Pozo Garza: a Luz e as cores das revistas Nordés e Clave Orión

Luz Pozo Garza (1922-2020) foi unha lonxeva e prolífera artista galega que os libros de texto adoitan situar dentro da literatura poética das nosas letras. Mais o certo é que a súa luz irradiou na cultura alén dos versos. Tamén (re)coñecida por parte do público como ensaísta, o que moitos non saben é que a ribadense dirixiu dúas revistas culturais, Nordés (1975-1995) e Clave Orión (1995-2017), nas que, ademais, empregou a tinta para «ilustrar» nos dous sentidos do termo, tanto cos contidos dos seus escritos como con numerosos deseños gráficos.

Cristina Negreira Barcia, Doutora en Estudos Culturais pola USC
Docente de Lingua Castelá e Literatura no CPI de Bembibre
cristina.negreira.barcia@edu.xunta.gal

 

1. Contextualización

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 21 de xullo de 1922-A Coruña, 20 de abril de 2020) foi unha figura distinguida nas letra galegas, feito do que dan conta os numerosos recoñecementos e premios recibidos ao longo da súa traxectoria, como, entre outros, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 1995, Premio Celanova Casa dos Poetas no 2001, Premio Cultura Galega das Letras da Xunta de Galicia no 2013, XI Premio Laxeiro da Fundación Laxeiro ou Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2019.

Malia ser certo que a súa obra principal, no concernente ao volume de produción, é a poética (con libros publicados a partir de 1952 e ao longo de sete décadas), tamén se pode constatar que a académica da RAG (con cadeira desde 1996) foi creando pezas noutros xéneros e mesmo disciplinas que deixaron un ronsel non moi investigado ata o momento (a docente universitaria Carmen Blanco foi unha pioneira neste eido). De feito, durante o centenario do seu nacemento, celebrado o ano pasado (2022), aínda foron moitos os medios que informaron dos actos pola devandita efeméride aludindo en exclusiva á faceta poética. Este descoñecemento xeral dos outros campos de creación de Luz Pozo Garza é o que motiva este artigo (síntese dun capítulo da tese de doutoramento da docente que subscribe o texto), que se centrará nunha das varias angueiras culturais da ribadense: a dirección das revistas Nordés e Clave Orión, así como as creacións heteroxéneas que a artista compartiu nelas.

 

Portadas de ambas as revistas

 

2. Obxectivos

- Describir as características principais das revistas culturais que dirixiu Luz Pozo Garza, Nordés e Clave Orión.

- Catalogar as creacións da académica nas referidas publicacións atendendo a criterios como obra textual ou gráfica (focalizando a atención nas ilustracións, por seren as menos coñecidas e, á par, ás máis visuais).

- Reflexionar sobre aspectos derivados da evolución temporal das revistas e das creacións pozogarcianas que apareceron en ambas as cabeceiras ao longo de catro décadas.

 

3. Metodoloxía e recursos empregados

Para a elaboración deste artigo empregouse, eminentemente, a metodoloxía documental, pois as fontes bibliográficas supoñen a súa base. Pola súa vez, dentro destas pódese distinguir entre as primarias (creadas pola propia Luz Pozo) e as secundarias (escritos sobre a obra pozogarciana). Metodoloxía esta que nos levou a empregar, principalmente, os recursos ofrecidos pola Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, así como a recorrer ao arquivo persoal de Luz Pozo, que se atopa na Biblioteca e o Arquivo de Galicia.

No que atinxe á perspectiva filolóxica, os principais títulos de referencia foron Comentario de textos literarios: método y práctica (Díez Borque, 1988) e Comentarios de textos contemporáneos (Rodríguez Fer [ed.], 1992). En canto ao labor de Luz Pozo nas revistas Nordés e Clave Orión, serviron de base aos diversos artigos (referenciados na bibliografía) de Carmen Blanco, docente da USC no Campus de Lugo. Xa no concernente á base teórica para a catalogación das ilustracións da ribadense, partiuse de La sintaxis de la imagen. Introducción al alfabeto visual (Dondis, 1998).

Por último, cómpre indicar que o ano do centenario de Luz Pozo Garza pechou con diversos actos sobre a súa obra e figura; e é de especial relevancia para o presente texto a publicación do libro catálogo da exposición sobre a ribadense, situada na entrada da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Estamos a falar de Constelación Luz. Luz Pozo Garza. 1922-2022. Poesía, arte e vida (Blanco e Rodríguez González [ed.], 2022) que, como o mesmo título indica, aborda outros dominios creativos de Pozo Garza, alén dos versos, en consonancia con este estudo.

 

4. Resultados da investigación

4.1. Nordés

4.1.1. Descrición

A primeira revista dirixida por Luz Pozo Garza publicouse entre os anos 1975-1995. Inicialmente co depósito legal C-200-1975, a partir de 1980 tería o seguinte ISSN: 84-7492-042-6.

Malia nacer cunha vocación trimestral, esta non se mantivo. Poderíase dicir que, en xeral, os números estaban separados por un ano, mais as excepcións foron habituais (chegando, nunha ocasión, a pasar tres anos entre eles). Esta irregularidade temporal tería consecuencias no número de páxinas, pois os números máis extensos adoitan ser os que abranguen períodos máis longos.

Durante os vinte anos de vida, a cabeceira, subtitulada Revista de poesía e crítica/Poesía e crítica, contou con catro etapas, das que a máis significativa foi a segunda (iniciada en 1980), por producirse un cambio na súa dirección. Resulta que nos catro primeiros anos da publicación, tivo que constar Tomás Barros na codirección, xunto con Luz Pozo, por «razóns burocráticas propias da época que non lle daban autonomía á muller» (Blanco, A figura literaria de Luz Pozo Garza: A ave da luz sabe onde está o norte, 1998, p. 349). Así mesmo, o inicio desta segunda etapa suporía o paso do bilingüismo castelán-galego dos números anteriores a un uso predominante do galego.

Foron moitos, e de distintos ámbitos xeográficos, os artistas que colaboraron nas súas seccións, que daban cabida a creacións literarias, e en diversas linguas, de autores noveis e tamén consagrados; así como a textos críticos. Seccións nas que a propia Luz Pozo Garza tamén compartiu creacións propias, como se recolle nas seguintes epígrafes.

4.1.2. Creacións textuais de Luz Pozo

Deseguido vanse indicar os principais contidos dos textos que a académica publicou en Nordés.

No relativo ás pezas líricas, salientan as de temática amorosa e da natureza, as homenaxes a outros artistas e os versos de denuncia social ou sobre a morte.

Dentro dos ensaios, obsérvase como a gran maioría aborda a crítica literaria e, dentro desta, a autora céntrase principalmente en reflexionar sobre creacións poéticas, principalmente de autores galegos (aínda que o dominio de linguas estranxeiras de Luz Pozo permitiralle analizar textos de autores foráneos, como os do francés Paul Valéry).

Por último, cómpre aludir a «outros textos», pois atópanse varios escritos que non encaixan nas categorías anteriores. Neste grupo heteroxéneo, os máis salientables son as cartas, tipoloxía que vai adquirindo presenza paseniño. Por exemplo, no derradeiro exemplar da revista, aparecen epístolas asinadas por Eusebio Lorenzo (á revista Nordés), Ernesto Guerra da Cal (a Xosé Luís Franco Grande) e de Gerardo Diego (a Otero Pedrayo).

4.1.3. Ilustracións pozogarcianas

Nordés é a primeira publicación da que a autora deste artigo ten constancia da aparición de ilustracións asinadas por Luz Pozo Garza. Concretamente, atopáronse a partir do número 1 da II DATA (ano 1980).

Grosso modo, aparecen en branco e negro (non sabemos se por preferencias da autora ou por limitacións técnicas e/ou económicas da revista) e sempre acompañando textos. Estas buscan unha representación simplificada, sen afondar nos detalles e dentro dos seus contidos é posible diferenciar dous grande grupos: o das ilustracións que non se identifican coa realidade e o dos deseños que si o fan.

4.1.3.1. Formas que non se identifican coa realidade

As formas máis habituais son o círculo asociado á calor (segundo Dondis) e o cadrado, cos significados anteriormente aludidos de rectitude e esmero. Estas formas dan lugar, en ocasións, a formas mandálicas.

 

Ilustracións que non se identifican coa realidade (Nordés)

 

4.1.3.2. Formas que se identifican coa realidade

Baixo esta denominación é posible, por unha banda, atopar representacións da natureza, nas que predominan a vexetación e as aves.

 

Ilustracións de elementos da natureza (Nordés)

 

Por outra banda, a ribadense deseñou figuras antropomórficas, nas que a muller adquire un papel central. Amais, tamén publicou retratos de persoas relevantes na cultura de Galicia.

 

Ilustracións antropomórficas (Nordés)

 

4.2. Clave Orión

4.2.1. Descrición

Esta cabeceira continua o camiño trazado por Nordés, pois estamos ante unha revista que dedica especial atención ás creacións e ás críticas literarias (galegas e noutras linguas). Amais, ao igual que a predecesora, tamén recolle contidos variados como ilustracións, epístolas...

Cun ISSN 1135-741 X, publicouse entre 1995 e 2017 e, ao igual que pasou en Nordés, saíu do prelo cunha periodicidade irregular. Contou tamén cunha extensa nómina de colaboradores situados en múltiples puntos da xeografía europea.

Dentro das diversas seccións atópanse, entre outras, as destinadas para as mulleres escritoras, escritores debutantes, poetas consolidados, a crítica artística, manuscritos, partituras etc. No concernente ás ilustracións, estas foron adquirindo maior presenza.

Cómpre indicar que, seguindo a estela de Nordés, Luz Pozo Garza tamén compartiu creacións propias, as cales se abordan nos apartados seguintes.

4.2.2. Creacións textuais de Luz Pozo

A creación lírica segue a ser a máis abundante. Malia mantérense os temas poéticos abordados xa en Nordés, estes amplíanse a poemas sobre Irlanda e a vida e/ou obra de diversos escritores (galegos, estatais e estranxeiros).

No concernente ao xénero ensaístico, a súa presenza vai en aumento co tempo e as reflexións e análises de Luz Pozo continúan centrándose na creación literaria, principalmente de autores galegos.

Por ultimo, hai que salientar que en Clave Orión se atopa unha breve peza narrativa de Luz Pozo Garza, titulada «Sherpa, a cadela irlandesa». Este relato, sobre unha cadeliña que volveu ao seu fogar tras unha breve desaparición, é unha rara avis na obra pozogarciana, na que a narración está ausente.

4.2.3. Ilustracións pozogarcianas

Grosso modo, nas ilustracións da autora ribadense de Clave Orión xa están presentes as cores (aínda que tamén publica en branco e negro). Os tons máis recorrentes de Pozo Garza nesta publicación son o vermello, amarelo, azul e violeta.

4.2.3.1. Formas que non se identifican coa realidade

Ás veces parece que poden albiscarse formas de flores, mais non se produce unha identificación clara e inmediata.

 

Ilustracións que non se identifican coa realidade (Clave Orión)

 

4.2.3.2. Formas que se identifican coa realidade

Neste apartado, continúan moi presentes, como en Nordés, as aves. Ademais, aparecen composicións con froitas a modo de bodegóns.

 

Ilustracións de elementos da natureza (Clave Orión)

 

Unha última temática presente son as figuras antropomórficas, salientando en número os deseños de siluetas e rostros femininos, como na cabeceira predecesora.

 

Ilustracións antropomórficas (Clave Orión)

 

5. Conclusións

As dúas revistas dirixidas por Luz Pozo Garza, Nordés e Clave Orión, incluíron sempre diversas manifestacións artísticas alén da literatura, como ilustracións (e mesmo partituras). Por iso, deben ser consideradas como revistas culturais, mais, iso si, cunha maior presenza de literatura.

No concernente ás creacións de Luz Pozo Garza en ambas as cabeceiras, obsérvase, no ámbito lingüístico, unha evolución do monolingüismo en castelán, nos inicios de Nordés, a unha situación practicamente invertida en Clave Orión (pois case a totalidade dos textos da académica aparecen en galego), o cal está relacionado coa situación sociolingüística do momento. Cómpre lembrar que Luz Pozo Garza foi unha autora formada en castelán, pola conxuntura histórica da época; mais que foi desenvolvendo cos anos unha conciencia sociolingüística que a levaría a ir substituíndo o castelán polo galego, pasando por unha fase intermedia con creacións en ambas as linguas.

No que atinxe aos xéneros literarios presentes nas dúas publicacións, malia o poético ter maior presenza, co paso do tempo o ensaístico foi gañando terreo.

Por último, unha visión comparativa sobre as ilustracións de Luz Pozo Garza nas revistas que dirixiu móstranos a consolidación da súa faceta de debuxante, tanto en termos cuantitativos coma na variedade de contidos da súa obra plástica.

En síntese, a luz irradiada desde ambos os proxectos editoriais, Nordés e Clave Orión, liderados por unha muller criada nun mundo de homes, segue a servir como faro para orientar as inquedanzas culturais das xeracións presentes e futuras.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Primaria:

Todas as publicacións de Luz Pozo Garza nas revistas Nordés e Clave Orión.

Secundaria:

Blanco, C. (1998). A figura literaria de Luz Pozo Garza: A ave da luz sabe onde está o Norte. Moenia, 4, 331-363.

Blanco, C. (2002). Pozo Garza: a ave do norte. Ourense: Linteo.

Blanco, C. (2004). Luz Pozo Garza: memoria radiante de una mujer solar. ARBOR, CLXXXII, 505-515.

Balance, C. (2004). Obra total. Opera omnia. En L. P. Garza, Memoria solar (pp. 11-35). Ourense: Linteo.

Blanco, C. (2009). Tras Luz Pozo Garza na Mariña. Trasluz Lukus, 3, 64-65.

Blanco, C. (2017). Estranxeira na súa patria: catro poetas. Rosalía. Manuel Antonio. Pimentel. Pozo Garza. En A. Requeixo (ed.), Sobre letras e signos. Estudos en homenaxe a Anxo Tarrío Varela (pp. 175-187). Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xunta de Galicia.

Blanco, C. (2019). Letras lilas. Unión libre, 24, 247.

Blanco, C. (2021). Amor contra morte: a edición do Códice Calixtino de Luz Pozo Garza. En M. Neira Rodríguez, e A. Requeixo (eds.), Verbas amigas. Estudos en homenaxe a Blanca Ana Roig Rechou (pp. 151-162). Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xunta de Galicia.

Blanco, C. (2022). Todo podería ser mellor. Luz Pozo Garza en Unión Libre. En C. Blanco, e O. Rodríguez González (eds.), Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida (pp. 140,141). Santiago de Compostela: Arquivo de Galicia.

Blanco, C., e Rodríguez González, O. (eds.) (2022). Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida. Santiago de Compostela: Arquivo de Galicia.

Díez Borque, J. (1980). Comentario de textos literarios: método y práctica.      Madrid: Playor.

Dondis, A. (1998). La sintaxis de la imagen: introducción al alfabeto visual. Barcelona: Gustavo Gili.

López, A., e Pociña, A. (2014). Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza. Santiago de Compostela: Alvarellos.

Negreira Barcia, C. (2023). Luz Pozo Garza: obra non reunida e dispersa nas revistas culturais. Exhumación, recompilación e catalogación. Tese de doutoramento en Minerva: repositorio institucional da USC. Enlace: http://hdl.handle.net/10347/30324

Requeixo, A. (2022). A Luz de Clave Orión. En C. Blanco, e O. Rodríguez González (eds.), Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida (pp. 158-159). Santiago de Compostela: Arquivo de Galicia.

Rodríguez González, O. (2008). A poética de Luz Pozo Garza/Lectura e comentario de poemas. Madrygal, 11, 161-164.

Rodríguez González, O. (ed.) (2017). Un pozo de luz: homenaxe da Real Academia Galega á poeta Luz Pozo Garza no seu 95 aniversario. A Coruña: Real Academia Galega.

Rodríguez González, O. (2020). Con Luz Pozo Garza, para sempre. Madrygal, 23, 411-412.

Rodríguez González, O. (2020). Luz Pozo Garza (1922-2020), Aeternitate. Boletín da Real Academia Galega, 381, 404-409.

 

 

Sección: