Saltar navegación.
Inicio

HAI UNHA MENSAXE PARA TI

Queriamos aproveitar estes días de vacacións para darvos, en primeiro lugar, ánimos. A vós e ás vosas familias (cos nosos desexos de que esteades ben e de que desfrutedes de boa saúde, agora o prioritario), porque estar confinados non é doado e porque tratar de suplir as adversidades con boa cara e con actitude positiva é a mellor axuda, xa que nesta situación estamos todos. Por iso, quizais sexa un bo momento para reflexionar sobre o que é verdadeiramente importante para nós.

En segundo lugar queremos darvos os nosos parabéns. Por ter reaccionado a esta situación con ganas de traballar, por tervos incorporado con destreza a ferramentas que, en moitos casos, eran novas na nosa relación escolar, por ter manifestado a intención de non vos quedar atrás. Por ternos demostrado que o alumnado do IES Val Miñor ten a vontade de non deixar de aprender, sexa como sexa.

Todas estas son as razóns que levaron á iniciativa das titoras e titores de ESO, que quixeron dicírvolo directamente. Lanzaron a proposta na mesma tarde en que comezaba este peculiar período de vacacións de primavera, para que vexades en que medida vos teñen en conta.

Agora, descansade uns días. Pronto estaremos comunicando as novidades que haxa e, como non, traballando xuntos.

Unha aperta para vós e para as vosas familias!

 "O agradecemento do centro a todas as persoas participantes e, especialmente, a Carla, editora do vídeo"