Reskilling en ciencias sociais
Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES S. Basanta Silva (Vilalba-Lugo)
Introdución
Ao longo da carreira profesional docente existe a posibilidade do reskilling (‘recapacitación’) da «forma» —metodoloxía— a través da oferta de cursos de actualización nos centros de formación do profesorado e demais. Desde mediados da década dos noventa, a aprendizaxe das TIC foi e segue a ser protagonista destacada. Máis recentes son as dinámicas de intelixencia emocional e atención afectiva, xunto con outras moitas destrezas máis concretas.
Non obstante, polo menos nas ciencias sociais, o «fondo», é dicir, o conxunto de contidos, procedementos e actitudes segundo os currículos oficiais, ten menor tratamento especifico alén de cursos impartidos por museos e institucións particulares. Non se trata de ampliar aínda máis a carga curricular, trátase dunha mellora dos coñecementos do propio docente para poder ofrecer, cando sexa mester, unha preparación óptima na materia que se imparte non só na forma, tamén no fondo.
Como sucede acotío, as circunstancias levan a un descubrimento inesperado e positivo, unha serendipidade. O interese por ter actualizados os contidos para o alumnado na preparación dos exames de acceso á función docente levoume a seriar unha hemeroteca propia organizada a partir dos temas. O beneficio dese interese pola calidade, alén dos contidos comúns de cada unidade, resultaba en que cada opositor/a podía modelar dunha maneira orixinal cunha disposición ampla de referencias cualificadas dos xornais. Ademais, os novos educadores aprendían a propia destreza de conformaren a súa hemeroteca particular.
Esa hemeroteca complementaba unha bibliografía que pola súa dimensión podía resultar inabarcable e/ou inaccesible por diversos motivos, xa temporais, económicos, prácticos... A serendipidade veu dada cando, de xeito inesperado, o fondo documental acabou servindo noutros procesos educativos: na educación secundaria obrigatoria e postobrigatoria, ESO e BAC, dentro do ámbito da aula sobre os máis diversos temas; no programa Comenius de intercambio con alumnado de Grecia e Italia; na preparación dos argumentos para a liga de debate; nos programas de reencontro de descendentes da emigración da Escola de Tempo Libre Bulideira; na educación permanente a través da asociación do alumnado do cuarto ciclo da Universidade de Santiago de Compostela para persoas maiores; mesmo na difusión dos recentes descubrimentos arqueolóxicos nunha serie de espazos radiofónicos divulgativos. Quen o sospeitaría...
Obxectivos
- Coñecer máis sobre as materias de Xeografía e Historia nos diversos ámbitos educativos: formal, informal, permanente...
- Actualizar continuamente os coñecementos do docente de ciencias sociais para a mellora profesional.
- Valorar a prensa periódica nun estado democrático como imprescindible foro de información e coñecemento contrastado.
- Compartir e gozar a experiencia da elaboración dunha hemeroteca persoal.
Descrición da praxe
1. Foi no ámbito da Xeografía onde resultou máis imperioso e práctico a conformación dunha hemeroteca segundo o temario correspondente: ciencia xeográfica, clima e medio ambiente, demografía, sector primario, secundario e terciario, Europa, África, América e Asia. Esta ciencia, sen desbotar a dimensión diacrónica, centra o seu estudo na «fotografía» dun determinado momento e, ao longo dos cursos, as circunstancias van mudando e non presentan o mesmo retrato na fin do século XX que transcorrido practicamente o primeiro cuarto do actual.
Temas |
Cantidade |
Ciencia xeográfica |
79 |
Clima/Medio ambiente |
339 |
Demografía. Poboación e poboamento |
253 |
S. primario. Agricultura e pesca |
113 |
S. secundario. Enerxía, mat. primas, industria |
162 |
S. terciario. Comercio e transportes |
66 |
Europa. Países, UE |
200 |
África. Magreb e Sahel |
182 |
África Subsahariana |
99 |
América Latina |
118 |
América Anglosaxoa |
131 |
Asia. A China |
165 |
Asia. Estremo Oriente, A India |
63 |
Total |
1.970 |
Táboa 1. Hemeroteca de xeografía
Como se pode comprobar, destaca a escolma dedicada ao medio ambiente e ao clima, especificamente o relacionado co cambio climático que ao longo do período non fixo máis que agravar os seus efectos. As reportaxes sobre a cuestión son xeralmente análises informadas sobre o planeta e as consecuencias da acción humana tanto no ámbito global como no local. No eido da demografía, a cuestión do envellecemento da poboación galega, española e europea, nesta orde, concentra a maioría dos artigos de prensa. Os dedicados á economía mostran unha atención máis europea para a agricultura e as políticas PAC, moi galega na pesca por motivos evidentes e diversificada no caso da industria, as materias primas, a enerxía e o comercio e transportes en relación coa globalización económica dominante.
Noticias falsas
A partir de aí, o estudo rexional comeza con Europa e a Unión Europea no que se distinguen internamente, cunha proporción semellante, os artigos dedicados aos estados e á institución que os une cada vez máis en todos os ámbitos posibles: económicos, sociais e políticos. África amosa unha hipertrofia do Magreb e do Sahel en relación coa proximidade ao Mediterráneo e, a partir da Primavera Árabe, unha atención e reflexión maior sobre o proceso cando se produciu en cada país. A África Subsahariana reúne os artigos que definen os seus problemas endémicos coas tentativas de saír dese círculo vicioso. A inmigración, causada por diversos motivos, xa pobreza, xa conflitos, afecta ambas as zonas. América Latina, de México á Arxentina, presenta a dualidade entre a análise dos países, especialmente os de maior peso económico, e a evolución xeral do subcontinente. América Anglosaxoa inclúe Os Estados Unidos, primeira potencia mundial, e O Canadá. A súa importancia económica e política explican a atención que suscitan por si mesmos. No continente asiático, A China presenta tamén unha hipertrofia no tratamento. O seu modelo económico, social e político alternativo ao occidental esperta interese e análises desde moi diversos puntos de vista. Finalmente, o Estremo Oriente, onde destaca O Xapón e os alcumados «tigres asiáticos», xunto a unha emerxente A India.
2. A conformación da hemeroteca implica a lectura da prensa e outras publicacións periódicas, un gozo irrenunciable para quen estima as ciencias sociais en todas as súas manifestacións coa escolma do valioso para os obxectivos propostos. O profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández sempre nos impeleu a aproveitar a vantaxe dalgunhas das cabeceiras máis destacadas do país polo seu rigor e compromiso. Se cadra, o maior desafío esixe un criterio que tampouco é ríxido, mesmo laxo, que leva a calquera estudoso a non desbotar nunha viaxe a fotografía da beleza ou o interese de calquera lugar en relación coa súa virtual utilidade para o alumnado, pois como se desliga nunha vocación o persoal do profesional?
3. Os artigos de análise e reportaxes valiosas son tratados cun criterio sinxelo que comeza polo seu recorte no que se inclúe a totalidade do traballo, a autoría e a data, que sempre aparecen. Máis nada, pois o subliñado só condicionaría o novo lector que debe obter a información e o coñecemento por si mesmo. O almacenamento dun artigo en cada carpeta temática vai por orde cronolóxica, de xeito que no fondo está o máis antigo e por riba o recente, do cal se deduce a superposición horizontal de carpetas que asentan o papel para a súa mellor conservación e consulta. Así, é doado atopar a carpeta da materia correspondente que permite o acceso á orde diacrónica de textos.
4. Tras o éxito da iniciativa e dun xeito consecuente, comezou a elaboración do temario de Historia cun criterio semellante. Neste caso: ciencia historiográfica, prehistoria, historia antiga, historia medieval, historia moderna e historia contemporánea. Para o mesmo período de tempo, a colección de documentos é menor debido a que a prensa periódica non ten como motivo principal as cuestións do pasado, aínda que determinadas seccións e suplementos culturais si compensen ese obxectivo.
Temas |
Cantidade |
Prehistoria |
239 |
Historia antiga |
175 |
Historia medieval |
92 |
Historia moderna |
80 |
Historia contemporánea, século XIX. Internacional/Nacional |
61 |
Historia contemporánea, século XX. Internacional/Nacional |
162 |
Historia contemporánea, século XX. España-Franquismo |
173 |
Historia contemporánea, século XX-XXI. España-Democracia |
219 |
Historiografía |
98 |
Total |
1.299 |
Táboa 2. Hemeroteca de historia
Na escolma acumulada, practicamente a metade dos artigos é da historia contemporánea, é dicir, aproximadamente os derradeiros 200 anos (séculos XIX-XX e XXI), e a outra metade, para o resto da existencia humana, incluídos os millóns de anos máis pretéritos. Estes concitan interese, sobre todo, na evolución humana á par dos sucesivos descubrimentos arqueolóxicos de novas especies de homínidos, así como a cuestión sobre a relación do neandertal e do sapiens. En Galicia destacan os xacementos das covas calcarias orientais e as investigacións do paleolítico en xeral e do castrexo en concreto co celtismo como debate recorrente. A cultura castrexa e a romanización aparecen imbricadas en moitos artigos de arqueoloxía que apuntan novas perspectivas sobre a cuestión.
Hemeroteca
En contraste, a época medieval, moderna e o primeiro chanzo da contemporaneidade non suscitan a atención con tanta intensidade como o século XX ata o presente, que esixe multiplicar o criterio de clasificación en carpetas suficientes para acoller, como non podía ser doutro xeito na prensa periódica, os tempos presentes e os seus fundamentos inmediatos. A dialéctica ditadura-democracia é determinante.
5. O ámbito de interese non deixa de aumentar cando hai outras cuestións que inciden no estritamente educativo.
Temas |
Cantidade |
Sistema educativo, marco legal |
78 |
Función docente, referentes docentes |
53 |
Experiencias educativas |
39 |
Psicoloxía. Pedagoxía |
94 |
Adolescencia |
62 |
Valores dos deportes, personalidades exemplares |
149 |
Creatividade |
122 |
Específicos: mulleres, discriminacións, conflitos |
106 |
Total |
703 |
Táboa 3.Hemeroteca de educación
Alén das leis e do marco legal, coas sucesivas reformas educativas e as súas particularidades, a investigación na función docente e a reflexión sobre referentes válidos e outras experiencias educativas que aparecen recollidas nos medios de comunicación e especificamente na prensa, o coñecemento da adolescencia como etapa propedéutica para a vida esixe coñecementos actualizados sobre psicoloxía e pedagoxía que veñen sendo protagonistas, cada vez con máis frecuencia, en relación coa sucesión da crise económica (2008), sanitaria (covid, 2020) e bélica (Ucraína, 2021), pois todo o que sucede ten o seu reflexo nas aulas e na xente nova.
Os valores dos deportes, sempre inspiración para adolescentes, resultan na motivación propia de metas e resultados que se perciben como éxitos. Tamén determinadas personalidades de diversos campos culturais, científicos, empresariais etc. propician o ánimo diante dos retos. O exemplo do calendario anual do pentacampeón mundial de tríatlon Gómez Noya, tan similar na distribución do esforzo persoal, resulta un potente prototipo que coloca o alumnado en disposición de avanzar. Aí engancha coa creatividade, a capacidade de innovar, de atopar resposta, o maior valor da xente nova ata o punto de que a Unesco establece unha relación directa entre progreso e poboación non envellecida, a que busca respostas cunha mentalidade creativa.
Unha derradeira carpeta, non por iso menos importante, recolle temas específicos relacionados coa muller na educación e no ámbito laboral, especificamente a violencia de xénero, discriminacións por motivos diversos, xa de raza, cultura, lingua, crenza, pensamento etc. e os conflitos violentos que deveñen cando as desigualdades de calquera caste acumulan unha tensión que devén en enfrontamento colectivo con especial dano aos máis débiles, especificamente a menores.
6. A teleoloxía da «fin da historia» prognosticada por Fukuyama ao abeiro da caída do bloque do socialismo real e que daría nun suposto happy end que tería como parámetros o sistema capitalista globalizado saltou polos aires coa prolongada crise desde 2008 seguido coa recente pandemia da covid e parece que volve a evidenciarse coa invasión de Ucraína. Para o lector diario, o cambio de parámetros informativos foi evidente. As habituais preguntas do xornalismo —os cinco dobres uves en inglés Who? What? Where? When? Why?, é dicir, Quen? Que? Onde? Cando? Por que?— reformuláronse no medio dunha auténtica crise de identidade individual, colectiva e global. Porén, e tal como manifestaba o arousán mestre de xornalistas Julio Camba, do que este ano se celebra o 60.º aniversario do seu pasamento, toda tarefa xornalística «remata reducida a unha superficie de 150 cm2», os da folla de información veraz. Logo, os novos artigos non eran clasificables dentro das anteriores categorías. Foi necesario abrir novas carpetas: dixitalización, economía, o estado do mundo e filosofías de vida.
Aeroporto de Dulles
Temas |
Cantidade |
Internet, dixitalización, robotización, redes (2015-20) |
90 |
Internet, dixitalización, robotización, redes (2020-22) |
107 |
Economía. Global |
71 |
Economía. Galicia/España |
166 |
Estado do mundo (2008-18) |
180 |
Estado do mundo (2019-21) |
175 |
Estado do mundo (2022- |
295 |
Filosofías de vida (2008-18) |
103 |
Filosofías de vida (2019-21) |
145 |
Filosofías de vida (2022- |
70 |
Total |
1.402 |
Táboa 4. Hemeroteca do século XXI
Todo o desafío da revolución tecnolóxica deste comezo do século XXI apareceu reflectida na prensa. As análises sobre educación e Internet deron en novas carpetas, tendo en conta que, cando comezo a miña dedicación profesional no ano 1996, as cuestións sobre estes dous eidos aínda se prescribían desde unha concepción practicamente analóxica. Este era un tema de evolución estrutural que, de súpeto e sen desbotar o impacto dos atentados terroristas do 11-S de 2001 en Nova York, mudou co crack do 2008 e a súa prolongación no tempo. As reportaxes de economía pasaron ás primeiras páxinas cunha intensidade e profundidade non vista antes. En directa relación co colapso económico aumentou de xeito exponencial a reflexión sobre o estado do mundo, dun xeito global, interdisciplinario e desde as máis variadas perspectivas. A multiplicación de carpetas e os marcos cronolóxicos demóstrano. Tras os diagnósticos, veñen os remedios e o mesmo sucede coas carpetas que baixo o título de «Filosofías de vida» son propostas individuais e colectivas para unha existencia que xa non é nin pode ser como foi. Referentes, exemplos, experiencias, ideas, propostas, fracasos, memorias, simulacións... un ruxe ruxe para un presente e futuro viable para a humanidade.
7. Ademais, hai carpetas dedicadas especificamente á bibliografía das ciencias sociais, pois, ante a imposibilidade de ler todo o que se publica, existe a opción de ter as referencias por se nalgún momento se demanda unha obra científica específica. Aínda hai máis carpetas: lingua, etnografía, videoteca, fonoteca, pois non hai maneira de lle pór couto ao gozo da lectura e de apañar froitos da árbore do saber. Sobre todo a literatura, medio transversal ideal para o achegamento do estudantado ás ciencias sociais, tal como nos recomendaba o profesor Lourenzo Fernández Prieto. O historiador Enrique Krauze exprésao con acerto cando afirma: «Fun menos un lector lúdico e gozoso da literatura que un historiador que busca ler para entender. As novelas son unha clave mestra para explicar as sociedades (…) Nese sentido, a historia inclínase ante a literatura».
Pero máis importante que a cantidade reunida na hemeroteca de ciencias sociais é a escolma tras a peneira, a selección do mellor e axeitado, do realmente significativo e o esforzo de concisión da prensa é ideal. Non se recolleu todo, pois en moitas ocasións os contidos de determinadas reportaxes insisten sobre outras xa catalogadas. O criterio do docente tamén se forma e o alumnado percíbeo no traballo da aula con material axeitado á idade, ao tema, ao obxectivo derradeiro: novas persoas adultas con criterio a partir dunha información de calidade. Polo tanto, o número de artigos é indicativo relativamente. Do que a prensa trata pouco, por exemplo, o continente africano, téndese a recoller máis en proporción que ao tema do cambio climático que aparece hipertrofiado pola súa emerxencia e gravidade e onde se peneira moi fino. Consecuentemente, os datos que aparecen nos cadros xa son obsoletos no momento desta publicación porque o mundo non se detén nin un momento. A hemeroteca xa medrou neste ano 2022, coa análise e reflexión da guerra en Ucraína, non a crónica, senón as consecuencias xeopolíticas, economía global. En definitiva, no presente e no futuro inmediato.
8. Así, desde unha pequena iniciativa, xorde unha hemeroteca do profesor que favorece o reskilling ou recapacitación no dobre sentido que ten este vocábulo na nosa lingua: capacitar periodicamente nas destrezas e reflexionar tamén. Calquera docente de ciencias sociais utilizou ao longo da súa vida profesional crónicas ou reportaxes de publicacións periódicas. O suplemento La Voz de la Escuela (La Voz de Galicia) con corenta anos de historia rendeu literalmente «unha homenaxe ao profesor que procura a excelencia». O autor, Jesús Garrido, presenta a metodoloxía dos «cinco is da noticia»: interesante, que é o primeiro que nos move a seleccionar un artigo; importante, que acumula méritos para a escolla; investigable, en función do desenvolvemento do pensamento abstracto que caracteriza a madurez; inventivo, polo que favorece no alumnado a innovación no coñecemento; e finalmente, iniciativa, polo tanto, a toma de decisións para a súa vida que é o fin da educación, a capacidade de autoxestión do individuo nunha sociedade complexa e cambiante. Unha metodoloxía sinxela, pero moi resolutiva. John Ridding, conselleiro delegado do Financial Times vai máis aló cando afirma que «o periódico en papel dáche o que non pediches, ideas novas».
Washington Square. New York
9. Froito directo da aplicación nas aulas de educación secundaria, xa ESO, xa bacharelato, en propostas de actividades complementarias das que hai memoria redactada, podemos citar algunhas, facendo unha escolma breve pero significativa, das unidades didácticas seguintes: Visita a La Voz de Galicia no 125.º aniversario e á Real Academia Galega polo centenario (2007); Programa educativo da Unión Europea —Comenius— «As diferentes voces de Europa» coas propostas «Emigración en Vilalba. O caso de Santabaia» (2008) e «Europa, unha identidade en construción» (2009); Learning by doing. Unha metodoloxía para a excelencia nas ciencias sociais (2012); Nelson Mandela na memoria, 125.º aniversario do National Geografic (2013); conferencias de parlamentarios «Hai futuro?», Premio Nobel da Paz Malala Yousafzay e Kailash Satyarthi (2014); «Emprendemento na historia», publicado en EDUGA, núm. 82; Atentados xihadistas en París (2015); Gómez Noya, Premio Princesa de Asturias, centenario Giner de los Ríos, Residencia de Estudantes e Residencia de Señoritas. Exposición «Mujeres en Vanguardia» (2016); Semana da Constitución e do Estatuto de Autonomía, «Prensa, logo aprende», Cumio do Clima de París, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial (2017); «Pensamento, ferramenta de aprendizaxe, migrantes, unha resposta con intelixencia emocional» (2019), publicado en EDUGA núm. 80; Atención á saúde emocional pola covid nas aulas (2020); «Leccións da pandemia e aprendizaxe informal» (2021), publicado en EDUGA núm. 81; «Alá ao Sur, unha acollida afectiva no 800 aniversario do rei sabio», publicado en EDUGA núm. 83 (2022). Algunhas delas foron realizadas en anos académicos sucesivos, aínda que aquí só aparezan citadas nun determinado. Correspóndense con idades concretas ou para todas os niveis segundo a idoneidade.
En definitiva, un ilusionado intento de «abranguelo todo» como promoción dunha ciencia social «total», segundo o perenne desafío intelectual da profesora Ofelia Rey Castelao.
10. Finalmente, para coñecer a valoración do alumnado sobre as distintas experiencias, pódese consultar a colaboración titulada «Avaliación da docencia. Máis de mil razóns», publicada en EDUGA núm. 82 e aqueloutras publicadas na mesma revista dixital na que se avalía a tarefa correspondente.
Quiosco
Conclusión
Para chegar a esta hemeroteca, «árbore frondosa» con miles de follas, poderiamos argumentar con Exeria, a muller da primeira viaxe transcendental ao Oriente «como son un tanto curiosa...» ou seguindo a Cicerón cando afirmaba que «cunha biblioteca e un xardín, nada máis se precisa» ou a Quevedo «retirado na paz dos desertos. Con poucos pero doutos libros» para vivir en conversa cos seus autores, pois dun xeito «virtual» houbo un diálogo cos mellores especialistas nas materias, doutores, catedráticos, premios internacionais e Nobel que asinan as súas reflexións e coñecementos nos foros da prensa periódica responsable evitando faladoiros banais.
Polo tanto, en contacto coas universidades máis prestixiosas e con institucións de investigación de reputada solvencia, como espectador apaixonado nos seus debates e opinións encontradas, reflexionando sobre o propio esquema de coñecemento e sobre os seus contidos, mudando cando foi necesario, evitando o dogmatismo e rixidez intelectual, comprendendo as razóns dos demais, escoitando, argumentando, axudando a construír o coñecemento do alumnado con respecto pola súa liberdade, desenvolvendo, ao tempo, a intelixencia emocional para o benestar afectivo e cognitivo. En definitiva, seguindo o precepto de Kant, «actuando de boa fe», a pesar dos obstáculos que poidan xurdir.
—¿Cuanto ha que bajé? —preguntó don Quijote. —Poco más de una hora —respondió Sancho. —Eso no puede ser —respondió don Quijote— porque allá me anocheció y amaneció, y tornó a anochecer y a amanecer tres veces; de modo que, a mi cuenta, tres días he estado en aquellas partes remotas y escondidas...
Miguel de Cervantes, Don Quijote, 2.ª parte, cap. 23
A serendipidade é un «valor de retorno» non procurado nin agardado. Quero rematar citando a asociación sen ánimo de lucro de alumnado do cuarto ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. A coordinación das actividades das «xeiras» —tomando o nome das excursións e viaxes culturais da Xeración Nós— con gratitude ás xeracións maiores que fixeron o esforzo para establecer as bases económicas, sociais e políticas sobre as que asentamos a liberdade e o estado do benestar. Das decenas de unidades didácticas arredor de variados destinos, na ruta literaria do Quixote, guiados pola novela, o fantástico descenso na cova de Montesinos dun grupo de cincuenta participantes que sumaban miles de anos de aprendizaxe vital propio, os das súas respectivas vidas particulares, e colectivo, o referente á sabedoría compartida de toda a humanidade, deu nunha espontánea velada lírica como nunca na memoria. Velaí o valor de retorno. O agasallo do presente.
Este presente tivo o seu impulso inicial na Facultade de Historia, en 1994, co profesor Xosé Manoel Núñez Seixas e a materia optativa Investigación Básica en Historia Contemporánea para indagar unha publicación periódica na hemeroteca universitaria de San Xerome utilizando metodoloxías analíticas do profesor Justo Beramendi González para tal obxectivo e publicada na Trabe de Ouro, revista galega de pensamento crítico.
Congress shall make no law respecting an establishment of religion, or prohibiting the free exercise thereof; or abridging the freedom of speech, or of the press.../O Congreso non poderá facer ningunha lei con respecto ao establecemento da relixión, nin prohibindo a súa libre práctica, nin limitando a liberdade de expresión, nin de prensa...
Carta de Dereitos. 1.ª emenda á Constitución dos Estados Unidos (1791)
En Washington, na mesma avenida de Pensilvania que percorre camiñando á Casa Branca o presidente, xurado xa o cargo executivo no Capitolio, sé do poder lexislativo, líase ata 2021, na enorme fachada do edificio do Newseum (museo da prensa e da información) o texto citado. Toda unha advertencia para a preservación da democracia na que a prensa xoga un papel imprescindible. No intre do nacemento do primeiro país na historia que poñía en práctica os principios liberais como un experimento inédito, os fundadores foron conscientes do xornal, do diario como foro válido e necesario para satisfacer a demanda de información veraz.
Beramendi, J. (1999). La historia política: algunos conceptos básicos. Tórculo.
Camba, J. (2013). Maneras de ser periodista. Libros de KO.
Francisco, G. X. (1995). Achegamento á ideoloxía da UPG a través de Terra e Tempo. A Trabe de Ouro, 23.
Fukuyama, F. (1992). El fin de la historia. Planeta
Garrido, J. (19 de maio de 2021). Unha homenaxe ao profesor que procura a excelencia. La Voz de Galicia.
Krauze, E. (2022). Spinoza en el Parque de México. Tusquets.
Sartori, G., Morlino, L. (1994). La comparación en las ciencias sociales. Alianza.