Mariñeiro/a pescador/a

Con carácter xeral a posesión do título de mariñeiro/a pescador/a é obrigatorio para poder exercer como mariñeiro/a, tanto na máquina como na cuberta, dun buque de pesca.

 

COMPETENCIAS

- Exercer como mariñeiro/a en buques de pesca.

- Manexar con fins comerciais embarcacións de menos de 10 metros de eslora, destinadas á pesca ou auxiliares de acuicultura, que operen exclusivamente dentro de augas interiores de portos e teñan unha potencia adecuada á embarcación, sempre que non transporten pasaxeiros/as. Para exercer o mando deberá ter realizado un período de embarque non inferior a 6 meses como mariñeiro/a en buques de pesca ou auxiliares de acuicultura desde a data de expedición do título profesional de mariñeiro/a pescador/a. Ademais, deberase dispor do certificado médico de aptitude.

- Pódese validar a tarxeta de Mariñeiro/a Pescador/a - sen restricción de mando - pola correspondente tarxeta de lecer de Patrón/a de navegación Básica (PNB).

 

CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DA TITULACIÓN

Para a obtención da titulación de mariñeiro/a pescador/a, o alumnado deberá:

- realizar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teórico-prácticos,

- superar a proba de natación, e

- aprobar o exame teórico-práctico establecido para o efecto.

A duración do curso non será inferior a 50 horas lectivas, das cales 35 serán de coñecementos teóricos e 15 de contidos prácticos.

 

CONDICIÓNS DE ACCESO AO CURSO

Para o acceso ao curso de mariñeiro/a pescador/a, o alumnado deberá reunir os seguintes requisitos:

- Ter feitos os dezaseis anos de idade.

- Declaración responsable de posuír aptitude para realizar unha proba de natación previa á realización do exame de coñecementos teórico-prácticos.

- Acreditar unha formación mínima mediante cualquera dos seguintes medios:

a) Certificación expedida pola consellería con competencias en materia educativa ou por unha Administración educativa equivalente do Estado de ter superado o nivel 1 de ensinanzas básicas iniciais ou certificado equivalente.

b) Certificado de ter superado un curso de alfabetización en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, expedido por unha entidade pública ou privada.

c) Declaración responsable da persoa solicitante de ter coñecementos básicos de lecto-escritura en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o modelo publicado no portal web de formación da consellería con competencias en materia pesqueira.

No caso de achegar este último documento, a entidade organizadora poderá comprobar que se cumpren os aspectos da declaración mediante unha proba de lecto-escritura. De non superar a dita proba, o/a olumno/a será dado de baixa do curso.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA

As persoas candidatas interesadas no curso de mariñeiro/a pescador/a achegarán a seguinte documentación para realizar a matrícula:

- Modelo de solicitude PE607C. Descargue a solicitude AQUÍ.

- Copia do DNI/NIE polas dúas caras.

- Certificado de formación mínima de estudos ou, de ser o caso, declaración responsable de ter coñecementos básicos de lecto-escritura segundo o cadro que figura na solicitude.

- Declaración responsable de posuír aptitude física para realizar unha proba de natación previa á realización do exame de coñecementos teórico-prácticos segundo o cadro que figura na solicitude.

- Xustificante do aboamento das taxas que outorgan o dereito ao exame.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A solicitude tamén poderá presentarse en soporte papel:

- nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os/as aspirantes, ou

- por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

IMPORTANTE: Con anterioridade á formalización da matrícula, as persoas interesadas informaranse nas secretarías dos centros para coñecer as datas dispoñibles de realización do curso.

 

TAXAS

Pode obter o Modelo AI. Autoliquidación de Taxas premendo na imaxe.

INSTRUCCIÓNS

1. Prema en Cidadáns, Pago de taxas e prezos, Iniciar taxa, Acceso libre ó servizo (Candado aberto) e Iniciar taxa.

2. Na pantalla "Datos da taxa" deberá cubrir o seguinte:

 Consellería de: O Mar  Código: 12
 Delegación de: Vigo  Código: 41
 Servizo de: Desenvolvemento Pesqueiro   Código: 05
 Taxa: denominación
 Probas profesionais de pesca  Código: 301900
 Obxecto de pago  Mariñeiro/a Pescador/a 
 Datos de pago  19,37 €

3. Prema en Continuar.

4. Na pantalla "Datos identificativos" deberá indicar os seus datos persoais. Prema en Continuar.

5. Por último, na pantalla "Modo de pago" poderá escoller entre a opción de Pago telemático (Se desexa efectuar o pago telemático con tarxeta ou cargo en conta) e a opción de Descargar modelo presencial (Permite a descarga do modelo de autoliquidación cuberto cos datos recén capturados para imprimir e efectuar o pago presencial nunha entidade financeira colaboradora).

 

ASISTENCIA AO CURSO

A asistencia ao curso por parte do alumnado matriculado será obrigatoria.

Cando o incumprimento da asistencia supere o 10% das horas lectivas do curso será motivo de baixa no dito curso, así como a baixa no dereito a participar no exame correspondente.

 

EXAME

Para a obtención do certificado de aptitude será preciso superar o exame correspondente ante un tribunal.

Só se poderá presentar ao exame final o alumnado que asistiu con regularidade ás clases e non superou o 10% das faltas correspondentes á carga lectiva do curso.

O alumnado que suspenda o exame disporá dunha nova convocatoria de exame, logo da autorización do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

 

PROGRAMA: MÓDULOS FORMATIVOS E TEMPORALIZACIÓN SOBRE OS COÑECEMENTOS TEÓRICO-PRÁCTICOS

Módulo formativo 1. A embarcación de pesca (16 horas).

Módulo formativo 2. O Regulamento internacional para previr as abordaxes no mar (8 horas).

Módulo formativo 3. A práctica dunha pesca responsable (6 horas).

Módulo formativo 4. Manipulación e conservación dos produtos da pesca (5 horas).

Prácticas (15 horas).

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

O exame consistirá nunha proba tipo test de 30 preguntas con 3 posibles respostas.

A composición do exame tipo test será a seguinte:

- 10 preguntas correspondentes ao módulo 1.

- 10 preguntas correspondentes ao módulo 2.

- 5 preguntas correspondentes ao módulo 3.

- 5 preguntas correspondentes ao módulo 4.

Para aprobar o exame será necesario contestar axeitadamente 20 das 30 preguntas. Soamente se admitirán 5 fallos nas preguntas correspondentes ao módulo 2. Ademais, deberá superar un exame práctico.

 

NORMATIVA

* Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os título profesionais do sector pesqueiro.

* ORDE do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

* CORRECCIÓN de erros. Orde do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.