, así é como nos ven os nosos alumnos e as súas familias.


E a metodoloxía que dicimos que aprendemos nos cursos de formación: uso das novas tecnoloxías, traballo cooperativo, educación emocional…, onde a ven os nenos e os pais?


Ás veces a reflexión fainos ver, á parte das grandes lagoas que hai no noso día a día, os grandes logros que temos feito. Ou como, se non, poderiamos chegar a investigar cos alumnos de 4 e 5 anos de onde vimos e a onde imos? A formación permanente do profesorado e a súa aplicación no día a día da aula é o que nos permite avanzar no proceso de ensinanza cara á educación duns cidadáns críticos e curiosos que no futuro inventarán obxectos e ferramentas que cambiarán o mundo e a súa historia.
 

Sección: