Tempo de reflexión

Emilio Roca. Coordinador de biblioteca do IES Pedra da Aguia
A Ponte do Porto (Camariñas)
ies.pedra.aguia@edu.xunta.es

Nos tempos que corren parece que o ensino non está no seu mellor momento. E certamente así é en moitos aspectos. Certo que hai un parón ou incluso un retroceso nos últimos anos, pero penso, a pesar de todo, que algo se está preparando, que hai indicios claros de cambio, que é o paso atrás para coller forza. E as bibliotecas escolares están marcando camiño.

Chegado un certo punto no percorrido profesional, como é o caso de achegarme á xubilación, non é mal momento para botar a vista atrás e ollar con certa perspectiva o que foron estes anos de profesión. E quero tamén botar unha ollada especial aos anos nos que veño coordinando a biblioteca escolar e mostrar, xa que logo, o meu agradecemento a todas as persoas coas que tiven a sorte de compartir estes anos e das que tanto e tanto levo aprendido e gozado. Precisamente por todos eses anos que levo acumulados, permítanme os máis novos una certa dose de compracencia sen caer, espero, nos “contos do avó”: estou convencido de ter a sorte de pertencer a una xeración de ensinantes un tanto peculiar.

Antes de nós, os da miña xeración, estiveron os poucos adiantados que romperon coas formas arcaicas que viñan prevalecendo durante corenta escuros anos. Foron estes mestres auténticos e valorosos adiantados. Deseguido, viñemos os da miña quinta que, dalgún xeito, “normalizamos” aqueles cambios ao longo de todo o territorio, coas batallas (derrotas e vitorias, tempos de asembleas, discusións nos claustros ata ben entrada a noitiña, folgas pola calidade do ensino…) e desgustos coa Administración e, moitas veces, cos compañeiros e mesmo cos pais e nais do noso alumnado que non sempre entendían de primeiras os cambios que propoñiamos. Pode parecerlle a alguén que falo dun país distinto, e en certa forma así é, pero non hai tanto que as cousas eran ben diferentes.

Tocounos asistir, e ás veces protagonizar, ao cambio nas escolas e nos institutos. Baixamos os mestres do pedestal (non por soldo, certamente, pero si por distanciamento), inalcanzable para o alumnado, da escola franquista que aínda perduraba e achegámonos a eles democratizando o ensino. Estendemos unha escola activa e participativa, modificamos radicalmente os métodos… as aulas de cada pequena vila pasaron de ser, salvo excepcións contadas, grises e monótonas a encherse de colorido, decoradas cos traballos dos propios rapaces. Hoxe parécenos o máis elemental, pero non o era tanto cando eu empecei a traballar, como non o era que a rapazada puidese expresarse e contar o que pensaba e sentía e moitísimo menos poder facelo na lingua coa que medrara. Lembro perfectamente as primeiras clases nas que se formaba o corro para que os máis pequenos contaran as súas vivencias, como recordo o silencio pesado na miña primeira clase en sexto de EXB cando os rapaces non se atrevían a contestar as preguntas que lles facía para romper o xeo. Anos máis tarde confesáronme que estaban desconcertados porque tiña eu o pelo longo, estaba sentado nunha esquina da mesa e non na cadeira de profe e, ademais, falaba (chapurreaba) en galego.

Pero estes cambios, que se producían a gran velocidade por todo o país, non eran produto unicamente da forza dos mestres e profesores, que tamén e principalmente, senón que viñan amparados pola evolución nas leis que, sendo incompletas e nunca suficientemente financiadas, cando menos non impedían o desenvolvemento de novos métodos que nos atrevemos a poñer en práctica.

Claro que para todo iso había que formarse e aquí atopamos cos dous grandes e eternos problemas: dunha banda o problema do financiamento e da outra o problema de atopar quen nos formase. Naquela época todos mirabamos a Cataluña, que era Europa, diciamos (España aínda non firmara o Tratado). Rematar o curso e saír disparados para Barcelona era todo un, aos cursos de verán de Rosa Sensat e da Autónoma ou a sesións de psicomotricidade, de danza… e, por suposto, sempre todo pagado do noso peto. Realmente era difícil atopar por aquí unha boa formación e, cando a Administración organizaba algún curso, naqueles primeiros anos, normalmente a súa calidade deixaba bastante que desexar. As universidades populares de verán procuraban no posible cubrir esas carencias.

Os cambios tecnolóxicos aplicados ao ensino tamén pillaron de pleno á miña xeración. En poucos anos pasamos de usar a xelatina (técnicas Freinet, para os máis novos, que seguen vixentes, espero) e a multicopista con clixés á man á impresora multifunción, dos diaporamas con acetatos pintados á man ao escáner e ás presentacións en PowerPoint ou similares e rapidamente ao potencial da chamada web 2.0 (ou 3.0), ás redes sociais…

E xa anos máis adiante, feito este proceso, cando xa as cousas parecían non só máis calmadas, senón que por primeira vez na miña vida profesional parecía que camiñabamos cara atrás, e lamentablemente con anos de atraso pola miña banda, cheguei a descubrir por fin que había un grupo amplo de xente con forza, con empuxe e que mantiña as enerxías, o ímpeto e as ilusións por una escola pública e de calidade… e que estaba “incrustada, atrincheirada” nas bibliotecas escolares. Non só iso, senón que en breve apareceu un Plan de mellora que realmente facía honra do seu nome, con vocación de renovación e de constancia no esforzo.

Aquí atopei vellos coñecidos e, afortunadamente, outra xente nova con forza, con gañas e con ilusión. Atopei unha formación cunha altísima calidade, con xente chegada dos máis diversos lugares e ámbitos. Xente que me quitou as arañeiras que empezaban a formarse dándome unha sacudida a base de novas ideas, de novas enerxías e de novos métodos... ou pode que fose coas mesmas ideas básicas que sempre foron válidas, pero que agora se presentaban ben articuladas, con propostas concretas para levalas a cabo e abrindo novas vías.

As bibliotecas escolares confirmáronse, a partir deste momento, como a cabeza da evolución educativa en Galicia e en referencia que conviña seguir no resto do Estado. Hoxe en día, quen queira estar ao tanto dos métodos máis innovadores en educación debería pasarse pola biblioteca do seu centro e ter unha conversa co seu encargado ou encargada. As bibliotecas escolares lideran este cambio de paradigma mostrándose, por exemplo, como o lugar ideal no que traballar por proxectos e no que desenvolver realmente as competencias que precisarán os nosos alumnos e que non son as de hai vinte anos. Tampouco sabemos a ciencia certa cales serán as súas necesidades nos seguintes vinte, pero si sabemos que terán que ser capaces de adaptarse, de continuar aprendendo, e seren quen de escoller e asimilar criticamente a información e manexala axeitadamente. Deberán manexar as tecnoloxías da comunicación para non ser manexados por elas. Serán capaces de ler en moi diversos formatos, letra e imaxe, pero deberán partir da lectura comprensiva e crítica, despoxada a información das luces de cores e adornos rechamantes, tan frecuentes nestes tempos e tan atractivos como cegadores.

Coa vista posta nuns anos no futuro, estou certo de que as bibliotecas escolares liderarán o cambio máis profundo (que nalgún momento as forzas políticas entenderán neste país) que nos levará de ter una biblioteca funcional no centro a converter o centro nunha enorme biblioteca. E estes son os pasos que se están dando xa nestes anos, comezada a camiñada que nos levará a implantar estes cambios.

Hoxe os rapaces no meu centro, e sei que é así en moitos máis, senten a biblioteca como algo propio, saben que contan con ela cando a precisan e que poden atopar o necesario para sacar adiante o traballo, especialmente se non o poden atopar na casa. Non saben agora, pero saberán máis adiante, que están mellor preparados ca se non houbese biblioteca. Ás veces non fan falla moitas explicacións do que a biblioteca é ou de como é porque algúns comentarios de xente allea ao centro o explican todo: “Cantos rapaces. Isto parece un club social!”, “… e facía un día de sol, pero a biblio estaba a rebentar”, “Sempre está así nos recreos? Esta dinámica non é fácil de lograr…” Comentarios feitos por repartidores de paquetería, profesores ou científicos de visita no centro e que foron os mellores indicadores de que algo estaba a funcionar ben.

En poucos anos, as bibliotecas escolares deixaron de ser un punto máis ben escuro nos centros, cando as había, a ser o seu corazón e, tamén, o punto de encontro coas familias e a sociedade. De lugares de simple almacenamento de volumes, ás veces incluso pechados con chave, a ser xeradoras de actividade ao tempo que mostraban, na práctica, o que é un traballo colaborativo, cunha inmensa dose de xenerosidade no regalo de esforzos e traballos. Pasaron de ser incluso lugares de “castigo” a ser espazos vivos para traballar e para compartir, servindo, ao tempo, de centro de recursos para toda a comunidade educativa. E “toda” quere dicir toda.

E é que as bibliotecas escolares non só cumpren esta función educativa básica co alumnado. Están conseguindo retomar algo que iamos perdendo, pouco a pouco, ao longo dos anos: abrir os centros de novo á sociedade. Moitas das actividades que se están a realizar teñen como finalidade achegarse ás familias: a presenza nos blogs e nas redes sociais, a presentación da biblioteca para todas as familias acabadas de chegar, as mochilas que son microbibliotecas andantes, cine, charlas… e os clubs de lectura.

Os clubs de lectura representan un antes e un despois, cando menos na miña experiencia persoal. Naceron como un xeito de achegar os rapaces á literatura, pero desde o seu mesmo berce serviron tamén para achegarse nun primeiro momento ás familias e logo a calquera habitante do lugar no que se asenta o centro de ensino. Ao noso club chamámoslle Arao, algúns xa o saben, con humor negro, porque naceu pouco despois do Prestige e os araos desapareceran coa marea negra: os lectores tamén parecían especie que se ía extinguir. Pero a pouco de empezar a súa andaina tivemos que ir separando os rapaces por grupos, como pasou noutros moitos lugares, para intentar atendelos a todos. Dun único grupo inicial pasamos a tres. Máis de sesenta alumnos nun centro que non chega aos cento setenta e cun grupo de adultos que contaba o curso pasado con vinte membros e con nove novas solicitudes no comezo deste...

En definitiva, nestes últimos anos as bibliotecas escolares en xeral e os clubs de lectura en particular pasaron a ser auténticos vertebradores sociais. A información facilitada sobre os textos utilizados abre portas a novos coñecementos e facilita visións diferentes e complementarias ao propio texto. Os encontros con autores e autoras fan da literatura algo próximo ao tempo que facilitan a lectura en galego (xa non recordo a última vez que alguén comentou algo sobre a facilidade de lectura en castelán) e mostran a calidade do aquí producido, que ata agora tivo moito máis recoñecemento fóra das nosas fronteiras ca dentro do propio país. As rutas literarias permiten coñecer e valorar lugares que doutro xeito permanecerían, seguramente, descoñecidos para moitos dos membros dos clubs, por non falar das actividades diversas que se celebran en tantos lugares diferentes (lecturas na rúa, encontros entre clubs, presentacións de libros…). Pero eu penso que, sobre todo, fan que se fale dos centros de ensino doutro xeito, que o boca a orella funcione achegando o noso labor á xente, teñan ou non fillos e fillas en idade escolar. E isto funciona na miña vila e noutras vilas e cidades por toda a nosa xeografía. Pode non ser vistoso, pode non ser portada nos medios de comunicación (que debería, se fosen serios no seu labor), pero é algo que está aí e que terá repercusión ao longo dos anos que, á fin e ao cabo, é como sempre agromou o noso labor de ensinantes.

E é que, no fondo, diso se trata. De que descubramos unha vez máis que a educación non é exclusiva dos profesionais que a ela se dedican, que todos estamos implicados. Os cambios que se aveciñan, que terán que chegar queiramos ou non, non se poden afrontar desde unha única parcela. Alumnos, mestres e familias estamos condenados a entendernos para afrontar o futuro con garantías. E penso eu que neste proceso as bibliotecas escolares están xa a dicir, e máis dirán no futuro, cales son os camiños que teremos que percorrer e farán todo o posible por facilitar os medios necesarios para facelo.

Aos que seguen en activo e ás novas xeracións quédalles camiño que percorrer, batallas que pelexar e ilusións que cumprir. A miña foi una xeración con retos e cambios importantes, pero as seguintes teñen por diante cambios aínda maiores e poden, e deben, corrixir os nosos erros e mellorar o que de ben fixésemos. Hai una base na que pousar o pé para dar un salto adiante.

O camiño está iniciado, os encargados e encargadas de bibliotecas, xunto con outros profesionais, están traballando arreo, a xente está respondendo… só queda esperar que os políticos estean á altura dos seus administrados e faciliten este cambio imparable. Xa saben as súas señorías: leis con visión de futuro e financiamento.

Con gratitude enorme a todas as persoas que fixeron isto posible
e que seguen pelexando pola calidade do ensino, pola calidade do futuro.