Patrón/Patroa local de pesca

O/a patrón/patroa local de pesca, cando sexa o caso, é a persoa designada polo/a armador/a da embarcación de pesca que desempeña a súa representación, e exerce o goberno e a dirección do buque acreditando a súa titulación mediante o título profesional conforme as condicións e atribucións establecidas no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, pola que se regulan as titulacións profesionais do sector pesqueiro.

 

COMPETENCIAS

- Capitán ou patrón e/ou xefe de máquinas, en buques de pesca de ata 12 metros de eslora entre perpendiculares e 100 quilowatts de potencia, ata unha distancia non superior a 12 millas das liñas de base definidas de acordo coa Lei 10/1977, do 4 de xaneiro, sobre mar territorial, cuxa delimitación figura no RD 2510/1977, do 5 de agosto.

- Xefe de máquinas en buques de pesca de ata 180 quilowatts de potencia.

 

CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DA TITULACIÓN

Para a obtención da titulación de patrón/patroa local de pesca, o alumnado deberá:

- realizar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teórico-prácticos, e

- superar o exame teórico-práctico establecido para o efecto.

A duración do curso non será inferior a 250 horas lectivas, das cales 130 horas corresponderán á sección de ponte e común e 120 horas para a sección de máquinas.

 

CONDICIÓNS DE ACCESO AO CURSO

Para o acceso ao curso de patrón/patroa local de pesca, o alumnado deberá reunir os seguintes requisitos:

– Ter feitos os dezaoito anos de idade.

– Estar en posesión do título de mariñeiro/a pescador/a.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA

As persoas candidatas interesadas no curso de patrón/patroa local de pesca achegarán a seguinte documentación para realizar a matrícula:

- Modelo de solicitude PE607C. Descargue a solicitude AQUÍ.

- Copia do DNI/NIE polas dúas caras.

- Copia do título profesional de mariñeiro/a pescador/a ou, de ser o caso, copia da folla do caderno marítimo onde se acredite estar en posesión do dito título.

- Xustificante do aboamento das taxas que outorgan o dereito ao exame.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A solicitude tamén poderá presentarse en soporte papel:

- nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os/as aspirantes, ou

- por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

IMPORTANTE: Con anterioridade á formalización da matrícula, as persoas interesadas informaranse nas secretarías dos centros para coñecer as datas dispoñibles de realización do curso.

 

TAXAS

Pode obter o Modelo AI. Autoliquidación de Taxas premendo na imaxe.

INSTRUCCIÓNS

1. Prema en Cidadáns, Pago de taxas e prezos, Iniciar taxa, Acceso libre ó servizo (Candado aberto) e Iniciar taxa.

2. Na pantalla "Datos da taxa" deberá cubrir o seguinte:

 Consellería de: O Mar  Código: 12
 Delegación de: Vigo  Código: 41
 Servizo de: Desenvolvemento Pesqueiro   Código: 05
 Taxa: denominación
 Probas profesionais de pesca  Código: 301900
 Obxecto de pago  Patrón/patroa local de pesca 
 Datos de pago  19,37 €

3. Prema en Continuar.

4. Na pantalla "Datos identificativos" deberá indicar os seus datos persoais. Prema en Continuar.

5. Por último, na pantalla "Modo de pago" poderá escoller entre a opción de Pago telemático (Se desexa efectuar o pago telemático con tarxeta ou cargo en conta) e a opción de Descargar modelo presencial (Permite a descarga do modelo de autoliquidación cuberto cos datos recén capturados para imprimir e efectuar o pago presencial nunha entidade financeira colaboradora).

 

ASISTENCIA AO CURSO

A asistencia ao curso por parte do alumnado matriculado será obrigatoria.

Cando o incumprimento da asistencia supere o 10% das horas lectivas do curso será motivo de baixa no dito curso, así como a baixa no dereito a participar no exame correspondente.

 

EXAME

Para a obtención do certificado de aptitude será preciso superar o exame correspondente ante un tribunal.

Só se poderá presentar ao exame final o alumnado que asistiu con regularidade ás clases e non superou o 10% das faltas correspondentes á carga lectiva do curso.

O alumnado que suspenda o exame disporá dunha nova convocatoria de exame, logo da autorización do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

 

OBXECTIVOS

Obxectivos relativos á sección de ponte.

– Controlar a navegación e a derrota do buque en todas as condicións.

– Realizar as operacións de estabilidade, trimaxe e manobra do buque.

– Organizar e executar as actividades extractivas e de conservación do produto obtido.

 Obxectivos relativos á sección común a ponte e máquinas.

– Organizar e controlar a seguranza, a asistencia sanitaria a bordo e a preservación do medio mariño.

– Realizar unha correcta administración do buque, unha axeitada aplicación das normas laborais e unhas prácticas de traballo seguras a bordo.

 Obxectivos relativos á sección de máquinas.

– Realizar a condución e mantemento da planta propulsora do buque.

– Supervisar e controlar o funcionamento das instalacións eléctricas, asegurando a súa operatividade e seguranza.

 

PROGRAMA: MÓDULOS FORMATIVOS E TEMPORALIZACIÓN SOBRE OS COÑECEMENTOS TEÓRICO-PRÁCTICOS

  • Sección de ponte (90 horas/108 sesións).

Módulo profesional 1. Navegación e comunicacións (30 sesións).

– Unidade didáctica 1. Navegación costeira.

– Unidade didáctica 2. Comunicacións.

– Unidade didáctica 3. Coñecementos de oceanografía e meteoroloxía da zona.

Módulo profesional 2. Estabilidade, manobra do buque e regulamentos para previr abordaxes (30 sesións).

– Unidade didáctica 1. Construción naval e teoría do buque.

– Unidade didáctica 2. Estabilidade e estiba do buque.

– Unidade didáctica 3. Manobra nos buques de pesca.

– Unidade didáctica 4. Regulamentos, sinais e balizamentos.

Módulo profesional 3. Pesca responsable (30 sesións).

– Unidade didáctica 1. Bioloxía pesqueira.

– Unidade didáctica 2. Artes e aparellos de pesca.

– Unidade didáctica 3. Lexislación pesqueira básica autonómica, nacional e comunitaria.

– Unidade didáctica 4. Manipulación da pesca.

– Unidade didáctica 5. Conservación dos recursos pesqueiros.

Módulo profesional 4. Simulación e/ou prácticas a bordo dun buque de pesca (18 sesións).

– Unidade didáctica 1. Simulación en pesca e navegación.

– Unidade didáctica 2. Programa de prácticas a bordo dun buque de pesca.

 

  • Sección común a ponte e máquinas (40 horas/48 sesións).

Módulo profesional 1. Seguranza marítima e primeiros auxilios (24 sesións).

– Unidade didáctica 1. Seguridade marítima.

– Unidade didáctica 2. Hixiene e primeiros auxilios.

– Unidade didáctica 3. Preservación do medio mariño.

Módulo profesional 2. A administración do buque e lexislación laboral (24 sesións).

– Unidade didáctica 1. A administración do buque.

– Unidade didáctica 2. Prácticas de traballo seguras a bordo.

– Unidade didáctica 3. Lexislación laboral aplicable ao sector pesqueiro.

– Unidade didáctica 4. A fatiga a bordo.

 

  • Sección máquinas (120 horas/144 sesións).

Módulo profesional 1. Propulsión do buque (84 sesións).

– Unidade didáctica 1. Teoría fundamental dos motores térmicos de combustión interna.

– Unidade didáctica 2. Motores empregados nos buques, partes principais e funcionamento.

– Unidade didáctica 3. Sistemas de alimentación de aire e escape.

– Unidade didáctica 4. Combustión. Combustibles.

– Unidade didáctica 5. Sistema de alimentación e inxección do combustible.

– Unidade didáctica 6. Sistema de lubricación. Lubricantes.

– Unidade didáctica 7. Sistema de refrixeración.

– Unidade didáctica 8. Condución, mantemento e avarías dos motores.

Módulo profesional 2. Electricidade básica (36 sesións).

– Unidade didáctica 1. Principios, circuítos e magnitudes eléctricas.

– Unidade didáctica 2. Baterías.

– Unidade didáctica 3. Servizos eléctricos: conservación e mantemento.

Módulo profesional 3. Servizos do buque (24 sesións).

– Unidade didáctica 1. Hidráulica básica.

– Unidade didáctica 2. Sistemas hidráulicos do buque.

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  • Criterios de avaliación da sección de ponte.

Exame teórico-práctico.

Exame teórico: o tribunal deberá acollerse a unha das seguintes opcións:

Opción A. 20 preguntas curtas que se repartirán da seguinte maneira:

– 5 preguntas para regulamentos, sinais e balizamentos (3 de regulamentos e sinais e 2 de balizamentos).

– 3 preguntas para artes e aparellos.

– 2 preguntas para a unidade didáctica de bioloxía pesqueira.

– 2 preguntas para a unidade didáctica de estabilidade e estiba do buque.

– 1 pregunta para cada unha das restantes unidades didácticas.

Opción B. 40 preguntas tipo test de respostas múltiples que se repartirán da seguinte maneira:

– 8 preguntas da unidade didáctica de regulamentos, sinais e balizamentos (5 de regulamentos e sinais e 3 de balizamentos).

– 6 preguntas para a unidade didáctica de artes e aparellos.

– 4 preguntas para a unidade didáctica de navegación costeira.

– 4 preguntas para a unidade didáctica de bioloxía pesqueira.

– 4 preguntas para a unidade didáctica de estabilidade e estiba do buque.

– 2 preguntas para cada unha das restantes unidades didácticas.

Exame práctico: resolución dun problema de navegación sobre unha carta do estreito de Xibraltar. Realización de exercicios de armado e reparación de artes e aparellos de pesca.

Valoración: 4 puntos pola correcta resolución do exercicio de carta; 2 puntos pola práctica de artes e aparellos de pesca e 4 puntos polo exame teórico, dos cales 0,2 puntos corresponden a cada pregunta curta e 0,1 punto a cada pregunta tipo test.

Para superar o exame desta sección será necesario cumprir todos os criterios que se enumeran a seguir:

– Ter un mínimo de 2 puntos no exercicio de carta.

– Ter un mínimo de 1 punto na práctica de artes e aparellos.

– Responder correctamente 2 preguntas curtas de regulamentos e sinais e 1 pregunta curta de balizamentos, ou ter 3 preguntas tipo test de regulamentos e sinais e 2 preguntas tipo test de balizamentos.

– Ter como mínimo 2 puntos no exame teórico.

– Ter unha puntuación mínima global de 5 puntos.

Se a persoa candidata non supera algún dos criterios enumerados anteriormente, será considerado como «non apto».

 

  • Criterios de avaliación da sección común a ponte e máquinas.

Exame teórico-práctico.

Exame teórico: o tribunal deberá acollerse a unha das seguintes opcións:

Opción A. 10 preguntas curtas que se repartirán da seguinte maneira:

– 3 preguntas da unidade didáctica de seguranza marítima.

– 3 preguntas da unidade didáctica de hixiene e primeiros auxilios.

– 1 pregunta para cada unha das restantes unidades didácticas.

Opción B. 20 preguntas tipo test de respostas múltiples que se repartirán da seguinte maneira:

– 6 preguntas da unidade didáctica de seguranza marítima.

– 6 preguntas da unidade didáctica de hixiene e primeiros auxilios.

– 2 preguntas para cada unha das restantes unidades didácticas.

Exame práctico: realización dunha práctica de primeiros auxilios. Recoñecemento e uso dalgún dispositivo individual ou colectivo de seguridade.

Valoración: 4 puntos pola resolución práctica e 6 puntos polo exame teórico, dos cales 0,6 puntos corresponden a cada pregunta curta e 0,3 puntos a cada pregunta tipo test.

Para superar o exame desta sección será necesario cumprir todos os criterios que se enumeran a seguir:

– Ter como mínimo 1 punto na práctica de primeiros auxilios.

– Ter como mínimo 1 punto na práctica de seguranza marítima.

– Ter como mínimo 3 puntos no exame teórico.

– Ter unha puntuación mínima global de 5 puntos.

Se a persoa candidata non supera algún dos criterios enumerados anteriormente, será considerado como «non apto».

 

  • Criterios de avaliación da sección de máquinas.

Exame teórico-práctico.

Exame teórico: o tribunal deberá acollerse a unha das seguintes opcións:

Opción A. 20 preguntas curtas que se repartirán da seguinte maneira:

– 10 preguntas correspondentes ao módulo 1.

– 6 preguntas correspondentes ao módulo 2.

– 4 preguntas correspondentes ao módulo 3.

Opción B. 50 preguntas tipo test de respostas múltiples que se repartirán da seguinte maneira:

– 30 preguntas correspondentes ao módulo 1.

– 12 preguntas correspondentes ao módulo 2.

– 8 preguntas correspondentes ao módulo 3.

Exame práctico: resolución de diversos supostos prácticos de acordo co programa establecido.

Valoración. Para superar o exame desta sección o alumnado terá que responder correctamente 10 preguntas, das cales 5 terán que ser do módulo 1. No suposto de acollerse á opción B, para aprobar o exame o alumnado terá que responder correctamente un 70 % das preguntas tipo test.

A persoa aspirante é apta cando supere os dous exames teórico-prácticos.

 

NORMATIVA

* Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os título profesionais do sector pesqueiro.

* ORDE do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

* CORRECCIÓN de erros. Orde do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.