MABEL E O CINE SONORO

Unha mañá de sábado de 1946, un empregado do Teatro Principal que repartía publicidade na praza do Toural entregoulle a Moncho Barrán media cuartilla coa fotografia do interior do teatro impresa por unha cara e, pola outra, o cartel da película de estrea da semana: A illa do tesouro.

Moncho chegou aos campos de Carreira e, en lugar de incorporarse ao partido de fútbol, quedou sentado na herba mirando para o papeliño. Axiña que Xerardo Ríos, Valcárcel e Oitavén, os seus tres amigos máis íntimos, viron o retrato dos piratas, abandonaron o balón e os catro comezaron a soñar con abordaxes e con axuntar os cartos das entradas.

Fixeron reconto e entre todos nin reuniron dúas pesetas. Xa estaban resignados a deixar a película para tempos mellores, cando Oitavén tivo unha idea xenial: como o cine custaba peseta e media, podían mercar unha entrada entre os catro e mandar un deles ao Teatro Principal para que logo llela contase aos outros.

Os berros de xúbilo iniciais deron paso a unha discusión acalorada pola elección do espectador: Oitavén pretendía ser o escollido co pretexto de que súa fora a idea da colecta; Moncho Barrán argumentaba que a publicidade lla deran a el; e Valcarcel, non atopando argumento máis favorable, decantábase polo sorteo.

Xerardo Ríos, quen xa de rapaz tiña máis sentidiño ca os outros, convenceunos de que o asunto principal era escoller a alguén que contase ben a película para que todos a puidesen gozar.

Logo de pensalo moito, e malia algunhas reticencias, decidiron mandar ao cine a Mabel, unha compañeira de clase que, por ter un irmán cego, estaba afeita a describir as cousas que os demais non podían ver.

Así que, fórona buscar á casa, mercáronlle a entrada do cine, metérona no Principal a ver A illa do tesouro e agardaron mordendo as uñas entre os soportais da rúa Nova ata o final da proxección.

Ao remate da película levárona á Quintana e, sentados na escaleira, escoitaron abraiados a aventura do neno Jim, e temeron a John Silver, un pirata enredador disfrazado de cociñeiro. Tan ben lles contou a historia que os catro soñaron de noite co tesouro do capitán Flint.

O sábado seguinte invitárona a ver Fort Apache e, despois da función, apertados na Quintana, sentiron un calafrío cando apareceu o indio Cochise reptando coma unha sombra nas palabras de Mabel.

Por ela coñeceron Casabranca, cruzaron o Río Grande e estiveron encadeados coma Bergman e Cary Grant. E varias foron as noites nas que se xuntou máis público na escaleira da Quintana ca no Teatro Principal, onde as películas semellaban mudas ao lado das de Mabel.

 

Relato do libro “Algúns contos completos” (2021), de DOMINGO VILLAR

Paula Carballeira conta "Os camiños máis longos"

Quico Cadaval conta "Os Coruños"