Os recreos + divertidos

Daniel Ferreiro Vinuesa
M.ª Purificación Fernández Pérez
M.ª Jesús Álvarez Sanmartín
CEIP IGREXA-CANDEÁN de Vigo (Pontevedra)

 

Introdución

A mellora da convivencia, o respecto ao outro e o desenvolvemento das intelixencias intra e interpersoais forman parte do proxecto educativo do CEIP Igrexa-Candeán desde hai moitos anos.
Para isto dinamizamos unha serie de actividades lúdicas nos tempos de recreo (xogos tradicionais e xogos sinxelos de patio), supervisadas desde os diferentes equipos do centro, como é natural: dirección, claustro, convivencia, orientación...
Os estudos sobre a convivencia no centro situaron o tempo do recreo como unha fonte importante de conflitos e, como estes se trasladaban despois ás aulas, propuxemos este proxecto na procura da mellora da convivencia e das relacións entre o alumnado, para evitar a formación de problemas de relación cos demais e posibilitar a participación de todos eles na práctica de actividades lúdico-deportivas. Todo o claustro o coñece e participa nel.
Polo tanto, partimos do traballo previo dos cursos anteriores e a intención de solucionar os conflitos polos espazos, e outros que foron apareceron no seu momento. Con esta idea naceu o proxecto de centro: Os recreos + divertidos.

 

 


Tiñamos claro que os encargados axudantes e mediadores dos recreos serían o grupo de 5º de EP e a segunda cousa importante foi delimitar espazos de xogos, pintando pistas e mercando o material axeitado que demandaba o alumnado en xeral. Ao xuntar estas partes vemos unha idea en común e principal que xira arredor da mellora do patio durante o tempo de recreo, e permitirlle ao alumnado facer uso do material deportivo do centro, posto que as desigualdades entre eles (económicas, sociais...) propician que unicamente os máis favorecidos poidan traer dos seus fogares material deportivo, xogos etc., e moitas veces non lles permiten participar a outros compañeiros, o que xera máis conflitos; o uso dos espazos por parte dos maiores (3.º ciclo) sen respectar e incluír nas actividades a outros nenos e nenas do colexio crea, en definitiva, unha serie de circunstancias que se reflicten na convivencia do alumnado.


O eixe dinamizador deste proxecto xira arredor da figura do mestre de Educación Física, pois o noso proxecto tomou forma dentro das sesións de EF, traballando xogos de patio e cooperativos. Posteriormente, o claustro, tomou unha decisión apoiada por todos os mestres e mestras, que foi presentar o proxecto aos contratos-programa e así conseguir o impulso económico necesario para mercar material.

 

Descrición do proxecto

O proxecto Os recreos + divertidos comezou, como dixemos, hai poucos cursos, pero deriva do traballo levado a cabo nos últimos anos desde o equipo de convivencia e créase coa finalidade de optimizar o espazo do patio durante o recreo e mellorar as relacións que nel se producen.

Este proxecto divídese en dúas fases claramente diferenciadas pero vinculadas entre si, as cales comparten obxectivos comúns que garanten a súa coherencia no paso do tempo. Cada unha destas fases subdivídese nunha serie de pasos co fin de marcar unhas pautas de traballo que parten sempre dos resultados do paso anterior.

A primeira fase, que recibe o nome de Os recreos + divertidos, comezou hai algúns cursos, como unha idea ou proxecto global. No curso 2009/10 a idea no papel transformouse na práctica de actividades lúdicas nos recreos.

Obxectivos:

- Iniciar un proxecto para mellorar os recursos e o ambiente de convivencia no patio de recreo, considerando prioritarias as ideas propostas polo alumnado.

- Dinamizar os espazos do patio (campo de fútbol, patio cuberto...), vivenciándoo de forma máis participativa e responsable, valorando o espazo para este xogo e cantas persoas o usan.

- Valorar as posibilidades educativas que nos brinda o recreo.

- Propiciar nos alumnos e alumnas actitudes comprometidas co coidado e mellora dun espazo compartido.

- Mellorar as relacións entre o alumnado.

A segunda fase —Con xogar non abonda, aprendemos a convivir xogando créase coa intención de que sexa o propio alumnado o que regule a convivencia e coide das relacións interpersoais no patio de recreo.

Sabemos que dispomos sempre de profesorado de garda nos recreos que é, por norma xeral, o encargado de solucionar os conflitos que se crean de forma habitual no patio, incluíndo no termo conflitos desde os máis insignificantes ata os máis graves. Isto sempre foi así porque habitualmente esquecemos algo moi importante: que o maior recurso do que dispoñemos é o propio alumnado. Cremos firmemente que a regulación da convivencia é posible, que a axuda entre iguais funciona, só temos que encamiñar o alumnado e guialo un pouco.

Contamos nesta fase, ademais de coa colaboración da titora da clase, coa orientadora do centro, que forma o grupo de alumnos e alumnas de quinto de primaria no ámbito da mediación, cada ano, durante o primeiro trimestre. O alumnado obtivo despois destas sesións o carné de mediador.

O curso pasado priorizamos ademais un obxectivo: facer máis autónomo o alumnado en xeral, primeiro os axudantes dos recreos e logo o alumnado do colexio, sempre falando no tempo de recreo e, en concreto, no repartimento e uso do material, resolución de conflitos e uso dos espazos e tempos deste, pois dábanse unhas novas circunstancias: o profesor de EF que levaba da man este proxecto trasladaríase a outro centro o próximo curso e pretendiamos continuar.

Obxectivos

- Fomentar a colaboración, o coñecemento e a busca de solucións en problemas interpersoais no ámbito escolar.

- Diminuír a conflitividade e, con iso, reducir a aplicación de medidas sancionadoras.

- Favorecer a participación directa do alumnado na resolución de conflitos na escola.

- Crear canles de comunicación e de coñecemento mutuo entre educadores e alumnado, mellorando a autoestima de todos os participantes no proxecto.

- Contribuír á mellora da convivencia no centro educativo.

- Estender a mellora na covivencia ás familias, a través da formación dos educandos en escoita activa e solución de conflitos.

- Rendibilizar a formación en mediación no seguinte curso, sexto de primaria, pois o alumnado xa formado o ano anterior aprende a resolver e deixa de ser unha fonte xeradora de dificultades convivenciais.

- Incorporar aos seus recursos persoais para a vida estas técnicas favorece a adaptación á seguinte etapa educativa.

Accións que desenvolven estes obxectivos

Co alumnado:

  • Informar o alumnado da problemática nos recreos e das melloras acadadas desde que comezou o proxecto.
  • Sondar os xogos máis apetecibles para eles e incluílos dentro do proxecto.
  • Concienciar da necesidade de crear tempos e espazos no tempo de recreo.
  • Motivar para mellorar a convivencia entre o alumnado, favorecendo o xogo libre, o xogo espontáneo e o xogo dirixido, na procura progresiva dunha autonomía destes que, co tempo, non precise dos adultos.
  • Propoñer e fomentar positivamente outros xogos individuais, de parellas, de pequeno grupo e de gran grupo, diferentes aos habituais dos nenos e nenas (fútbol, simular pelexas, pasear sen rumbo fixo...).
  • Fomentar o respecto á figura do mediador no patio, sinalizado por un peto especial e o seu carné, e seguir as súas instrucións cando fai unha actuación.
  • Procurar atender á organización dos xogos e quendas, supervisadas polos encargados de patio (tamén levan peto, caderno de rexistro e chifre).

Co profesorado:

  • Concienciar da necesidade de seguir con este proxecto, de facer “algo” no tempo do recreo que mellore a convivencia.
  • Procurar a participación de todos, pois coas quendas de vixilancia de patio todos estamos involucrados.
  • Rexistro de incidencias no caderno dos recreos.

Coa organización dos espazos:

  • Deseñar varios espazos de xogo nos que podemos atopar entre outros:

- Zonas ríxidas: con quendas de xogos programados e actividades regradas.
- Zonas flexibles: sen quendas e con actividades regradas ou non.

Nos xogos:

Xogos de interior ou xogos para a chuvia

- Xogos de mesa: mercamos moito material, como aforcados, conecta 4, afundir os barcos, parchís, xadrez, damas, ocas, mikados…
- Plastificado do material, equipo de axudantes.
- A zona fixa destes xogos quedou delimitada no escenario do patio cuberto.
- Para este curso os campionatos de parchís e xogos de mesa en xeral fómolos sacando do tempo de recreo, unha para traballar a participación nas actividades sen importar gañar ou perder e outra para facer destes xogos unha actividade lúdica en si mesma. O mal tempo deste curso impediu levar a cabo moitas das actividades que tiñamos pensadas para facer na pista exterior descuberta.
- Xogos sen necesidade de moito material (pasapalabra), inventar xogos e facer un concurso dos xogos máis divertidos.

Xogos de exterior

- Seguimos adiante co Día sen Balón, para fomentar a imaxinación e o gusto por xogos sen necesidade deste material.
- O mal tempo do curso pasado impediu levar a cabo moitas das actividades que tiñamos pensadas para facer na pista exterior descuberta, tanto en infantil como en primaria. Neste apartado os axudantes traballaron na elaboración dunha casa de xogos que axudou para que aprendesen a traballar en equipo e convivir entre eles e a idea era sacala ao exterior, sobre todo no patio de infantil para facer actividades guiadas polo alumnado de quinto de EP, pero o mal tempo impediu moitas veces isto.
- Cabe destacar que os campionatos de grupos mixtos en xogos de cooperación, de oposición e de cooperación-oposición que comezamos, ademais de polo dito anteriormente, os tivemos que deixar pola falta de continuidade de bo tempo, cousa que impedía levalos a cabo na “pista vermella”.
- Recuperación dos xogos típicos de determinadas épocas do ano (bólas, chave, peón, mariolas con pintado de zonas no patio...).
- Xogos propios de patio (pilla...).

Co material:

Tiña que ser útil e atractivo para o alumnado, pero ademais cumpría que tivese uns requisitos e unha distribución concreta:

Requisitos:

- Seguridade: que non poña en perigo a integridade do alumnado (materiais brandos, adaptados...).
- Sociabilidade: materiais que poidan ser compartidos por máis dun alumno, que provoquen situacións de cooperación e colaboración entre eles.
- Durabilidade: que non se estrague moi rápido.
- Polivalencia: para variedade de xogos e non específico, a non ser que non poida ser doutra maneira.
- Creatividade: que o fagan os nenos para logo xogar entre eles (material de reciclaxe...).
- Mobilidade: materiais que se transporten de forma sinxela.
- Interese: relacionado co gusto, intereses e habilidades do alumnado.

Distribución:

- Principio de curso: nun primeiro momento, o repartimento faríao o mestre de Educación Física con axuda do alumnado de sexto de EP (grupo de axudantes e mediadores formados no pasado curso).
- Nun segundo momento, farano os alumnos de quinto de EP, equipo de axudantes, cando saiban como teñen que situarse no patio e o que teñen que facer nel.
- O material será específico para este tempo de xogos, habilitando o caixón ou baúl de material e a casa de xogos cando fose necesaria que conteña o material que se pretenda empregar.

Fomentar unha distribución do material de forma ordenada e preferencias dos xogos para  facer nese recreo.

Desenvolvemento do proxecto durante o curso 2013/14

Para este curso 2013/14, a idea é avanzar nestas dúas fases e mellorar na autonomía no tempo de recreo, nos xogos, no repartimento do material e na mellora da convivencia/mediación.

FASE I. OS RECREOS + DIVERTIDOS

Primeiro paso: diagnóstico do patio de recreo

- Establecemos como prioridade para este curso realizar un estudo do espazo que é máis utilizado polo alumnado durante o recreo a través de cuestionarios, enquisas e asembleas. Prestouse especial atención á pista de fútbol ou tamén chamada pista vermella, xa que é onde pensamos que é máis doado optimizar o espazo e onde maior número de conflitos se producen.
- Créase un "grupo" de seguimento composto polos axudantes do recreo e polo profesor de Educación Física no que se establecen unhas propostas de mellora dos espazos, os responsables dos ditos espazos e o material necesario.

Segundo paso: análise dos resultados

- Examínanse os resultados obtidos e recollidos a través dos diferentes instrumentos (caderno de anotación dos conflitos e o de material) empregados, realízase un baleirado e expóñense os datos obtidos co fin de ser sometidos a debate entre o alumnado de quinto de EP.
- Cada grupo-clase analiza os datos obtidos, reflexiona, debate e consensúa que aspectos se consideran máis importantes, así como as medidas que se levarán a cabo e cal será o nivel de implicación do alumnado. Esta parte reflexionouse neste punto dentro das sesións de EF.
- Outro curso máis elaboramos un informe-resumo coas vantaxes, inconvenientes e as propostas de mellora para cada unha das zonas do patio sometidas a análise.
- Revisión das normas dos recreos e modificamos as que pensamos que o necesitan.

Terceiro paso: ordenación de propostas

A partir de aquí o proxecto tomou para este curso dous camiños diferentes:
A. A optimización lúdica do patio
Centrámonos inicialmente na parte A do proxecto, e optimizamos do xeito máis lúdico posible o patio de recreo, a través da inclusión de materiais e zonas delimitadas para o seu uso.
B. A mellora das relacións interpersoais que se producen no recreo, que nun primeiro momento foron encamiñadas a traballar para dar confianza e autonomía no propio equipo de axudantes.
Acórdanse na reunión de axudantes os compromisos que están dispostos a adquirir para conseguir e manter esas melloras lúdicas que farán que o tempo de recreo sexa máis educativo, máis divertido e menos conflitivo. Repártense os carnés de axudantes.

Cuarto paso: plan de acción

- Redeséñanse os espazos e créanse as diferentes zonas de xogos (píntase no chan unha pista de voleibol, un campo específico para o brilé, diferentes círculos a xeito de bases para xogar ao béisbol, repasamos e limpamos varias zonas destinadas ao tres en raia, o xogo do enredos, mariolas...). Comezouse a pintar unha minipista polideportiva e deixamos fixas unhas miniporterías nese campo.
- Adquírese ou fabrícase con material de reciclaxe novo material deportivo e didáctica.
- Realízase unha selección dos responsables da entrega e recollida do devandito material, así como do uso deste durante o recreo. Este corresponde aos axudantes de recreo, pero os que utilizaron o devandito material teñen que facilitar o labor.

Quinto paso: seguimento e avaliación

- Elaborouse un informe-ficha coas melloras producidas e valóranse os índices de participación e satisfacción por parte do alumnado (obsérvase unha baixada notable dos conflitos entre o alumnado desde a inclusión do material deportivo no recreo, unha maior participación e un aumento da satisfacción do alumnado). Anótanse e rexístranse incidencias ocorridas no patio e se se resolveron. No primeiro trimestre esta parte foi imposible de poñela en marcha.

FASE II. CON XOGAR NON ABONDA, APRENDEMOS A CONVIVIR XOGANDO

Primeiro paso: formación do profesorado e axudantes

  • Algúns dos docentes do centro xa realizaron algún curso de formación sobre convivencia escolar e o CEIP Igrexa-Candeán ten unha liña de traballo común neste ámbito.
  • Alumnado: formación de mediadores.

Cando os nenos non son quen de resolver as súas diferenzas facendo a protesta pacífica ao igual, poderán recorrer aos mediadores no tempo de lecer.
Este alumnado recibe durante o primeiro trimestre formación en coñecemento intrapersoal, habilidades sociais e mediación.
Sentadas as bases do coñecemento intrapersoal e do recoñecemento do propio estar, propiciando a relaxación en cada sesión e a volta á calma, o adestramento é en habilidades sociais e escoita activa, realizando en cada sesión un xogo de rol con situacións figuradas que reproducen os conflitos mais habituais.

Aprenden a seguir un protocolo de actuación que consiste en:

- Detectar unha dificultade entre alumnos.
- Ofrecer a mediación como unha posibilidade de achegamento á solución.
- Acompañalos ao recuncho da escoita-fala.
- Presenciar e axudar mediante as preguntas axeitadas aos compañeiros que están a expor as súas queixas-protestas, desde o respecto e a tolerancia, sen xulgar e sen impor un criterio.
- Respectar as 5 fases da escoita activa.

O alumnado tamén ten tarefas escritas nas que avaliar individualmente un conflito e resolvelo seguindo as estratexias aprendidas.
Ao finalizar as sesións, superados os obxectivos propostos, consideramos que están preparados para participar nas quendas do patio cunha dobre función: organizadores dos recreos máis divertidos e mediadores nos conflitos do patio.
Eles mesmos elaboran os carnés de mediadores do colexio, nominais e con foto, coas fases da escoita activa na traseira, e que deben levar con eles como identificación, xunto co peto.
Unha vez que se resolve o conflito e ambas as partes están satisfeitas, o alumnado regresa ao xogo, a non ser que sexa un asunto de difícil solución; neste caso, intervén un adulto.
É moi satisfactorio comprobar a existencia de alumnos cunha excelente visión global do conflito, cun criterio coherente e maduro, con suficiente confianza en si mesmos tanto para expor conflitos figurados como no desenvolvemento da escoita activa.
Diminúen os conflitos e cada día empregan menos o recuncho do faladoiro. Non acoden excesivamente aos adultos, parece que, cando os conflitos son menores, o alumnado participa de bo grao nas sesións de mediación e resolve rapidamente as diferenzas.

Segundo paso: presentación á comunidade educativa e propostas de mellora

- Pasouse información dos recreos mediante correo electrónico, taboleiro dos recreos, reunións de traballo, anotacións nalgún claustro, sempre de forma puntual e non periódica e sobre todo no equipo de convivencia. Todo isto co fin de presentar a segunda fase do proxecto e concretar as accións que se van realizar. A titora de quinto de EP cede unha sesión semanal de CM para levar a cabo as sesións de mediación.
- Procédese a reunir os axudantes para que sirva de nexo de unión entre a coordinación do proxecto e o alumnado. Estes son informados das accións que se van levar a cabo e anótanse as valoracións e propostas de mellora que ofrecen ao respecto.
- Convocáronse asembleas nas clases de EF, nas que mediante o diálogo se sonda o alumnado sobre aquelas cousas que cre que deben ser observadas durante o recreo co fin de que este transcorra sen ningún tipo de incidente e o perfil que pensan que deben reunir os observadores. Tamén se piden voluntarios para desempeñar o rol de observador entre os alumnos de quinto e sexto curso de primaria.

Terceiro paso: selección e formación do alumnado

- Deseguido a orientadora que traballa xunto co equipo que leva a cabo este proxecto, coa colaboración da titora do curso de quinto, seleccionan aqueles alumnos que máis se axustan ao perfil e que mellor poden desempeñar a priori a devandita función. Falamos neste apartado de mediación, non de axudantes. Buscamos aqueles nenos con máis sensibilidade para esta tarefa e, sendo inclusivos, pretendemos a participación de todo o grupo-clase.
- Unha vez formados os grupos, asesóranse, cunha formación dirixida principalmente ao desenvolvemento de habilidades sociais básicas para a escoita activa e a resolución de conflitos leves, pois a súa principal función é a de observar e rexistrar o que aconteza no patio. Explicación da zona do FALADOIRO e para este curso puxemos as súas normas no taboleiro.

Cuarto paso: distribución de zonas

- O equipo dos recreos determina as zonas do patio que cómpre observar, onde se colocará cada observador, que terá unhas pautas específicas para esa zona asignada. Para iso elabóranse cadernos ficha de rexistro de diferentes cores que se corresponden con cada unha das zonas, nos que se deben rexistrar as incidencias que acontezan nelas.

Quinto paso: plan de acción

- Antes da posta en marcha, última reunión cos observadores para concretar todos os aspectos e resolver dúbidas e cuestións varias.
- Para darlle unha maior difusión e facilitar o acceso á información de todos, créase un espazo nun lugar visible do colexio onde se colgan diferentes carteis informativos coas pautas de convivencia, as zonas dos observadores, os horarios dos grupos dos observadores e o nome dos alumnos participantes etc.
- Para que o alumnado que xoga no patio poida localizar rapidamente onde se atopan os observadores, adquiríronse uns petos amarelos e elaboráronse carnés. Isto axuda tanto á rápida localización como á propia valoración do labor que realiza este alumnado no centro.

Sexto paso: seguimento e avaliación

- Todos os meses se leva a cabo un baleirado dos rexistros obtidos e, ao final de cada mes, valóranse os resultados e tómanse as medidas oportunas. Este apartado quedou para este curso, esta parte do proxecto forma parte do traballo entre os axudantes e o profesor de Educación Física, canalizando esta información e falando dela aproveitando uns minutos dentro da sesións de EF.
- Posto que esta fase se comezou a desenvolver de forma práctica o curso pasado, aínda é pronto para ver os resultados, pois agora estanse a puír os erros de planificación e execución, así como dando cabida ás propostas de mellora que van xurdindo. Non obstante, as primeiras valoracións son moi positivas, xa que o alumnado está a participar con agrado en toda a experiencia.
- Ao igual ca a fase anterior, pretendemos que esta fase non sexa pechada, deixando así sempre o camiño aberto a posibles melloras, polo que será necesario levar a cabo un seguimento continuo.

Desenvolvemento do proxecto durante o curso 2014/15

Xa mencionamos anteriormente que o mestre de EF dos cursos pasados, dinamizador do proxecto, non nos acompaña este curso, está a espallar o seu bo facer noutros coles da contorna.
Así pois, este claustro, satisfeito e moi implicado coa experiencia, decide continuar co proxecto e a nova mestra acólleo con entusiasmo.
O primeiro que se pensou foi que podería ofrecer novo a este proxecto, e ademais era necesario seguir dándolle uso ao material que xa se fora recompilando nos cursos anteriores.
En primeiro lugar repartiulle unha enquisa a todo o alumnado para sondar os seus intereses e, en función dos resultados obtidos, seleccionar os xogos e deportes máis demandados.
Como novidade, esta é unha oportunidade para introducir as ensinanzas do circo, aprendidas do mestre Josep Invernós Curós (autor do libro Circo y Educación Física: otra forma de aprender) en cursos do CFR de Vigo.
Introduciranse xogos de malabares como parte do currículo na Área de Educación Física, e daránselle a coñecer ao alumnado diferentes materiais para malabares: panos, cariocas, pratos chinos, diábolos, bastóns e bólas de malabares. Mentres dure a unidade didáctica, levarán o material para o caixón dos xogos dos recreos e permitirán que se colla para a práctica durante este tempo.
Tamén seguirán cos xogos tradicionais e populares, a pretensión é ampliar un xogo máis de mariolas, que chamarán tuti-fruti, e difundir os xogos de peóns. Os deportes de equipo tamén formarán parte dos recreos: liguiñas de brilé, baloncesto, balonmán e fútbol.

Incorporamos o alumnado de infantil e cada quince días prepararemos para eles, o grupo de organizadores dos recreos +, un xogo para desenvolver no patio de primaria.

Repercusións sobre a comunidade educativa

Entendemos por comunidade educativa todos aqueles estamentos relacionados directa ou indirectamente coa educación. Por iso consideramos como elementos primarios o alumnado, o profesorado e as familias, pero a repercusión da educación incide en toda a sociedade en xeral.

No alumnado este proxecto repercutiu de dúas formas claramente diferenciadas:
- Para o alumnado seleccionado como observador supón unha mellora e aumento da autoestima, a responsabilidade, a cooperación, o traballo en equipo e o diálogo, aprendendo a rexeitar todo tipo de discriminación e agresión verbal ou física.
- Para o alumnado receptor do proxecto (incluídos os observadores, xa que ao existir diferentes grupos non todos os días desenvolven a devandita función): na medida en que aumenta a diversión no patio ante a variedade de actividades lúdicas ás que se xoga, diminúe a xeración de conflitos, aumenta a adquisición e afianzamento das normas de conduta (trasladables fóra do colexio e aplicables á vida diaria) e mellórase o clima de convivencia (minimízanse os posibles casos de acoso escolar e/ou violencia dentro e fóra do recinto escolar).

No profesorado:
- Minimízase a implicación do profesorado na resolución de conflitos (xa que o desenvolvemento do proxecto supón unha redución importante) e as relacións mestre-alumno melloran tanto no patio como nas aulas (polo que se pode traballar máis e mellor), dedicando cada vez menos tempo a resolver conflitos do patio á volta del.

Nas familias:
- A mellora da convivencia no centro e a adquisición de normas de conduta incide directamente no comportamento do alumno na casa, o que facilita unha relación máis cordial entre todos os membros da familia. Así mesmo, este proxecto ofrece tranquilidade e confianza en pais, nais e titores do alumnado ao observar a implicación do profesorado na mellora da educación dos seus fillos, o que repercute de forma moi positiva na relación familia-profesor.

Na sociedade:
- Se formamos alumnos responsables e respectuosos, ofrecémoslle á sociedade persoas educadas e comprometidas, capaces de exercer debidamente a cidadanía, tal como pretendemos desde unha escola inclusiva e integradora.
- A optimización do patio e o empréstito de materiais específicos da Área de Educación Física no tempo do recreo ofreceunos a posibilidade de realizar unha maior cantidade de actividades lúdico-deportivas, recuperar xogos tradicionais da zona e do mundo e de educar o alumnado en valores e de favorecer as relacións interpersoais entre iguais, contribuíndo así fundamentalmente coa competencia en comunicación lingüística, a competencia no coñecemento e interacción co mundo físico e natural, e coa competencia social e cidadá.

Sección: