No seguinte enlace pódense consultar algúns dos traballos realizados polo alumnado de ITI.
Desde as materias de Bioloxía e Xeoloxía e Xeografía e Historia tratouse a importancia dos ecosistemas costeiros que atopamos na comarca de Ferrol e as ameazas que supoñen para eles os diferentes tipos de contaminación e as consecuencias da acción antrópica. Para este obxectivo contamos coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural, e especialmente de Xan Rodríguez Silvar, antigo director do IES Sofía Casanova, que nos acompañou ata a praia de Doniños para explicarnos a problemática na conservación da píllara das dunas e para que o alumnado acompañado de profesoras de Bioloxía, Inglés e Xeografía realizara unha recollida de lixo. Na materia de Educación Plástica e Visual tivo lugar un obradoiro artístico impartido por Ladislau da Regueira para a realización de varias esculturas que, utilizando a técnica da ensamblage, aproveitaron os refugallos recollidos na saída a Doniños e noutras praias da comarca. Finalmente durante o mes de xuño o alumnado de 3º ESO, contando coa colaboración de profesorado de diferentes departamentos, rematou as súas obras no Centro Cultural Torrente Ballester e, baixo a dirección de Ladislau da Regueira e contando coa colaboración do Concello de Ferrol e especialmente dos traballadores do Centro Torrente Ballester, montouse a exposición destes traballos na Sala de Proxectos do citado centro municipal.
O proceso vivido durante estas últimas semanas está recollido neste vídeo elaborado pola artista e fotógrafa Malena Carballo.
Moitas grazas a todos e a todas as que participáchedes e colaboráchedes na realización desta actividade.
Saúde e Terra!