Skip to Content

Historia do centro

HISTORIA DO CENTRO

O noso centro, IES Terra do Xallas, toma o seu nome do río que baña a comarca e que é moi coñecido por ser o único en Europa que desemboca formando unha fervenza. O nome do centro suxire de xeito claro e evidente a vinculación coa terra, posto que o instituto se atopa nun contorno eminentemente rural caracterizado polo espallamento da poboación.

É importante sinalar que a Comarca do Xallas é unha zona que tradicionalmente conta cuns índices de emigración elevados, e practicamente todo o alumnado ten familiares emigrados en América e en Europa; mesmo moitos son emigrantes retornados. Asemade, hoxe en día estamos observando que, por outra parte, esta comarca se está convertendo nun lugar de acollida de persoas doutras nacionalidades (procedentes de Colombia, Marrocos, Perú, Brasil, Romanía, etc.). Non percibimos que se dean casos de rexeitamento desta poboación inmigrante, máis ben todo o contrario, e, nalgunhas ocasións, a súa integración lévase a cabo nun tempo relativamente curto.

O instituto está situado no concello de Santa Comba e a súa posta en funcionamento como centro educativo data do ano 1983, ampliado cun  segundo edificio  construído no ano 1991 polo recoñecido arquitecto Alberto Noguerol del Río. No ano 2000 realizase unha nova ampliación coa construción do edificio novo.

O centro  tamén foi ampliando a súa oferta educativa de xeito que, na actualidade, inclúe Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación profesional de Grao Básico Ciclos Formativos Medio e Superior.  Esta ampla oferta educativa lévanos a que o alumnado vaia  oscilando entre os 400 e 500 matriculados nos últimos anos.

O claustro está formado por un intervalo de 53 ou 56 profesoras e profesores, dependendo do ano, con bastante profesorado definitivo. Convén destacar que a estabilidade do cadro de persoal se converte nunha vantaxe á hora do traballo co noso alumnado.

En canto ás familias, as relacións destas co centro son, en xeral, satisfactorias, cunha boa relación coa ANPA, tamén  desenvolvemos un club de lectura coas familias e existen algúns outros proxectos de colaboración.

O noso centro caracterízase por posuír unhas instalacións bastante coidadas. O espazo que ocupa é moi amplo (uns 25.000 m2), xa que existen tres edificios independentes que foron xurdindo a medida que se ampliaba a oferta educativa, dous talleres, un polideportivo, unha pista exterior e xardíns.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut