O curioso incidente do can á media noite
Beatriz López Dorado
belodor@edu.xunta.es
Asesora CFR Lugo
Narrada en primeira persoa polo seu protagonista, esta novela converteuse en 2003 nun fenómeno mundial que logrou vender máis de dous millóns de exemplares nun só ano. Eloxiada pola crítica, premiada en varias ocasións, conseguiu traspasar a fronteira do papel ata se transformar nun espectáculo de éxito en diferentes teatros do mundo.
Estamos ante Christopher Boone, un adolescente de quince anos que coñece as capitais de todos os países, capaz de explicar a teoría da relatividade e recitar os números primos ata o 7507, mais con problemas para relacionarse cos demais. En ningún momento, malia que o poidamos intuír, o relato dá conta de que o protagonista padeza a síndrome de Asperger. É preciso?
Así pois, a súa particular aventura nace cando unha noite atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por unha forca de xardín e decide comezar unha investigación para descubrir o verdadeiro culpable do crime. A partir de aí, unha serie de acontecementos interferirá na orde establecida da súa vida.
Cómpre destacarmos o irrefutable labor de Mark Haddon, o autor, á hora de construír este personaxe. Calquera que se achegue a estas páxinas reparará na súa habelencia para conseguir mergullarnos no universo do protagonista. Agora ben, non é de estrañar, pois o escritor británico coñece de primeira man a realidade de persoas coma Christopher despois de traballar con algunhas delas durante varios anos.
A miúdo cremos que coñecemos e entendemos as regras do xogo no que nos movemos, porén todo muda cando nos amosan, desde fóra, outra versión. Que é ser normal? Que é ser diferente?
En definitiva, unha lectura que convida a fuxir das certezas absolutas e a formulármonos novos e necesarios interrogantes.