Este luns, 11 de decembro, tivemos con nós ao poeta Ismael Ramos impartindo un obradoiro de poesía dirixido ao alumnado de 4º de ESO. Foi unha tarde ben amena e enriquecedora, xa que ademais de contarnos a súa experiencia como estudante deste centro, Ismael falounos do proxecto "Casa do silencio" e destapou esas palabras “tabú” das que tanto custa falar cando un inicia o camiño cara á madurez.
Falamos de relacións familiares, da identidade de xénero, de menstruación, de saúde mental… de todo! Conseguimos liberar eses tabús que ás veces se atragoan nas nosas gorxas adolescentes e que apreixan o noso corpo deixándonos sen aire. Si, fixemos terapia e aprendemos que a mellor forma posible para liberarnos dos nosos medos e incertezas é a poesía.