Iniciar sesión: Acceso

Novas da Biblioteca

Visita de Dores Tembrás no Club de lectura de familias

O sol tamén quixo estar, Dores, nos teus enxertos. Aí están a fotos : unha fermosa luz solar ilumina a escena por fóra e, esa mesma luz, por dentro. Con todos os enxertos, as infancias, os papás e as mamás, as matanzas, os amorodos, os fillos, o amor que se prolonga, a ausencia de puntos e a música... todo estaba na poeta e saímoslle ao encontro as lectoras. A poesía foi esa tarde unha simbiose de vivencias, as de quen escribe (tan ben recollidas, elexidas as palabras) e as de quen as le.

Dores achegounos "esa procesión de palabras en sinal de respecto" a quen te precede e tanto te ama, a quen te continúa, pero tamén ás lectoras.

Canta emoción neste enxerto teu, canta xustiza. Se fose un rego, Dores, a túa obra estaría ben feitiña, coma un fío na terra que a abre, sen ferila, sen mancala.

Nesa tarde de sol abrimos con Dores a terra (a dela e a nosa), enxertarmos no padrón a puga. Grazas por esa sesión de horticultura, Dores ( e tamén pola túa, Paula), polos "altares vexetais" , "trevos pedras prímulas", polos "dous puntos de rotulador verde na colcha", polas "lecturas ciscadas" pola xenerosidade coas palabras e o que hai detrás delas e por ler, sobre todo grazas por ler (en alto). Les como escribes. Con peso, con fondura, bailando cada verba. Tocándoa.

Grazas, mamás, polos tulipáns que caen na memoria.

"planta unha maceira
ao pé do camiño
para sacarlle a sede
a quen pase"

Dores Tembrás

Camiñamos para a paz, da man de Sara Sami

Hoxe celébrase o Día da Paz, da non violencia. A violencia é terrible sempre, sempre pero aínda o é máis cando a consenten os estados.

Sara Ashour da Fundación Araguaney-Puente de Culturas veunos falar desa terrible violencia que padece o pobo palestino. Acompañouna Ana e escoitárona os alumnos e alumnas de 1 de Bacharelato. Escoitemos sempre os pobos que son tratados con violencia. Expliquemos as causas das guerras, para traballar pola paz.

Xornada de convivio dos clubs de lectura!

O pasado martes, o Club de lectura junior do noso insti tivo unha quedada cos clubs de lectura de 5º e 6º do CEIP Fermín Bouza Brey e do CEIP Ramiro Sabel!
Primeiro xantaron xuntos/as todos/as os lectores e lectoras e despois viron a película "O fogar de Miss Peregrine para nenos peculiares".
Tralo visionado da peli, unha encomenda: traballar a plástica da película nos seus coles.
Asemade quedaron en plasmar (nun papel corrido, grande coma as súas lecturas) as impresións da peli e máis do libros de Ledicia Costas que están a ler nos diferentes Clubs de lectura: A señorita Bubble (nos coles) e A balada dos unicornios (no insti).

Quedamos emprazados/as para outro xantar no que haberá intercambio de sentires e pareceres lectores.
E se viñese un unicornio?

Saboreando o ceo

Saboreamos onte o ceo coa voz e os contos da nosa alumna Boutaina (que leu para nós en árabe), con pasteis ricos (tamén árabes), coa amorosa presencia das persoas que se achegaron a esta sesión do club de lectura de familias na que lemos Saboreando el cielo, de Ibtisam Barakat.

Chegamos a Palestina, o lugar da resistencia. Deteñamos o xenicidio con doces, con libros, con encontros, con mamás lectoras! Grazas, mamás por virdes sempre, polos doces e os marcapáxinas que nos ganchillastes.

 

Visítannos os Pallasos en rebeldía

O pasado venres, o pallaso Iván Prado (pallaso en rebeldía) achegouse ao noso insti para falar das accións que desenvolven en Gaza (ademais de noutras partes do mundo en situación de risco e conflicto) os Pallasos en rebeldía. O circo combatendo as balas e o xenocidio.
Tamén nos presentou o seu libro Palestina tiene nombre de mujer. A cultura combatendo a barbarie. "Defender la alegría como una trinchera".
Grazas, Iván, e grazas ás pallasas e pallasos por facer dos espazos da dor e da inxustiza lugares máis amables e habitables!

O Val do Tea, espazo de artistas

É ben sabido que Ponteareas é terra de músicos e músicas, polo que o Val do Tea non podía ser menos! Celebramos o Día da Música cun concerto organizado polo Equipo de Biblioteca, onde parte do noso alumnado amosou o seu talento.

Parabéns, rapaces e rapazas polo voso traballo!

Viaxamos con Exeria

O luns da pasada semana, 13 de novembro, chegou Exeria para explicarnos detalles da súa viaxe e para convidarnos a seguir camiñando con ela polo seu libro, camiño das palabras...

O alumnado de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de charlar con Marisa Vidal Collazo, autora de Eu son Exeria, lectura feminista dunha viaxe no século IV, sobre a vida desta interesante muller pioneira do seu tempo.

Grazas, Marisa, pola túa visita.

 

Adiós ríos, adiós fontes

Despedimos o curso lectivo 2022-2023 compartindo convosco esta fermosa versión plurilingüe do poema "Adios ríos, adios fontes" de Rosalía de Castro nas voces de 3 dos nosos alumnos, Wael, Andreii e Boutaina.

Despedimos o club de lectura de Bacharelato e profes ata setembro!

O club de lectura do alumnado de Bacharelato e profes despídese por este curso 22/23 coa lectura da peza teatral As alumnas, de Paula Carballeira. Volveremos en setembro con novas lecturas!

Feliz verán a toda a comunidade educativa!

 

Última sesión do club de lectura de familias

Na última sesión deste curso 22/23 do club de lectura de familias tivemos connosco a Sara e Noa, alumnas de 1º Bacharelato, que viñeron falar de María Casares. As persoas participantes leron con anterioridade a biografía da actriz  (María Casares, a célebre refuxiada, a descoñecida) de Arancha Estévez e tamén tiveron a oportunidade de asistir á obra de teatro Continente María no mes de abril.
Con esta exposición das nosas alumnas poñemos o ramo a un ano de lecturas compartidas. Volvemos en setembro!
 
 
Distribuir contido

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Contratos-Programa