Xestión do impacto psicolóxico en situacións críticas nos centros educativos galegos

Como profesionais da educación cómpre coñecer unha serie de pautas que permitan a xestión do impacto psicolóxico en determinadas situacións críticas que se poden producir de forma inesperada e para o que se debería ter unha formación específica que axude a minimizar as consecuencias psicolóxicas do suceso nos membros da comunidade educativa

María Leonor Galiana Caballero, psicóloga colexiada G-2820 e educadora en centros de menores. lenigal6@yahoo.es
Concepción López Martín, psicóloga colexiada G-2981 e mestra no CEIP de Fontes-Baíña en Baiona. contxita.lopez@edu.xunta.es
Olegaria Mosqueda Bueno, mestra, educadora, psicóloga colexiada G-1024 e orientadora no IES Sta. Irene de Vigo. omosqueda@edu.xunta.es
María Carmen Patiño García, psicóloga colexiada G-1623 e docente/formadora e técnica de emprego e orientadora profesional. carmenmpatinog@hotmail.com
Avelina Senra Comesaña, psicóloga clínica colexiada G-1574 na UAD de Pontevedra. avelina.senra.comesana@sergas.es
Julita María Touriño Araujo, mestra e psicóloga colexiada G-1981, práctica privada en gabinete de psicoloxía en Pontevedra. jm-tourino@cop.es

Membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

 

 

Introdución

É importante ter en conta que un incidente crítico que se produce dentro ou fóra dun centro educativo vai xerar unha alta resposta de estrés na comunidade educativa que sempre lles vai afectar aos menores, e pode deixar, se non é ben xestionado, consecuencias de tipo emocional que deberán tratar no futuro profesionais da psicoloxía. Neste artigo pretendemos abordar como se debe xestionar desde o centro educativo unha situación de crise.

As situacións críticas no contexto educativo

Entendemos que unha situación crítica é un evento inesperado que esixe por parte dos responsables da comunidade educativa unha resposta rápida e axeitada ante un suceso potencialmente traumático. Cada persoa e cada comunidade poden reaccionar dun modo particular fronte á exposición a factores de estrés extremo, xa que se pode vivir como unha ameaza para a integridade psicofísica dos afectados e xerar a sensación de perda de control.

En ocasións, prodúcense situacións críticas para as que se demanda atención psicolóxica. Incluso pode ocorrer fóra do centro educativo pero, pola súa repercusión ou por afectar algún membro da comunidade educativa, demándase a intervención de profesionais especializados. Un exemplo de situacións deste tipo pode ser un accidente con múltiples vítimas nunha viaxe organizada polo centro educativo.

Desde o GIPCE considerouse necesario formar un grupo de traballo para establecer unhas pautas de actuación nestas situacións de crise que, a pesar de ser moi variadas, teñen en común que suceden dentro do contexto educativo e con menores. No artigo “A comunicación de malas noticias e o proceso de dó. Pautas de intervención para os centros educativos de Galicia” do número 71 (xaneiro-xuño 2016) de Eduga faise referencia a como intervir desde o centro nestas situacións.

Intervencións do GIPCE máis relevantes no contexto educativo

A continuación detállase unha serie de situacións que foron atendidas polo GIPCE nestes últimos doce anos e que poden servir de exemplo:

  • Morte súbita de alumnado en horario lectivo.
  • Falecemento en actividades de lecer como afogamentos, accidentes etc.
  • Suicidios de menores.
  • Morte de menores por actos violentos.
  • Accidentes que afectan acomunidade educativa ben por estar involucrada neles ou por ser testemuña.
  • Secuestro dun menor.

Neste tipo de situacións o GIPCE realiza tarefas como as seguintes:

  • Prestar asesoramento presencial ou telefónico ao equipo directivo, orientador/a, profesorado e demais membros da comunidade educativa.
  • Darlles apoio psicolóxico ás persoas afectadas.
  • Normalizar as emocións do alumnado, do profesorado e das familias.
  • Dar pautas para a comunicación de malas novas (véxase Eduga núm. 71).
  • Ofrecer pautas para a xestión do estrés.
  • Axudar a xestionar os problemas que vaian xurdindo: mesa do alumno, tipo de acto que se debe organizar etc.

A partir das experiencias anteriores considerouse a necesidade de elaborar un protocolo de actuación para intervir nestes casos, partindo sempre das mesmas premisas e atendendo ás diversas circunstancias, idades e características evolutivas.

Niveis de abordaxe da xestión do dó no centro educativo

A xestión do dó nun centro educativo pode ser abordada desde tres niveis segundo o grao de afectación:

  • PRIMEIRO NIVEL:

Atención individualizada daquelas persoas que presenciaron ou se viron máis involucradas nun suceso por parte dun profesional da psicoloxía especialista en dar apoio psicolóxico.

Desde o primeiro momento débese facilitar o desafogo e a expresión de emocións, así como respectar a quen non o queira facer. Hai que ter en conta que son reaccións normais ante situacións que non o son. É conveniente recomendar pautas de autocoidado para as persoas afectadas, como manter as rutinas con respecto á hixiene, descanso e alimentación e evitar a automedicación.  (Véxase Guía de autoaxuda)

  • SEGUNDO NIVEL:

Intervención no grupo-aula. A persoa máis indicada para intervir co grupo de alumnos será a máis próxima e menos afectada emocionalmente, dedicándolle unha atención especial á clase do alumnado afectado. Aos compañeiros de clase dos menores afectados débeselles permitir a expresión de sentimentos e emocións, e axudarlles a aceptalos e normalizalos. Dependendo da súa competencia emocional, pódeselle dar voz ao alumnado sobre temas relacionados coa organización dos ritos de despedida na aula e no centro. O profesorado pode propoñerlles a realización de tarefas adaptadas á súa idade e circunstancias (por exemplo, un debuxo ou unha carta) que faciliten a despedida e o inicio do proceso de elaboración do dó.

 

 

É necesario ter en conta que facer cos obxectos persoais do alumno ou alumnos falecidos, tales como a mesa, material escolar e traballos. Débese integrar a súa ausencia no plano emocional e para iso unha opción sería reservar un espazo físico dentro da aula durante un tempo definido (non máis dunha semana) ou modificar a distribución da clase como símbolo de lembranza e despedida. Toda acción que se realice na aula debe ter como obxectivo axudar a aceptar a perda.

En xeral, sería conveniente introducir o tema da morte na educación como algo natural e inevitable: o ciclo da vida onde non hai vida sen morte”, así como explicar os conceptos de perda e morte que se involucran no proceso de dó. Situacións dolorosas como a separación dos pais ou a morte dunha mascota prepáranos para aprender a afrontar as perdas, e facilitan desenvolvemento da capacidade de resiliencia do menor.

  • TERCEIRO NIVEL:

O centro educativo. O equipo directivo do centro planificará as actuacións dos días posteriores ao incidente crítico, para o que terá en conta as propostas recibidas por parte do profesorado, alumnado, familias e persoal de servizo, reconducíndoas e adoptando as decisións necesarias e máis convenientes. Procurarase acompañar as familias do alumnado afectado en todo momento (tanatorio, cemiterio), prestándolles a máxima colaboración e asistindo aos actos que organicen.

O equipo directivo debe acordar unha data de peche dos diferentes actos de homenaxe no centro. Recoméndase que o período de tempo dedicado aos actos organizados polo centro non sexa inferior a tres días nin supere unha semana. Non se deben prolongar no caso de que existan circunstancias excepcionais que alonguen no tempo a entrega dos corpos. Por exemplo, cando se presentan dificultades na recuperación dos corpos ou na súa identificación, que atrasan durante semanas ou mesmo meses a súa entrega ás súas familias. Neste caso, realizarase outro acto cando chegue ese momento. Organizarase un acto de despedida ao que se convidará a asistir a toda a comunidade educativa. Durante este, poderanse recitar poesías, ler cartas de despedida, expoñer debuxos, soltar globos, acender candeas e/ou depositar flores e será neste momento cando se poida facer entrega á familia (se decide estar presente) de todo o elaborado durante eses días. A entrega destes traballos axudará tanto ao alumnado como á familia a aceptar a realidade da perda.

Medios de comunicación

Na actualidade, os medios de comunicación transmiten a información sobre calquera situación de relevancia de inmediato, sobre todo cando afecta os menores. Cando ocorre unha situación crítica dentro do contexto educativo, adoita ter unha gran repercusión mediática polo que é importante ter en conta unha serie de recomendacións:

  • A información aos medios debe ofrecela o profesorado do centro e debe ser sempre a mesma persoa (director/a ou persoa en quen delegue). Os medios tamén adoitan contactar cos representantes das asociacións de nais e pais do alumnado, polo que se recomenda que tamén designen un único portavoz, que debe coordinarse co proposto polo equipo directivo do centro.
  • A información que se facilite sempre debe ser clara e precisa, atendendo exclusivamente aos feitos que xa están confirmados.
  • Desde o centro debe advertirse ás familias que eviten durante os primeiros días a exposición dos menores ás imaxes e vídeos —ás veces excesivamente impactantes— que estean relacionadas co incidente crítico, para evitar deste xeito danar a sensibilidade dos menores.
  • É moi importante protexer o dereito á privacidade da persoa e imaxe do menor, marcando unha distancia de seguridade entre o centro educativo e os medios.
  • No caso dos adolescentes, sería conveniente traballar previamente na aula cal debe de ser o seu comportamento ante os medios de comunicación. Por exemplo, no instituto Joan Fuster de Barcelona, os mozos fixeron un corredor coas cazadoras para impedir a gravación de imaxes dos estudantes e mostraron pancartas pedindo respecto e non seren gravados..
  • Debe terse en conta, especialmente no caso de alumnado maior de 12 anos, o uso que fan das redes sociais, publicando vídeos, imaxes ou comentarios, podendo crear ou dar veracidade a  rumores sobre o sucedido.

 

Internet e redes sociais

Neste século XXI xeráronse espazos de intercambio informativo a partir de Internet (Facebook, Twenty, Instagram) e da telefonía móbil (Whattsapp, Chat On). Convertéronse nun medio que os mozos dominan e manexan no seu día a día. Neste espazo teñen campo libre, non teñen límites de expresión e isto proporciónalles seguridade, autoestima e comodidade. Os espazos virtuais non son contornas controladas e neles a maioría dos mozos falan das súas opinións, sentimentos e emocións sen preocupárense das consecuencias en moitos casos. Centrándonos na xestión dunha situación crítica, as redes sociais poden ser unha arma de dobre fío xa que teñen os seus pros e os seus contras.

Como vantaxes pódense destacar:

  • O acceso á información que publican os medios sobre o suceso crítico seralles de utilidade para coñecer o ocorrido.
  • Aos adolescentes permítelles compartir a súa experiencia e desafogarse na rede, evitando expresar as súas emocións en público ou ante os seus amigos e a súa contorna.
  • Poden crear mensaxes de homenaxe, de recordo, de memoria da vítima, que lles poden servir de axuda no inicio do seu proceso de dó.

Como desvantaxes pódense destacar:

  • Ao non ser contornas controladas, o contido destes textos pode non ser certo e que o efecto que provoquen sexa complicar o proceso de dó: engadir máis dor, culpa ou rabia.
  • Se non se realiza un uso normalizado destes espazos virtuais, pode ocorrer que se prolongue o proceso de dó e mesmo se chegue a complicar nalgúns casos.
  • A rede non se debe converter nunha vía exclusiva de comunicación e información, senón nun complemento. O mundo virtual non pode chegar a substituír a realidade, como asistir ao funeral ou darlles consolo aos compañeiros e á familia.
  • Exhibir e compartir a dor na rede pode influír negativamente nos mozos sensibilizados coa situación, así como o estar expostos nas redes sociais a imaxes ou vídeos do incidente crítico pode chegar a traumatizalos.

As contornas virtuais non poden excluír as redes de apoio reais como a familia, os amigos e os compañeiros de clase. Non podemos esquecer a importancia destes medios, que deben respectar sempre o dereito á imaxe, á privacidade e á intimidade.

Conclusión

Os responsables dos centros teñen que estar mentalizados de que hoxe en día calquera dos membros da súa comunidade educativa está exposto a vivir con maior probabilidade unha situación crítica potencialmente traumática, polo que resulta de grande importancia estar preparados para poder actuar dun modo axeitado.

Para realizar unha xestión eficaz do dó nun centro educativo, esta debe realizarse tendo en conta tres niveis de abordaxe: as persoas afectadas, o grupo clase e a propia comunidade educativa.

Outro dos aspectos que cómpre ter en conta nestes casos son os medios de comunicación e as redes sociais, pois hai que ser coidadosos á hora de facilitarlles información ou dar crédito ao que aparece publicado na rede.

Consideramos que tanto os membros dos equipos directivos dos centros como os xefes dos departamentos de orientación e os inspectores de educación deben contar cunha formación específica tanto no ámbito teórico como práctico axeitada que lles axude a xestionar as situacións de crise que se puidesen dar.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

“A comunicación de malas noticias e o proceso de dó. Pautas de intervención para os centros educativos de Galicia”. Eduga núm. 71, xaneiro-xuño 2016.

HERRÁN GASCÓN, A. (2000): ¿Todos los caracoles se mueren siempre? Como tratar la muerte en educación infantil. Madrid: Ediciones de La Torre.

RAMOS ÁLVAREZ, R. (2010): Las estrellas fugaces no conceden deseos. Madrid: TEA Ediciones.

GIPCE (2011): Guía de autoaxuda para persoas afectadas por situacións críticas. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Edición dixital: https://copgalicia.gal/system/files/PDFs/xerais/guia_autoaxuda_para_persoas_afectadas_por_situacions_criticas_galego.pdf

GIPCE (2014): Protocolo de actuación en centros educativos. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Edición dixital: http://copgalicia.gal/system/files/PDFs/xerais/protocolo_actuacion_en_centros_educativos_galego.pdf

Sección: