O legado do Imperio
Xosé Manuel Suárez
Obxectivos
Queremos, entre outras cousas, que o alumnado estableza conexións entre o pasado da Hispania romana e o presente, analizando exemplos do que perdura hoxe en Galicia do seu pasado antigo. Estes son algúns dos obxectivos da unidade máis destacados:
- Explicar as características do espazo xeográfico romano.
- Describir o proceso de expansión e conquista que levaron a cabo os romanos.
- Coñecer as etapas da historia romana: época, características e principais acontecementos.
- Valorar o papel histórico de personaxes relevantes.
- Explicar as causas e consecuencias da crise do Imperio Romano.
- Localizar no espazo e no tempo Hispania e Gallaecia.
- Valorar a transcendencia da romanización en Hispania.
- Comprender a importancia da romanización de Gallaecia.
- Apreciar a permanencia do legado romano en Hispania e Gallaecia.
- Comprender como era unha cidade romana e valorala como inicio do noso urbanismo.
- Identificar e describir edificios característicos romanos e coñecer obras de arte importantes.
- Analizar a influencia da cultura romana na civilización occidental e valorala como unha das súas bases.
- Analizar en concreto os pobos prerromanos que habitaron o actual territorio de Galicia e a cultura castrexa.
- Analizar o cambio que supuxo a presenza romana nas estruturas políticas, económicas, sociais e culturais das terras conquistadas, con especial interese en Gallaecia.
- Comprender a formación do reino suevo no contexto de desaparición do Imperio Romano.
Descrición da unidade
Para usuarios con discapacidade visual inclúense arquivos de reprodución de audio do texto. Para usuarios con discapacidade auditiva, subtítulos en vídeos e imaxes e información contextual.
Roma, instalada como potencia ocupante de Galicia, recrutou milleiros de homes que batallaron en todas as fronteiras do Imperio, organizou unha explotación dos recursos costeiros para abastecer o exército do Rin. En Gallaecia, ao contrario que en tantas outras rexións do Imperio, non se coñeceu a cara amable de Roma. Comprender a romanización de Galicia é entender como se transforma a iniciativa depredadora, na procura da riqueza colonial, nun resultado cultural duradeiro: a lingua e a relixión, sen que os romanos usasen as ferramentas e modos coñecidos noutros lugares. Entender a romanización de Gallaecia implica ver con que fases se establecen as novas formas de explotación tras a conquista. Quen, a partir desa nova realidade, asimila novas formas culturais para definir os novos usos sociais que terminan por triunfar. Como se produce esa transformación, por que, por exemplo, os habitantes de moitos castros seguen habitándoos e mantendo a súa estrutura social mentres os romanos crean un aparello administrativo que organiza desde as cidades e que se impón sobre esa sociedade.
É impensable a existencia dunha cultura occidental, tal e como a coñecemos hoxe, sen a persistencia do mundo grecorromano e a súa influencia máis aló do tempo, xa sexa na lingua, a cultura, o dereito, a filosofía... e unha gran variedade de facetas que afectan directamente á nosa vida actual.
A asimilación dos modos culturais do mundo romano polas sociedades peninsulares recibe o nome de romanización e a variedade de fondos arqueolóxicos da nosa comunidade permite establecer un percorrido ilustrativo e didáctico para entender os mecanismos de implantación dos modos culturais e económicos romanos e as súas consecuencias sobre o noso territorio.
Neste sentido, a persistencia deste legado do mundo romano en Hispania e na nosa Galicia é o punto de partida da reflexión sobre as nosas orixes como elemento de cohesión nos modos de ser e vivir na actualidade. Esta unidade didáctica pretende ofrecer unha visión da romanización da Península Ibérica sen deixar de facer un breve repaso pola España prerromana, ata a caída do Imperio polas invasións xermánicas.
Centrándonos na parte máis didáctica do tema, é importante que o alumnado coñeza o que máis puido influír no que somos actualmente. Privados do coñecemento das culturas que habitaron a Península Ibérica na Idade Antiga non poderiamos entender gran parte do que hoxe temos, de como é hoxe a nosa sociedade.
Portada
A importancia de Lugo como cidade fundada ex novo polos romanos destaca como recurso nun vídeo ao que se accede desde o menú da portada. Os contidos da unidade didáctica están presentados desde esta páxina inicial nestes grupos: Historia, +Libros, Galerías, +Recursos, Paneis e Actividades. Mentres os primeiros grupos corresponden a páxinas de contidos, os derradeiros ofrecen actividades autoavaliativas para os alumnos.
Os contidos están presentados en forma de libros (formato Ardora). Á historia de Roma desde a súa fundación ata o final do Imperio, engadimos tres libros temáticos: a arquitectura e a enxeñería romanas, un glosario de termos e unha explicación sobre o legado romano: a enxeñería construtiva, o dereito e a lingua.
Astérix en latín e galego
Reforzamos a aprendizaxe empregando a motivación lúdica en paneis conceptuais para completar, crebacabezas, dameiros, sopas de letras, encrucillados e outros xogos con palabras, recollidas en máis de trinta actividades, nas que, para aumentar a autocompetición e motivación se engade un reloxo con limitación de tempo de realización e a posibilidade de reiniciar a actividade en caso de erro.
Actividades
Neste grupo salientamos o estudo dos itinerarios das vías romanas na Gallaecia, para desenvolver en «Con mapas», onde se recollen as hipóteses máis actuais sobre o desenvolvemento na nosa terra das comunicacións terrestres da época romana, co posible trazado das principais calzadas que unían cidades e vilas e que coinciden en moitos puntos con estradas contemporáneas.
Vías romanas
O Taboleiro (en +Recursos) dános a posibilidade de navegar por páxinas de museos dedicados ao mundo galaico-romano: o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Centro de Interpretación de Caldoval, ademais de vídeos e outros recursos na rede.
No apartado Galerías, podemos abrir dúas coleccións de imaxes con textos e audios explicativos: por unha parte, un álbum de destacadas obras de arte e, por outra, quince mapas históricos que amplían contidos temáticos.
No grupo Paneis, ofrecemos actividades de situar conceptos, nomes de lugares, feitos ou definicións sobre esquemas, liñas de tempo e imaxes dadas.
As portas da muralla
Competencias
Enumeremos algunhas das competencias que se pretenden traballar:
- Utilizar o vocabulario relacionado coa historia política romana.
- Buscar as ideas básicas do tema e interpretar a información.
- Usar fontes primarias e secundarias para obter información.
- Usar fontes escritas, materiais e iconográficas para obter información.
- Buscar información en Internet e en enciclopedias.
- Sintetizar a información dada en liñas de tempo, gráficos, esquemas...
- Comprender gráficas e táboas.
- Analizar as loitas entre clases sociais da época.
- Comparar os medios de conquista dos romanos: pacto ou derrota militar.
- Comprender o concepto de cidadán acumulado a uns dereitos políticos, que uns posúen e mentres outros están excluídos.
- Sentir empatía por persoas doutras épocas.
- Analizar a convivencia nun mesmo territorio de pobos con diferentes culturas (invasores e invadidos).
- Utilizar a información recibida como base para fundar opinións razoadas sobre a escravitude e a situación da muller.
- Precisar o contexto espazo-temporal no que se desenvolveu a civilización romana.
- Coñecer acontecementos da historia romana: os conflitos entre patricios e plebeos, a expansión territorial, as guerras púnicas, os triunviratos, o establecemento do Imperio, os principais emperadores, a fin do Imperio Romano coas invasións xermánicas.
- Explicar os efectos que a conquista tivo sobre os pobos conquistados.
- Comparar distintas formas de organización política dos romanos.
- Comparar as crises sufridas (a crise da República e a crise final do Imperio) e analizar as causas.
- Explicar a creación do Imperio Romano e a súa fin como dous procesos claves do noso pasado.
Avaliación
Recollemos algúns estándares de aprendizaxe da unidade. É unha mostra, pois a totalidade pódese descargar desde o mesmo recurso, na guía didáctica (no Guieiro):
- Coñece os trazos da civilización romana con especial atención á organización político-administrativa, social, económica e cultural en Hispania e en Gallaecia.
- Identifica a cultura romana no patrimonio artístico hispano: pontes, acuedutos, teatros, estelas, termas, murallas, faros e calzadas.
- Relaciona a cultura romana con manifestacións culturais: en agricultura, organización urbana, lingua e toponimia.
- Achégate ao legado da cultura romana en Hispania e en Gallaecia a través de imaxes.
- Explica as distintas fases da historia de Roma, incidindo especialmente nos cambios de sistema de goberno e na crise do século III.
- Confecciona e analiza un mapa coas distintas etapas da expansión de Roma.
- Sinala as diferenzas e semellanzas entre o sistema de goberno republicano e o do Imperio.
- Realiza un informe sobre a economía, a sociedade e a cultura romana.
- Entende que significou a romanización en distintos ámbitos sociais, culturais e xeográficos.
- Compara obras arquitectónicas e escultóricas de época grega e romana, sinalando as características que lles son propias.
- Identifica obras coñecidas da arte romana e edificios públicos.
- Describe as causas e o desenvolvemento da conquista romana de Hispania.
- Realiza e comenta un mapa da Península Ibérica onde se reflictan os cambios administrativos na época romana.
- Enumera os reinos nos que se fragmenta o Imperio Romano de Occidente.
- Analiza diversos exemplos do legado romano que sobreviven na actualidade, destacando os galegos.
- Reflexiona sobre a influencia do mundo romano na cultura actual.
O tríscele de Castromao (Celanova)
Conclusións
O final do Imperio Romano deu paso á Idade Media, que en Galicia tivo como protagonista nos primeiros anos o reino suevo, un dos primeiros reinos medievais de Europa. Os suevos colleron o relevo na cabeza da administración política do territorio de Gallaecia, onde permaneceron estruturas sociais da época castrexa. A identidade do reino será recoñecida despois pola monarquía visigoda que se impón á sueva.
Para finalizar a presentación do recurso, engadimos aquí o acceso a unha enquisa, un formulario no que non se gardan os datos persoais de quen envía de xeito anónimo as respostas e que ofrecerá a opinión de profesorado e alumnado sobre a unidade proposta. Das respostas obtidas ata hoxe, dedúcese que o recurso ofreceu aspectos motivadores para o alumnado (imaxes, autocompetencia e a autoavaliación, facilidade na compresión e na adquisición de contidos…), que pode ser suficiente como material único para tratar o tema e que contidos de maior interese son os dedicados á cultura castrexa e a Gallaecia.