Bibliotecas escolares

Tertulias literarias en Allariz

Neste artigo pretendemos explicar como naceu e se foi desenvolvendo ao longo destes últimos cursos unha das actividades que máis repercusións ten no noso centro, tanto no profesorado coma no alumnado, e que está incluída dentro do noso club de lectura: as tertulias literarias.

María Sánchez Cid
Profesora de Lingua e Literatura Castelá
Coordinadora da biblioteca do IES de Allariz
mscid@edu.xunta.es

A Carmen Varela que ía estar con nós nas tertulias de Allariz

Introdución

  • As bibliotecas escolares experimentaron nos últimos anos grandes cambios, converténdose nos núcleos neurálxicos dos centros. Desde elas, propóñense actividades de diferente tipo que contribúen ao desenvolvemento das competencias básicas do alumnado e que permiten a dinamización cultural dunha comunidade educativa.
  • Os clubs de lectura que se están creando nos distintos centros, constitúen un piar fundamental neste traballo de dinamización, xa que a través deles unha boa parte do alumnado e profesorado pode participar en experiencias enriquecedoras arredor da lectura.
  • No IES de Allariz, ademais de contar con varios clubs de lectura de alumnos tanto no 1º como no 2º ciclo da ESO e bacharelato e dun club de lectura de adultos, intentamos dar un paso máis, participando e creando unhas “Tertulias Literarias”.
  • Cremos que esta modalidade enriquece a experiencia lectora porque supón un encontro con alumnos e profesores doutros centros e tamén ofrece a posibilidade do encontro co autor, nun contexto alleo ao centro, o que é motivador e novidoso para o alumnado e tamén para o profesorado.

Tertulias literarias en Ourense

As tertulias literarias nacen como unha actividade asociada ao club de lectura que se leva desenvolvendo desde hai uns anos no noso centro e que se inclúe no noso Proxecto Lector, xunto con outras actividades como a Hora de Ler, que están tendo unha gran repercusión no instituto.

As tertulias, comparten características básicas dos clubs de lectura, pois nelas reunímonos para falar de lecturas, para compartir as diferentes opinións sobre libros e para relacionarnos arredor deste interese común. Desta maneira, unimos o feito da lectura silenciosa e privada coa conversa pública, traballando a expresión oral, a comunicación entre iguais e a capacidade de argumentación. 

As tertulias do Liceo de Ourense, están organizadas polo concello e dirixidas ao alumnado da cidade, nun principio; aínda que posteriormente, ampliarían o seu ámbito de actuación a centros educativos doutros concellos. Trátase de facer un encontro entre o alumnado e o profesorado (de diferentes centros) arredor dun libro e dun autor, para intercambiar puntos de vista e tamén experiencias literarias. Normalmente trabállanse dous libros ao longo do curso (un en galego e outro en castelán) e as reunións realízanse ao longo do segundo e o terceiro trimestres. O alumnado que asiste ordinariamente é de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato. O concello agasalla a este alumnado e profesorado cos libros, o que serve tamén como estímulo para participar nas tertulias. Para a organización e desenvolvemento da actividade, ao inicio do curso os coordinadores dos clubs de lectura dos distintos centros que participan póñense en contacto coa persoa do concello responsable de organizar a actividade; cada un propón algún libro e entre todos discútese e elíxense os autores e obras que se van tratar, así como a data máis axeitada para realizar o encontro, no caso dos escritores galegos. Entre todos elabórase un guión común que sirva de punto de partida para desenvolver a tertulia.

Foi durante o curso 2009/10 cando, animados pola coordinadora dun club de lectura do IES Ferro Couselo, comezamos a participar nestas tertulias literarias do Liceo de Ourense. A idea de participar nesta actividade foi moi ben acollida entre o profesorado e o alumnado do noso centro xa que, por unha banda, supuña unha boa oportunidade para poder desprazarse á capital e aproveitar a viaxe para organizar outras actividades complementarias (visita a museos, rutas literarias...) e, por outra, tamén era un xeito de que o noso alumnado puidese gozar do encontro con autores, aos que non podería acceder no propio centro. Outro aspecto a valorar era que o alumnado se encontrase con outros alumnos procedentes doutros centros escolares e se foran establecendo vínculos en base á afección á lectura.

Debido ao éxito da actividade, enseguida nos puxemos en contacto con outros centros da contorna cos que colaborabamos habitualmente, como o IES Lagoa de Antela, que se uniu a nós e empezou a participar nas tertulias. Ademais de compartir a actividade, puxémonos de acordo e viaxabamos xuntos para poder tamén rendibilizar os recursos económicos. Ao ano seguinte, uníronse o IES Cidade de Antioquía e posteriormente o IES de Maceda.

Pouco a pouco, foron aumentando os centros procedentes de fóra da cidade e, na actualidade, seguimos participando cada ano con máis alumnado. Para nós, supuxo un encontro de clubs de lectura e deunos pé a organizar outro tipo de actividades conxuntas pola proximidade dos nosos centros.

Desde o curso 2009/10 foron moitos os alumnos e os profesores que participaron nesta actividade, en principio destinada a alumnado de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato. Tamén foron moitos os autores e obras traballadas, tal como se citan a continuación:

  • 2009/10: Marilar Aleixandre con A cabeza de Medusa e Fernando Marías con Zara y el librero de Bagdad.
  • 2010/11: Carlos Vila Sexto con As sete mortes e Ángeles Caso con Contra el viento.
  • 2011/12: Xulia Alonso con Futuro imperfecto e Lorenzo Silva con La estrategia del agua.
  • 2012/13: Héctor Carré con Febre e Rosa Montero con Lágrimas en la lluvia.
  • 2013/14: Manuel Portas con Faneca brava e Almudena Grandes con El lector de Julio Verne.
  • 2014/15: Lo que esconde tu nombre de Clara Sánchez...

Tertulias literarias en Allariz

Durante o curso 2011/12, a coordinadora do club de lectura do noso centro, animada pola gran demanda que tiña esta actividade, pensou na posibilidade de organizar algo semellante no concello de Allariz, xa que presenta unhas características idóneas (paisaxe, museos, lugar bastante céntrico) que podían resultar atractivas para os centros visitantes.

O obxectivo inicial era crear unhas tertulias comarcais onde só participasen centros escolares da zona “rural” próximos, que xa estaban participando nas de Ourense e aos que co tempo se poderían unir outros centros.

Esta idea propúxoselle ao Concello de Allariz que a acolleu de bo grado e amosou o seu apoio desde o principio. Necesitábase un local amplo para poder xuntar o alumnado procedente dos distintos centros e as reunións realizáronse en diversos lugares (Casa da Cultura, Casa da Mocidade...) atendendo ao número de participantes. O concello tamén se amosou receptivo á posibilidade de facilitar outro tipo de actividades aos centros visitantes como rutas ou visita de museos, para un maior aproveitamento da viaxe. Ademais do concello, contamos coa colaboración dunha librería da vila, Aira das Letras, que traballa na animación á lectura e incentiva este tipo de actividades.

Unha vez solucionados os problemas de espazo e organización, puxémonos en marcha. Os primeiros centros en participar foron os mesmos que participaban nas de Ourense (IES Lagoa de Antela, IES Cidade de Antioquía, IES de Maceda, IES Celanova). Reunímonos as persoas coordinadoras de cada un dos clubs de lectura e determinamos o autor e a obra que escolleriamos para botar a andar a tertulia.

Desde un principio, pensouse nun autor clásico para inaugurar a actividade e ninguén mellor, tanto pola súa calidade humana como pola súa calidade literaria, ca Xosé Neira Vilas e a súa obra Memorias dun neno labrego. O encontro fíxose o 14 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.

Nese curso, e por ser o primeiro, non nos limitamos só á tertulia. A obra lérona todos os alumnos do centro. Cos do primeiro ciclo houbo un encontro no propio instituto e ademais houbo outro cos centros visitantes na Casa da Cultura. Foi un acontecemento importante non só no centro, senón tamén na vila.

O ano seguinte fíxose o encontro con Miguel Anxo Fernández e a súa obra Lume de cobiza. Neste caso o encontro tamén se fixo na Casa da Cultura e foi destinado a alumnos de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato.

No pasado curso, quixemos dar un paso adiante, aproveitando os recursos dos que dispoñemos na nosa vila e intentando innovar a forma de levar a cabo a tertulia literaria. Aproveitando o feito de contar cunha radio local, Radio Allariz, pensamos en introducir unha nova modalidade: a tertulia radiofónica. Neste caso, o libro e autor elixidos foron Santiago Lopo e Hora zulú. Fíxéronse dúas tertulias simultáneas: unha radiofónica, na que participaba un alumno representante de cada centro que lle ían facendo unha entrevista ao autor ao tempo que se comentaba a súa obra. Por outra banda, o resto do alumnado, dirixido polos seus profesores, interviña na tertulia presencial e achegábase a distintos temas do libro que se ían debatendo. Finalmente, producíase a incorporación do autor á tertulia presencial e todo o alumnado conxuntamente podía facerlle preguntas sobre a súa obra. Esta experiencia resultou tan positiva e motivadora que este ano quixemos repetila. Neste caso, o autor elixido foi Francisco Castro e a súa obra O corazón de Branca de Neve.

 

Este tipo de actividade tivo tanto éxito que neste curso houbo dous centros que quixeron unirse a nós: o IES de Bande e o IES de Viana do Bolo. Este último non puido participar, desgraciadamente, debido a un tráxico accidente que acabou coa vida da coordinadora do club de lectura pouco antes de que se desenvolvese a actividade.

As nosas tertulias, desde hai dous cursos, fanse durante o primeiro trimestre. A razón é que no segundo e terceiro trimestres tanto nós coma o resto de centros participamos nas de Ourense. Decidimos que sería mellor facelo así, porque dalgún xeito podiamos completar o ciclo das tertulias ao longo do ano. En cada trimestre o noso alumnado asistiría a unha tertulia con características distintas. Tamén se decidiu que as tertulias en Allariz ían ser sempre sobre un autor galego pola facilidade para poder realizar o encontro (ao que lle damos moito valor) e para convertelas nun instrumento normalizador do idioma.

Por outra banda, neste curso decidimos ofertarlle a actividade tamén ao alumnado de terceiro da ESO, xa que pensamos que é un factor motivador para animar os clubs de lectura que parece que nesa idade perde forza, polo menos no noso centro.

Un dos aspectos que diferencian as nosas tertulias das de Ourense é que se nestas o concello se pode permitir darlle os libros como agasallo ao alumnado (recoñecendo o seu traballo e apoiando a súa vinculación á cultura), en Allariz os recursos económicos son máis escasos, así que temos que recorrer aos orzamentos dos clubs de lectura. Desta maneira, os libros mércanse para a biblioteca e non se lles entregan aos rapaces, quedando en depósito para outros anos e para prestar a outros clubs a través de Libros a eito.

Conclusión

Como conclusión final, podemos dicir que esta actividade é moi motivadora, xa que supón que o noso alumnado e profesorado poida intercambiar experiencias ao redor da lectura.  Da mesma maneira, permítenos manter un contacto con outros centros para organizar distintas actividades de fomento da lectura ao longo do curso. Ademais, e pola demanda que está tendo, esperamos que se sigan sumando máis centros da contorna.

O noso obxectivo é animar a outros centros, doutras comarcas, a que organicen actividades deste tipo, xa que é un xeito de extrapolar o traballo que se leva a cabo nos centros educativos á comunidade educativa e acaba tendo repercusións na vida cultural das vilas.

 

Sección: