Mellorando a nosa comunicación

Trátase dun recurso dixital para o reforzo da competencia lingüística. Aproveitando o fío condutor da obra O agasallo de Anya de Sabela Núñez Singala, preséntanse cinco secuencias didácticas nas que se traballan de xeito lúdico aspectos como a atención, a percepción auditiva e visual, a memoria e as capacidades metacognitivas para poder chegar ao desenvolvemento da competencia lectora e a composición dos textos escritos.

María Pilar García López
Orientadora educativa. IES Pedregal de Irimia. Meira (Lugo)
pgl@edu.xunta.es
María Guerreiro Muñoz
Orientadora educativa. EOE de Lugo
mariaguerreiromunoz@edu.xunta.es
 

Introdución

Mellorando a nosa comunicación é un recurso deseñado para favorecer a competencia lingüística do alumnado de primeiro e segundo da ESO, en particular daquel que poida presentar certas dificultades de aprendizaxe. Foi inicialmente pensado para mellorar a competencia lingüística dos rapaces e rapazas de secundaria que, sen presentar unha dificultade específica ou especial para a aprendizaxe, amosan un baixo nivel de lectura e escritura; tamén pode ser empregado nos últimos cursos de educación primaria de xeito xeral para todo o alumnado.

Partimos da idea de que, nos procesos de comprensión lectora, o tipo de texto proposto é de grande importancia. Por este motivo, desenvolvemos o noso traballo arredor de cinco secuencias didácticas sobre unha única obra literaria que precisamente nos achegan á descrición, á poesía, ao diálogo, á entrevista e ao diario/blog. Simplemente nos serven de base para elaborar propostas de mellora para a comprensión de textos e animación á lectura. Xa que a lectura e a escritura son dous aspectos dun mesmo proceso, entendemos que é moi importante que exista simultaneidade na súa abordaxe.

A comprensión lectora é fundamental para desenvolver o pensamento, enriquecer o vocabulario e aprender, mesmo sen darnos de conta, o funcionamento da lingua. A obra sobre a que se articula unha parte do traballo proposto é O agasallo de Anya de Sabela Núñez Singala, con ilustracións de Xosé Tomás. Así, cada secuencia ábrese cun texto desta e a correspondente comprensión, texto que, pola súa vez, se escolle en función da tipoloxía textual para traballar en cada secuencia. A partir de aquí, sucédense as actividades de preparación e mellora ata chegar á tarefa final e á avaliación da secuencia.

Obxectivos

Na guía didáctica do material recóllense os obxectivos para o alumnado que se pretenden obter con cada secuencia didáctica: A continuación recollemos os obxectivos xerais deste traballo:

  • Crear material multimedia de reforzo da competencia lingüística en galego.
  • Mellorar a competencia lingüística e comunicativa de xeito integral e como base para regular as emocións, motivando o alumnado a comprometerse, comprender os demais e axudarlles.
  • Espertar expectativas favorables cara á aprendizaxe, especialmente do alumnado con maiores dificultades e contextos sociofamiliares con escasos estímulos ao respecto, apoiándonos no material dixital e traballando aspectos vinculados á contorna.

Recursos empregados

As actividades foron creadas desde a plataforma de Exelearning e as que se deseñaron a maiores con LIM, que ten extensión html. Trátase de exercicios independentes que forman parte da estrutura de cada secuencia didáctica. Igualmente ocorre coas actividades que foron deseñadas con Hot Potatoes.

Todos os textos traballados nas secuencias didácticas e unha parte importante das imaxes pertencen ao libro O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala, con ilustracións de Xosé Tomás (Ed. Galaxia, 2013). As demais imaxes que foron empregadas teñen licenza libre Creative Commons.

Descrición da actividade

A proposta de traballo consta de cinco secuencias didácticas cunha estrutura común, exceptuando a derradeira, que serve de resumo do traballado nas anteriores catro. Expoñemos a continuación a estrutura que presentan as catro primeiras secuencias dedicadas á descrición, poesía, diálogo e entrevista.

 

O traballo proposto nas secuencias didácticas permite afondar, como era a nosa intención, na educación en valores e na consciencia intercultural porque saber escoitar, saber pensar nos demais, aceptar o punto de vista do outro, desenvolver o sentido crítico forma parte dunha educación socioemocional relacionada co aprender a ser e aprender a convivir.

Na guía didáctica do material elaborado recollemos os contidos que abarcan os catro bloques temáticos do currículo: escoitar e falar, ler e escribir, funcionamento da lingua e educación literaria. A continuación presentamos algunhas das actividades tipo que se poden atopar en cada apartado:

VERDADEIRO OU FALSO

Elixir se as palabras que se presentan estaban incluídas ou non nunha lista que viron anteriormente. Trátase dun adestramento da memoria e da atención.

COMPLETAR TEXTOS

Trátase de cubrir os ocos en branco, ben escribindo, ben arrastrando as palabras propostas ou ben elixindo entre varias opcións nunha pestana despregable.

PALABRAS CRUZADAS

O alumno deberá completar o encrucillado a partir das definicións propostas arriba. Trátase de aumentar o vocabulario do noso alumnado.

XOGOS DE EMPARELLAR

O alumnado terá que unir os elementos dunha columna cos da outra segundo as instrucións do enunciado. No proxecto aparece este tipo de actividade con diferentes formatos.

BUSCAR AS DIFERENZAS

Trátase de buscar as diferenzas que existen no segundo debuxo, anotalas nun papel e comprobar o resultado no botón de “Mostrar retroacción”.

VELOCIDADE LECTORA

Consiste en cronometrar o tempo de lectura silenciosa premendo o botón “Start” ao comezo e ao final.

XOGO DE MEMORIA

Neste xogo teñen que emparellar imaxes ou palabras nun tempo limitado. No exercicio pódese pedir o emparellamento de imaxes ou palabras idénticas ou de palabras que rimen.

CREBACABEZAS

Trátase de reconstruír unha imaxe do libro a partir dun modelo dado. O alumnado debe arrastrar a peza co rato ata o lugar que corresponda.

SOPA DE LETRAS

Trátase de buscar as palabras agochadas no recadro das letras apoiándose nas pistas contidas no recadro azul.

INTEGRACIÓN VISUAL

Nun texto onde só se pode ler a parte de arriba das palabras,  trátase de escribir o texto completo nos diferentes recadros respectando os signos de puntuación

ADIVIÑAR PALABRAS

Trátase de adiviñar as palabras ás que se refire a definición. Todas estarán relacionadas coa tarefa final. O alumnado contará con seis intentos para resolvelo.

DISCRIMINACIÓN AUDITIVA

Nesta actividade o alumnado ten que arrastrar a sílaba que corresponda para debaixo do son escoitado.

ESCRIBO O QUE ESCOITO

Ao premer na franxa verde escoitaremos unha frase que debemos escribir na liña de abaixo.

Metodoloxía

O material deseñado está pensado, como quedou reflectido con anterioridade, para reforzo da competencia lingüística, empezando pola animación á lectura. As secuencias poden ser traballadas tanto no primeiro como no segundo curso da educación secundaria obrigatoria e mesmo finalizando a etapa de primaria, coa necesaria contextualización ao alumnado do grupo e tendo tamén en conta as medidas de atención á diversidade postas en marcha. Así pódense poñer en práctica nas materias de lingua, en particular Lingua Galega, e tamén por parte do profesorado de Pedagoxía Terapéutica, sempre que se conte cos recursos e a dotación necesaria, como pode suceder nunha aula Abalar, con encerado dixital, ou ben contando con dispoñibilidade da aula de informática do centro.

Preténdese, desde un enfoque comunicativo, que o alumnado teña un papel máis activo e participativo, e empregar a linguaxe como ferramenta de comprensión da realidade, algo que ten que ver coa expresión de sentimentos, emocións, vivencias e opinións, e a capacidade de intervir en situacións comunicativas.

Escóllense as secuencias pensando nunha orde lóxica coa finalidade de traballalas desde o inicio ata chegar á secuencia final, que recolle gran parte do que se traballou con anterioridade, pero tamén se poderían traballar de xeito independente, en función da necesaria adaptación ao alumnado destinatario. Será, polo tanto, o profesorado que as aplique o que decida en que momento pode resultar máis operativo o seu desenvolvemento, segundo a súa programación. Este profesorado tomará as oportunas decisións sobre como presentarlle as actividades propostas e os recursos ao alumnado. Dentro de ser actividades dixitais, as ferramentas que cómpre utilizar son bastante sinxelas e non deberían ofrecer dificultades nin para o profesorado nin para o alumnado.

Avaliación

A avaliación parte de que o alumnado coñece desde o inicio as tarefas finais que se lle van pedir en cada secuencia didáctica e todas as actividades previas. Polo tanto, coñece o plan de traballo que debe seguir e os pasos sucesivos. Tamén se propón un proceso de autoavaliación que lle permitirá valorar de forma crítica a súa participación nas distintas actividades.

É importante, así mesmo, a apreciación de aspectos grupais e persoais tanto de comportamento como de aprendizaxe do alumnado, de xeito especial de participación na clase e de educación en valores, así como o feito de desenvolver estratexias de apoio emocional, motivación e autoestima que precisa parte do noso alumnado nas tarefas diarias de ensino-aprendizaxe.

Conclusión

Este material foi elaborado durante unha licenza de formación nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2015, porque viñamos observando, sobre todo ao traballar no rural galego, que os recursos e materiais de reforzo na nosa lingua son moi escasos. Pretendemos así achegar, a través dunha obra concreta como fío condutor (podendo en cada caso seleccionar a que se considere oportuna), unha proposta de traballo organizada coherentemente en secuencias didácticas que permiten traballar as diferentes destrezas relacionadas coa competencia lingüística. Sen dúbida, ao tratarse de material dixital chegamos, dun xeito moito máis motivador e visual a atender a diversidade, algo que nos está resultando sumamente gratificante.

 

Bibliografía: 

 

BADIA ARMENGOL, D. e VILÀ SANTASUSANA, M. (2009): Juegos de expresión oral y escrita. Barcelona: Graó.

BARTOLOMÉ, A. (2002): Multimedia para educar. Barcelona: Edebé.

CALERO GUISADO, A. (2011): Cómo mejorar la comprensión lectora. Madrid: Wolters Kluwer.

JIMÉNEZ ORTEGA, J. e ALONSO ORTIZ, M. L. (2014): Método para desarrollar la velocidad y comprensión lectora. Madrid: Machado Educación para la Diversidad.

JOVER, G. e GARCÍA, J. M. (2009): Hablar, escuchar, conversar. Barcelona: Editorial Octaedro.