Skip to Content

O noso Instituto

Trasladouse a Moscú onde compartiu coa súa familia a continuación da guerra, a fame e o frío. Despois trasladouse a San Petersburgo, onde continuou o seu labor xornalístico para ABC. En 1916 Rusia pasaba por momentos moi difíciles, a longa guerra dezmaba aos seus exércitos, a clase política estaba en proceso de descomposición. A finais deste ano foi asasinado Rasputín, símbolo da decadencia do zarismo. Toda esta situación dun país en crise dificultaba a regularidade da chegada das súas crónicas. As novas de Sofía chegaban tarde, mais a pesar diso non perdían vixencia. Namentres a guerra continuaba, os bolxeviques encabezados por Lenin organizaban a revolución que remataría coa toma dos Palacios de Inverno e a caída dos Zares. Sofía foi testemuña de excepción daqueles días que conmoveron ao mundo, -como dixera o outro célebre correspondente, o norteamericano John Reed- "seguía paso a paso todo o que acontecía tanto na fronte da guerra como na Duna. A corresponsal de ABC participou dos debates históricos entre os menxeviques e bolxeviques."

En medio dunha confusión internacional moi grande, Sofía Casanova intentou esclarecer aos lectores españoles o que estaba pasando neses días en que os bolxeviques tomaran o poder baixo a consigna de " Todo o poder para os Soviets".

A súa avidez por informar animouna para se entrevistar con León Troski, o cal era un dos líderes da revolución Rusa. Aquela mañá de intenso frío, acompañada pola súa asistenta "Pepa" de Cecebre, chegou ata o mesmo despacho de Troski, situado na sede do goberno popular -Instituto Smolny-; foi aí onde lle realizou unha longa entrevista que apareceu no xornal ABC.

Durante o proceso revolucionario os bolxeviques fusilaron a dous dos seus cuñados cos cales Sofía estaba moi encariñada, xa que os coñecía desde moi pequenos. O terror causado polos comunistas entre os burgueses polacos e coa familia Lutoslawski fixo que Sofía tomase partido contra a revolución de outubro. En 1918 o goberno español realizou xestións para que esta familia puidese trasladarse a Polonia, país este que despois da guerra pasou a ser recoñecido como estado independente. En 1919 Sofía consegue chegar ao estado español xunto á "Pepa" nun tren
militar. A súa chegada a Madrid foi celebrada polos sectores máis conservadores, os seus artigos sobre a guerra déronlle unha grande fama xornalística. Ao chegar á Coruña o recibimento foi extraordinario, as autoridades coruñesas acollérona como unha auténtica heroína. Así nos conta Sofía este paso por Galiza: "Ao vir a España milagreiramente a finais de 1919, cáseque cega e pobrísima, a miña patria acolleume amorosamente, e por subscrición popular foime agasallada a Grande Cruz da Beneficiencia que o Rei e o seu goberno me concederon".

A miña amada Coruña outorgoume un recibimento que me resucitou, e tamén en Vigo, Lugo, Caldas, Betanzos e Baiona, o meu pobo demostroume o seu cariño, ao cal correspondo con toda a miña alma.

Tales manifestacións de afecto repetíronse cando, catro anos despois, se solicitou para min o Premio Nobel de Literatura e cando se me outorgou a Grande Cruz de Alfonso XII".

Nestes anos escribiu "De la guerra" (1916), "De la Revolución Rusa en 1917" ou "La Revolución Rusa en 1917" (1917), "La Revolución bolchevista (Diario de un testigo)" (1920).

Sofía Casanova foi membro Correspondente da Real Academia Galega, sendo elevada o 16 de decembro de 1952 ao máis alto grao da Academia como Académico de Honor.

A súa residencia foi definitivamente Polonia. A Segunda Guerra Mundial e a posterior declaración da República Socialista de Polonia deixouna atrapada dentro dun sistema político ao cal ela combatera. Os seus últimos anos viviunos na casa da súa filla máis nova na cidade de Poznan, falecendo en 1958.

Sofía Casanova é a outra gran muller galega xunto a Rosalía, Concepción Arenal e a Condesa de Pardo Bazán. Sofía é a gran esquecida das catro. A súa obra literaria e a súa paixón humana ben valen un recoñecemento da historia.



page | by Dr. Radut