You are hereActividades

Actividades


Xornada sobre o papel da muller traballadora

A tarde do martes 24 de marzo,  os alumnos de  1º de BAC asistiron  na Biblioteca a  unha actividade enmarcada nos proxectos Donas de si e Nós tamén somos elas.  Foi o unha xornada  na que se reflexionou sobre a evolución do papel da muller traballadora na nosa sociedade.

Tras unha excelente presentación preparada e presentada por Sara González, Mateo Buján e Laura Lorenzo, alumnos de Bacharelato, dirixidos polo seu profesor de Economía, José Manuel Mouriz. Tivemos o honor de contar coa presidenta  do Concello da Avogacía, Dona  Nieves Santomé, que nos deu o seu punto de vista sobre o tema como profesional e como muller.

Sen dúbida unha xornada interesante e enriquecedora.

O venres Sara e Mateo convertéronse en profes dos compañeiros de 3º de ESO, que seguiron moi interesados as súas exposicións.

CLUB DE LECTURA: Descubrindo a Leo

O martes, 14 de abril, tivemos na Biblioteca a reunión do Club de Lectura. Descubrimos que Leo sen dúbida é unha rapaza dona de si e despois de viaxar con ela por moitos lugares do mundo, todos tivemos claro que nós tamén queremos ser Leo.

Comezamos a xuntanza cun vídeo no que Rosa Aneiros, a autora  do libro Ámote Leo ,  nos dirixiu unas palabras moi agarimosas  e prometeu acompañarnos o vindeiro curso. Tamén vimos  as interesantes presentacións de Victoria Piñeiro e María Suárez.

Despois as verbas  discorreron entre os membros do club  e falamos de literatura xuvenil, do importante de levar adiante os proxectos, do enriquecedoras que poden ser as viaxes, dos encantos de cidades como Granada ou Istambul….

Estamos animados a seguir con esta experiencia de compartir as lecturas. Aínda estás a tempo de comprometerte para a seguinte xuntanza do noso Club de Lectura (o obra será Historia de una maestra de Josefina Aldecoa).

Homenaxe a Rosalía de Castro

Rosalía de Castro foi un exemplo de muller galega do século XIX que a través da súa poesía  aprendeunos  que as mulleres tamén poden ser donas de si. Por iso nós tamén somos ela.

No noso instituto homenaxeamos a Rosalía:

·        Porque desde a súa humildade traspasou barreiras insuperables nos seus tempos: a de ser muller e escribir poesía nunha lingua minorizada.

·        Polo seu compromiso coa terra, unha terra desgarrada pola pobreza e a miseria.

·        Pola súa denuncia da inxustiza e do caciquismo.

·        Pola riqueza e amplitude dos seus temas  que conseguiron que hoxe en día siga considerándose a nosa poetisa máis universal.

Somos Rosalía cando chove miudiño, cando nos asolaga a negra sombra, cando non entendemos o que pasa ao noso arredor, cando brilla o raio da aurora, cando todos, todos se van, cando voan os nosos pensamentos.... 

Participación no Parlamento Xove

 

No seguinte enlace podedes ler o artigo que foi publicado por EDUGA (Revista Galega de Ensino ) sobre a nosa participación no Parlamento Xove. Agardamos que vos resulte motivadora para retomar a actividade o próximo curso.

http://www.edu.xunta.es/eduga/663/plan-proxecta/nos-tamen-debatemos