La pedagogía de la coooperación en Educación Física
María Teresa Díaz López
maitedíaz@edu.xunta.es
CFR de Vigo
Neste libro, Carlos Velázquez fai unha proposta orientada a implementar a pedagoxía da cooperación nas clases de Educación Física. Unha proposta que considera xustificada desde modelos teóricos e avalada polos resultados da investigación, pero, ao mesmo tempo, realista e viable na práctica. Parte dunha análise do contexto educativo actual, onde a diversidade nos leva a apostar por un modelo de educación inclusiva na que todo o alumnado aprenda xunto, tamén na Educación Física.
Fai un percorrido histórico moi interesante pola pedagoxía da cooperación en EF, desde as primeiras investigacións sobre a aprendizaxe cooperativa nos centros en xeral ata a súa introdución nesta área en particular; desde os xogos cooperativos ata a aprendizaxe cooperativa.
En canto aos xogos cooperativos, analiza as características que os definen como tales e que os diferencian dos competitivos, presentando a continuación unha selección de xogos para a práctica. Para cada xogo, presenta unha ficha coas idades para as que se recomenda, espazos, materiais, número de xogadores, descrición e variantes.
Para avanzar dos xogos cooperativos á aprendizaxe cooperativa, analiza as distintas definicións dadas por Johnson, Holubec, Melero, Kagan ou Pujolás. Diferencia claramente entre traballo en grupo e traballo cooperativo e achéganos de novo á investigación existente sobre as posibilidades e efectos nesta área, que polas súas peculiaridades son máis recentes ca noutras áreas curriculares.
A aplicación dos principios teóricos na práctica tradúcese nun conxunto de técnicas orientadas a traballar diferentes contidos con obxectivos motores, afectivos e emocionais. No libro describe doce técnicas adaptadas ou ben deseñadas especificamente para a área.
Pero máis alá que propoñer xogos e técnicas, no capítulo 5 aborda como promover actitudes de cooperación e axuda incluso desde propostas non cooperativas, co obxectivo de que o alumando comprenda «a lóxica da cooperación». Unha serie de intervencións para promover sentimentos de grupo, para a prevención e solución de problemas que poidan xurdir ao introducir a cooperación en grupos habituados a competir e, se cabe, o máis importante: como axudarlles a avanzar ata alcanzar procesos de aprendizaxe cooperativa autónoma que poidan extrapolarse e a situacións fóra do contorno escolar.
Sen dúbida, unha proposta práctica moi ben fundamentada. Un enfoque da Educación Física necesario no marco dunha educación competencial e inclusiva.