Trouleando: un proxecto ao redor das variedades dialectais da lingua galega

Pilar Buela e Juan Carlos Montejano
IES de Valga (Valga-Pontevedra)

 

Trouleando é un proxecto realizado durante unha licenza por formación ao longo do curso 2017/18, en concreto no período que vai de marzo a xuño do ano 2018. Consta de tres ODE (obxecto dixital educativo), cada un deles centrado nun dos tres bloques dialectais da lingua galega: occidental, central e oriental. Evidentemente, a pesar de aparecer presentado en tres ODE diferentes, concíbese como un proxecto único que presenta partes comúns e estruturas internas moi similares. O feito de dedicirmos esta partición débese a unha cuestión de tipo técnico: o peso máximo recomendado para este tipo de materiais elaborados con eXeLearning e que teñen como finalidade entrar a formar parte do repositorio Abalar é de 100 megas por ODE. Sempre pensamos que un material desta natureza, pensado para alumnado da ESO e bacharelato, debería ter unha importante compoñente audiovisual, para procurar deste xeito facelo o máis atractivo posible a ollos da rapazada desas idades. Por este motivo, son moitos os arquivos de audio e vídeo que hai en cada un deles, o cal provoca que facilmente se poida chegar ao peso máximo dos 100 megas. Velaí a razón principal de por que se decidiu a súa repartición en tres, aproveitando ademais que a natureza dos contidos tratados (bloques dialectais) así o recomendaba.

Por que entón Trouleando? Sen dúbida, o nome remítenos á festa e á xolda. Ben, os autores pretendemos dar unha visión transversal dunha realidade onde a lingua sexa o eixe vertebrador. Deste xeito, decidimos elixir unha festa de interese turístico que se celebrase no territorio de cada un dos bloques e tratar, ademais da súa variante dialectal, os principais contidos relacionados coa temática festiva elixida. A estrutura xeral resultante desta decisión é a que aparece na táboa adxunta.

Obxectivos

Obxectivos de carácter lingüístico

  • Deseñar materiais que poidan ser utilizados na aula por profesorado de varias materias: Xeografía e Historia, Lingua e Literatura Galegas, Paisaxe e Sustentabilidade.
  • Traballar tanto a expresión como a produción oral e escrita (destrezas básicas) en lingua galega.
  • Coñecer as principais variedades dialectais da lingua galega a través de textos orais recentes e protagonizados por persoas da súa idade.
  • Fomentar o respecto pola diversidade lingüística interna e o uso das variantes dialectais propias do alumnado.
  • Interrelacionar o tema central (as festas de interese turístico) con aqueloutros que lle son lindeiros e que permiten a interdisciplinariedade: elementos xeográficos, formas de poboamento, actividades económicas, tradición popular…

Obxectivos de carácter socioxeográfico

  • Coñecer os aspectos básicos do patrimonio inmaterial, histórico e cultural galego de Arbo e da comarca da Paradanta (bloque occidental), Taboada e comarca de Chantada (bloque central) e Viana do Bolo e a comarca de Viana (bloque oriental).
  • Caracterizar os diferentes espazos xeográficos galegos que o home foi creando coas súas accións, poñendo especial relevancia nas transformacións dos espazos rurais e urbanos, a través da análise da evolución das paisaxes naturais e humanas de diferentes concellos galegos.
  • Identificar os diferentes tipos de poboamento humano e as características do espazo xeográfico galego, a partir das informacións escritas, cartográficas e gráficas. 
  • Identificar, localizar e comprender as características básicas da diversidade xeográfica de Galicia.
  • Coñecer as principais características da arte románica (bloque central).
  • Coñecer, apreciar e respectar o enorme patrimonio etnográfico galego, en especial o que fai referencia ao Entroido galego, en xeral, e ao Entroido de Viana, en particular (bloque oriental).
  • Achegarse ao coñecemento dos ríos e a súa contorna.
  • Achegarse ao coñecemento das paisaxes de montaña.

 

Obxectivos que gardan relación coas novas tecnoloxías

  • Fomentar a utilización das novas tecnoloxías informáticas entre o profesorado e entre o alumnado.
  • Contribuír ao desenvolvemento de materiais dixitais que poidan ser usados na aula como ferramenta de traballo e que non requiran un alto grao de coñecementos técnicos.
  • Utilizar as novas tecnoloxías como fonte de información e tamén como fonte de xestión do coñecemento. 

 

Contidos

Contidos de carácter lingüístico

  • A diversidade lingüística. Unidade e variedade da lingua galega: a variedade estándar/outras variedades da lingua galega.
  • As variedades dialectais da lingua galega: bloques e áreas lingüísticas.
  • Manexo e interpretación de mapas dialectais.
  • Identificación dos principais trazos dialectais en textos orais de distinto tipo.
  • Respecto pola diversidade lingüística no mundo, en España e en Galicia como un valor fundamental.
  • Ampliación léxica de campos semánticos tales como a flora, a fauna e os accidentes xeográficos.

Contidos sociais e xeográficos

  • Obtención e procesamento de información a partir da percepción de imaxes, de fontes orais e de documentos visuais, cartográficos e estatísticos, incluídos os proporcionados polas tecnoloxías da información e a comunicación. Comunicación oral ou escrita da información obtida.
  • Observación e identificación das principais paisaxes xeográficas derivadas da actividade humana.
  • Identificación das principais características da Ribeira Sacra.
  • A arte románica.
  • O Entroido en Galicia.
  • O río Miño: paisaxe e actividades económicas.​

 

Contidos TIC

  • Manexo do ordenador para a procura e selección de información.
  • Composición e redacción dos seus propios textos utilizando medios dixitais, atendendo a criterios de corrección e presentación (tamaño de letra, título, subtítulo, columnas...).
  • Integración de imaxe e texto.
  • Uso do ordenador para a resolución das tarefas propostas a través do repositorio de contidos dixitais Abalar.

Metodoloxía

Baseándose na metodoloxía que se propón desde o propio currículo, tanto de Lingua e Literatura Galegas como de Xeografía e Historia, indicamos aquí algunhas recomendacións metodolóxicas:

  • Buscar a maior significatividade posible do aprendido, partindo daqueles contidos máis próximos á propia realidade do alumnado: trátase de comezar no próximo (a fala local) para, a través dun afastamento progresivo, chegar á comprensión de conceptos xerais (variedades dialectais da lingua galega).
  • Buscarase unha participación moi activa por parte do alumnado nas actividades propostas, tanto a través de traballo individual como grupal.
  • Aplicarase o principio de «do concreto ao xeral» e «do próximo ao afastado», procurando que o alumnado chegue ao coñecemento xeral a través da dedución a partir da súa realidade máis próxima.
  • A comparación será outro dos principios metodolóxicos: comparar mapas, comparar textos pertencentes a diversas áreas e bloques dialectais, comparar diversos elementos da arte románica...
  • Trabállase con textos pertencentes a medios de comunicación existentes no noso país: neste caso cortes do programa de televisión Grandes lugares. Esta medida obedece ao principio metodolóxico da utilización de materiais auténticos ou o máis verosímiles posibles, de xeito que non se produza un salto insalvable entre o espazo da aula e a sociedade que os rodea.
  • Máxima coordinación entre o profesorado implicado na implementación do material, de xeito que o alumnado perciba que se trata dun traballo interdisciplinar e que a súa formación sobre un tema se pode presentar desde varias perspectivas complementarias. O principio metodolóxico básico que subxace é a superación das materias-estanco e a percepción do saber como algo integrado.

 

Aplicacións dentro da aula

Dentro de cada un dos ODE existen apartados pensados especialmente para traballar dentro da aula:

Lingua

Inclúense exemplos en audio e vídeo dos principais trazos dialectais xerais de cada bloque e unha batería de mapas dialectais. Como exemplo incluímos un audio correspondente ao bloque central, onde o informante nos fala da indumentaria que deben vestir os volantes do Entroido ribeirao (acceso ao final do artigo).

Textos orais: audios e vídeos

Inclúese a gravación de audios e vídeos protagonizados por rapaces e rapazas dun instituto de referencia no lugar elixido pola súa festa de interese turístico. Son audios e vídeos onde a mocidade e a veciñanza dese sitio aparece falando de temas moi diversos e empregando a variedade dialectal que lle é propia.

Grandes lugares

Neste apartado aparecen cortes do programa Grandes lugares cedidos pola Televisión de Galicia. Fíxose un traballo de rastrexo para atopar cortes onde se visen ben representados os trazos dialectais propios de cada bloque. 

En todos os casos se optou por cortes de audio e vídeo de escasa duración procurando dinamizar o traballo, facelo máis atractivo a ollos da rapazada e manter a súa atención sostida durante a proxección. 

Nestes tres apartados que vimos de mencionar xúntanse un total de 44 vídeos e 15 audios que resultan ser moi prácticos para traballar e exemplificar nas clases onde se tratan os contidos das variedades diatópicas do galego, especialmente en cuarto da ESO e segundo de bacharelato.

No apartado Actividades atopamos tarefas de tres tipos:

- A primeira é un EdiLIM onde se propoñen un total de 50 actividades que tratan sobre os contidos vistos na parte expositiva correspondente (río Miño, arte románica e Entroido). A forma que adoptan os exercicios propostos son varias: asociacións, sopas de letras, clasificación… e todos contan coa vantaxe de ser autocorrectivos.

- Aparecen logo un total de 15 actividades elaboradas co propio eXeLearning. Son tarefas que requiren o manexo e análise de mapas, preguntas verdadeiro-falso ou de completar texto. Destacaremos algunha delas, como A school outing around a river incluída no bloque occidental, unha actividade proposta en lingua inglesa para facer unha saída de campo e observar un río, razón pola que este material tamén se podería aproveitar para traballar nalgunha sección bilingüe ou centro plurilingüe que traballe coa lingua inglesa.

- Incluímos, por último, un apartado Pasapalabra que, nunha vertente máis lúdica, pretende o repaso do aprendido. Este tipo de actividade do Pasapalabra estaría especialmente indicado para traballar por grupos.

Alumnado da ESO traballando cos materiais do Entroido en Galicia contidos en Trouleando: bloque oriental

Alumnado de segundo da ESO traballando os materiais sobre o río Miño contidos en Trouleando: bloque occidental, a través do ordenador de aula Abalar

Alumnado de bacharelato traballando por grupos na resolución do pasapalabra O románico e a Ribeira Sacra]

 

 

 

 
00:00