Reciclándonos
Bernardo Gallego Otero
Mestre en Lingua Estranxeira no CEP Sabarís (Baiona - Pontevedra)
bernardogallegootero@edu.xunta.es
Contextualización
O CEP Sabarís é un centro de educación primaria de 130 alumnos e alumnas situado no concello de Baiona. Aínda que é un sitio moi turístico e o concello conta con recollida selectiva de lixo, atopamos que tanto as familias como o alumnado non estaban moi sensibilizados coa importancia do noso papel en relación co coidado ambiental.
O noso obxectivo principal foi construír un proxecto baseado nas liñas estratéxicas do plan Proxecta que pasan por fomentar a educación en valores, o desenvolvemento das competencias e as metodoloxías activas e cooperativas centradas nun proxecto de traballo común.
Deste xeito tamén intentamos que o noso proxecto tivese un alto potencial de transferibilidade tanto no propio centro como no resto da comunidade educativa. Non só difundimos as nosas prácticas educativas dentro da escola senón que intentamos facer participes do noso proxecto as familias e o concello.
Obxectivos
Ao iniciar o noso proxecto propuxémonos uns obxectivos modestos e relacionados coa educación ambiental.
- Achegarlles ao noso alumnado e ás familias a importancia de aplicar o principio dos 3 R (reducir, reutilizar e reciclar).
- Implicar no proxecto a toda a comunidade educativa.
- Concienciar de que para reciclar é imprescindible separar e clasificar o lixo.
- Concienciar os alumnos de que o lixo é un recurso de valor.
- Adquirir hábitos de vida saudables e respectuosos co medio.
- Fomentar un consumo responsable e sustentable dentro da familia.
Ademais propuxémonos acadar uns obxectivos que tivesen unha relación directa co noso currículo de primaria:
- Traballar as competencias básicas dentro do modelo de Sogama.
- Promover actitudes colaborativas e de traballo en equipo.
- Motivar o noso alumnado para que sexa máis autónomo.
- Desenvolver actividades de forma interdisciplinar.
- Potenciar a creatividade á hora de realizar un proxecto.
Todas as actividades que desenvolvemos tiveron como meta alcanzar estes obxectivos formulados. Coa axuda de todos acadamos que o noso alumnado estivese implicado e motivado e fomentamos a construción de aprendizaxes significativas. Todo isto, dentro dun clima de cooperación e traballo en equipo, promovendo os valores sociais e creando futuras persoas de ben.
Xogo da reciclaxe, elaborado polo alumnado de sexto curso
Organización, desenvolvemento e metodoloxía
ORGANIZACIÓN
O profesorado estableceu desde o principio do curso reunións periódicas para avaliar a proposta de actuacións e o seu desenvolvemento. Partindo desa idea organizamos diferentes grupos de traballo que coordinarían as distintas actividades. Estas actuacións debían enmarcarse, nun primeiro momento, no coñecemento dos tres erres (reciclar, reutilizar e reducir), para a continuación ir avanzando cara a outras actividades máis complexas e que rematarían cunhas conclusións e reflexións elaboradas polo noso alumnado.
DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA
Neste vídeo introdutorio poderedes ver unha mostra gráfica do desenvolvemento das nosas actividades:
As nosas actividades estiveron baseadas nun primeiro momento en darlles a coñecer ás familias o principio dos tres erres:
RECICLAR: desde que chegaron as diferentes bolsas de reciclaxe para as clases, as nenas e nenos do CEP Sabarís empezamos a aprender como clasificar o lixo. E para cumprir con este obxectivo creamos a figura do axente ambiental. Os nenos e nenas do noso cole facían de gardas de seguridade para que se respectase a correcta clasificación do lixo nos tres colectores (verde, azul e amarelo).
REUTILIZAR: na nosa escola, á parte de facer unha boa separación do lixo nos diferentes colectores, aprendemos a reutilizar. No Samaín preparamos uns morcegos terroríficos feitos con oveiras, para o Nadal fixemos uns orixinais renos cos paus dos xeados e unhas tarxetas de felicitación, para o Día da Nai fabricamos uns marabillosos marcos con materiais reutilizados… Pero non só reutilizamos na clase de Plástica. Na clase de Educación Física elaboramos un pequeno xogo a partir dos envases de iogures e o papel de alumnio das nosas merendas e outro xogo con calcetíns vellos. Na clase de Relixión preparamos unhas estrelas e un belén con materiais reutilizados. En Música fixeronse instrumentos musicais. Todo foi 100 % R.
REDUCIR: aprendemos que reciclar e reutilizar son moi necesarios, pero o máis importante é a prevención. Así que levamos a cabo unhas charlas coas nosas rapazas e rapaces para que visen a súa importancia. Chegamos á conclusión de que na vida diaria podemos adquirir certos hábitos como, por exemplo, levar as nosas propias bolsas á compra ou poñer a nosa merenda nunha friameira para non xerar lixo ao traelas envoltas en papel de aluminio ou plástico.
Reciclar, reducir e reutilizar
Reciclándonos foi un proxecto longo no que participou o noso alumnado de forma activa pero no que tamén quixemos involucrar a máis axentes sociais (familias, comerciantes, concello...). Polo Nadal a asociación de comerciantes e empresarios de Sabarís (COEMSA) invitou os colexios de infantil e primaria a unha actuación musical na praza da vila. Pola nosa parte, a escola decorou a árbore de Nadal da praza con serpentinas e bolas feitas con botellas de plástico. Ademais fixemos unha recollida de xoguetes para darllos a unha ONG local. Desta forma reducimos a formación de lixo e contribuímos a facer felices a outros nenos e nenas. O noso centro tamén foi partícipe da recollida de roupa de segunda man para entregarlla a outra ONG. Cabe destacar aquí o alto grao de implicación das familias para que estes proxectos fosen todo un éxito.
Xa no mes de febreiro tivemos a oportunidade de pasar un bo anaco xogando ao Trivial de Sogama. A finalidade do xogo era aprender un pouco máis sobre o medio e a clasificación do lixo mentres nos divertiamos. Pasámolo fenomenal, aínda que as preguntas do Trivial eran bastante difíciles para as nenas e nenos dos primeiros niveis de primaria.
Alumnos e alumnas de segundo xogando ao Trivial de Sogama
Cando chegou o Entroido, decidimos que os nosos disfraces estivesen realizados con materiais reutilizados. Cada clase fixo os seus propios deseños. Todos tiñan que estar relacionados coa natureza e a súa conservación.
Na Semana da Froita e a Comida aproveitamos para dar a coñecer o noso composteiro. Os restos de comida do comedor escolar e todo o lixo de orixe vexetal que producimos foi recollido e botado no composteiro. E, aproveitando que temos un composteiro, decidimos crear unha horta escolar. Plantamos diferentes tipos de herbas aromáticas, hortalizas e flores en tarros reutilizados que proviñan de envases de plástico. Elaboramos ademais unha ficha para a recollida de datos onde había que anotar o tipo de semente que puxemos, o nome da planta e os días que a regabamos.
No mes de maio quixemos recuperar unha tradición un pouco perdida polas nosas terras de Baiona: Os Maios. Coa axuda da mestra de segundo e do mestre de Educación Física, fixemos a estrutura con materiais reutilizados. Despois engalanamos o noso maio coas nosas mellores flores e voilà... Quedaron uns pampillos marabillosos!
Durante todo o curso participamos en multitude de actividades para educar a nosa comunidade escolar. Non obstante, quixemos ir máis alá. Tamén intentamos mostrar como se pode integrar o noso proxecto dentro do currículo. O noso propósito foi integrar o proxecto Recíclate con Sogama dentro da nosa aula de primaria, tendo en conta os obxectivos que pretendemos que os nosos alumnos acaden ao final desta etapa educativa. Así, iniciamos un miniproxecto chamado Reciclándonos coas Competencias Básicas e que contou coas seguintes fases:
- Elaboración dunha enquisa: esta actividade serviunos como avaliación inicial das nosas familias. Desa forma soubemos ata que punto estabamos familiarizados coa recollida selectiva e a reciclaxe.
Pero antes tivemos que pór a proba na clase de Lingua a nosa competencia lingüística, social e autonomía personal. Aprendemos para que servía unha enquisa e elaboramos unha de forma colaborativa. Escollemos entre todos as preguntas que levaría a enquisa e como debría ser redactada (con corrección lingüística, vocabulario axeitado e linguaxe formal).
- Reconto das enquisas e interpretación da información: a enquisa foilles enviada ás familias e, pasados os días, foi recollida polo alumnado de quinto e sexto. Fixeron un reconto das enquisas que viñeron de volta e empezamos a ordenar a información. Iamos anotando o número de familias que escolleu cada resposta. Seguindo o resultado, na clase de Matemáticas estivemos calculando as porcentaxes que obtivo cada resposta. Desta forma traballamos a nosa competencia matemática e o sentido de iniciativa persoal.
- Elaboración de gráficos matemáticos coa información obtida: unha vez rematada a interpretación da información, decidimos expresar os datos en gráficos, onde se pode ver a información de forma máis visual. Usamos gráficas de barra e de círculos. Traballamos a nosa competencia matemática e a expresión artística.
- Uso das TIC no tratamento da información: por último, decidimos usar as TIC como ferramenta de elaboración. Cos resultados obtidos realizamos en grupos diferentes Power Points. Neses documentos dixitalizamos os nosos gráficos, fixemos unha presentación con son e elaboramos as seguintes conclusións:
- Maioritariamente a xente recicla, xa que coñece o significado dos tres erres e considera urxente a protección do medio, aínda que non o fan todo o que deberían.
- A poboación sabe que hai un punto limpo no concello e o que máis se separa son as pilas e o vidro.
- Considérase necesario mellorar a xestión dos residuos por parte do Concello.
Alumnas e alumnos de sexto traballando de xeito competencial
Para finalizar o curso escolar, todo o alumnado foi a unha saída á praia para facer recollida de lixo, e tiveron que anotar de que tipo de refugallo se trataba para logo analizar eses datos e reflexionar sobre as actuacións que se poderían levar a cabo.
Avaliación (instrumentos utilizados e resultados obtidos)
A avaliación do alumnado baseouse na observación da súa participación e implicación no programa, valorouse a súa autonomía, o traballo colaborativo e a implicación dos diferentes axentes sociais (familia, concello, comerciantes...).
A avaliación fíxose en distintas fases:
Unha avaliación inicial realizada polos titores a través da conversa co seu alumnado para saber o grao de coñecemento co que partían as nenas e nenos. Pasóuselles tamén unha enquisa ás familias para coñecer o grao de implicación que tiñan en relación coa clasificación de residuos e proteccción do medio.
Unha avaliación continua centrada, sobre todo, en observar a participación do alumnado e das súas familias en cada unha das actividades. Estiveron moi motivados en cada unha das tarefas que propuxemos. Puidemos observar como o interese das nosas nenas e nenos por todo aquilo que relacionabamos co medio e a súa conservación foi medrando. Ademais, puideron comprobar como os contidos que aprenden na escola son moi importantes para a súa formación e son usados nun contexto real (enquisa ás familias, recollida da información, uso das TIC...), o que favorece unha aprendizaxe significativa.
Unha avaliación final na que se comprobou a consecución dos obxectivos propostos no programa por medio dun pequeno cuestionario para preguntarlles que lles parecera a experiencia. Tamén se lles volveu mandar a enquisa ás familias para ver se, grazas a este proxecto, melloraran as súas practicas ambientais.
Como proposta de mellora queriamos destacar que, aínda que se comezou a traballar a horta escolar, pois plantamos diferentes tipos de vexetais nos nosos tarros reutilizados, esperamos levar ese proxecto a outro nivel máis avanzado. En cursos vindeiros esperamos ter un invernadoiro e usar o compost que estamos a fabricar para fertilizar as nosas plantas.
Resumo das nosas actividades
Conclusións
Estamos seguros de que, grazas a este proxecto e á nosa forma de actuar, o alumnado estivo moito máis motivado e a aprendizaxe se fixo de forma significativa. Acadouse un grao de concienciación maior do noso alumnado con respecto á política ambiental.
A implicación nas actividades propostas por parte do profesorado, alumnado e familias foi todo un éxito. O profesorado deuse de conta de que hai outras formas de traballar de forma máis dinámica e motivadora para o noso alumnado.
LLIMÓS, Anna. (2006). Manualidades en 5 pasos. Parramón Ediciones, S.A.
Manualidades para 365 días. Servilibro ediciones, S.A.
PIÑANGO, Charo e MARTÍN FRANCÉS, Sol (1994). Construcción de juguetes con material de desecho. Promove Comunidade de Madrid, Dirección Xeral de Xuventude. Madrid: Popular.
FRITH, Alex (2011). Conoce por dentro el reciclaje y la basura. Usborne Publishing.
es.wikipedia.org/wiki/Reciclaje
www.sogama.es
www.cadernoverde.com
www.reciclajepedia.com
www.lasmanualidades.com
www.edu.xunta.es/redeiras