Saltar navegación.
Inicio

Observación de aves na Foz do Miñor

O pasado 2 de febreiro celebrouse o Día Mundial dos Humedais, unha data na que se lembra a importancia destes ecosistemas non só polo que contribúen ó mantemento da biodiversidade senon pola cantidade de servizos ecosistémicos que ofrece. Por este motivo, o Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía organizou unha xornada de observación de aves para o alumnado de 1 ESO na Foz do Río Miñor, un espazo que forma parte da Rede Natura 2000.

Durante a mañá do 21 de febreiro o alumnado puido observar a biodiversidade da avifauna deste espazo natural e ó mesmo tempo coñecer algúns aspectos que resaltan a importancia deste esteiro e daqueles outros que comprometen a súa conservación e protección.

 

 

 

 

 

Empregando prismáticos, un telescópio e guías de campo descubrimos garzas reais (Ardea cinerea), cormoráns grandes (Phalacrocorax carbo), bilurico común (Tringa totanus), bilurico bailón (Actitis hypoleucos), pilro común (Calidris alpina), garzota común (Egretta garzetta), picapeixe común (Alcedo atthis), corvos (Corvus corone), gabita común (Haematopus ostralegus), gaivota de patas amarelas (Larus michahellis), gaivotón atlántico (Larus marinus), virapedras común (Arenaria interpres), mazarico chiador (Numenius phaeopus), fuselo de rabo negro (Limosa limosa)...

A Foz do Miñor constitúe un espazo clave para as aves migratorias que aproveitan as súas breves estancias neste espazo para recuperar forzas nas súas extenuantes viaxes migratorias entre o norte de Europa e África.

A pesar da importancia deste humidal, a Foz do Miñor leva xa máis de 20 anos con elevados niveis de contaminación fecal polo que está prohibida a actividade marisqueira deste banco de berberecho e ameixa o que supón unha importante perda económica para o sector do mar. Lembremos que antes do seu peche, 60 familias vivían da actividade marisqueira neste espazo.

O próximo 11 de maio celébrase o Día Mundial das Aves Migratorias e será momento de volver a falar da importancia da Foz do Río Miñor.