A Xunta dota ao IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo dun simulador forestal para as ensinanzas da FP de Agraria
Os conselleiros de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitaron o venres 1 de febreiro o IES Plurilingüe San Rosendo, en Mondoñedo, onde puideron comprobar o funcionamento do simulador forestal co que estes departamentos veñen de dotar o centro. Este equipamento, dirixido ás ensinanzas de FP da familia profesional de Agraria, contribúe a mellorar a cualificación do alumnado, de tal forma que os titulados conten cunha cualificación que responda ás necesidades do sector agroforestal.
Carmen Pomar explicou que este simulador terá unha especial aplicación no ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural e na titulación de FP Dual deste IES, a de grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural. Neste sentido salientou que este ciclo se desenvolve en colaboración con 13 pequenas e medianas empresas da zona (Carronza, Construcción Obras y Viales Teixeira, Forestal Díaz Casariego, Hijos de Ramón Rubal, Tojeiro y Vidal e as empresas de madeira Masma, Díaz Ramos, Argimiro, Míguez de Burela, Naciente, Patricio, Villapol e Maderera de Cospeito). Polo tanto, o simulador non é só importante para a formación dos futuros titulados, senón para a cualificación que lles vai achegar e coa que van poder ofrecer unha preparación moito máis completa a estas empresas locais que no seu momento decidiron implicarse no proxecto estratéxico para Galicia que é a FP e, en concreto, a súa modalidade Dual.
Pola súa banda o conselleiro de Economía subliñou que este proxecto permitirá á industria forestal contar con persoal cualificado e gañar en competitividade: “Con este simulador seguimos facendo unha aposta pola industria forestal que ten que pasar pola colaboración entre administracións, tecido industrial e centros de coñecemento”.
Conde tamén salientou que o obxectivo é dar resposta ás necesidades da industria forestal a través da formación e referiuse á Estratexia de formación na industria forestal de Galicia, deseñada en consenso co sector, e que pretende chegar a máis de 5000 alumnos para adaptar os seus coñecementos ao uso de novas tecnoloxías, tanto no eido da explotación forestal como na primeira e segunda transformación. Neste sentido, lembrou que este ano, a través de todos os programas formativos da Consellería, impartirase cualificación no eido forestal a 2500 persoas cun orzamento de 5M€.
Conde incidiu no compromiso da Xunta coa industria forestal -que representan o 2% do PIB galego, que dá traballo a 80.000 familias e que este ano volverá a bater récords de exportacións- non só a través da formación, senón tamén co impulso da súa modernización grazas a convocatorias de axudas que mobilizarán 32M€ para mellorar a innovación e competitividade empresarial.
Durante a visita os conselleiros estiveron acompañados da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e da xefa territorial de Educación na provincia, María Carmen Gueimunde.
Equipamento de última xeración
O simulador forestal KF 500 conta cun programa de manexo de procesadora e autocargador. Cun sistema multipantalla e tecnoloxía 3D, permite a simulación en diferentes escenarios, a través dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte. Trátase dunha máquina de última xeración que supuxo un investimento superior aos 80.000 euros.
A formación con simulador é un modo eficiente de ensinar a futuros operarios as funcións básicas dunha máquina forestal, que permite a posibilidade de probar novos métodos que poden xerar maior eficacia e produtividade. A contorna de aprendizaxe do centro permite familiarizarse coas diferentes etapas do traballo de toda a cadea de maquinaria, labores de tala e extracción da madeira, así como técnicas de planificación da tala para a optimización do seu rendemento, o transporte da máquina libremente polo bosque e a visualización da paisaxe dende distintas perspectivas. Nesta formación combínase o manexo do procesado da madeira, o transporte da mesma e o uso de sistemas de datos, permitindo avaliar os resultados e a produtividade do traballo durante a formación.
Con este equipamento impartirase tamén unha formación para a actualización de coñecementos e destrezas de operarios que contribuirá a mellorar a cualificación dos traballadores forestais que traballan no monte galego, ao fomento do emprego e mesmo a reducir a sinistralidade laboral e o impacto ambiental no manexo de maquinaria pesada.
A dotación deste equipamento enmárcase no convenio asinado entre as consellerías de Educación e Economía en maio de 2018 para a subministración de equipamento de tecnoloxía Industria 4.0 para os centros educativos, de cara a achegar unha maior adaptabilidade dos coñecementos e das competencias profesionais do alumnado de formación profesional a estas tecnoloxías. Deste xeito, contribúese á inserción laboral destes titulados.
Un centro de referencia
O IES Plurilingüe San Rosendo é un centro de referencia nas ensinanzas de FP da zona, en especial no que atinxe á implantación da FP Dual no rural. Non en balde, neste momento estase a desenvolver no centro a segunda edición do ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural.
O centro imparte, ademais, a FP Básica en Agroxardinaría e composicións florais e o de grao medio en Xardinaría e floraría. Precisamente un alumna do IES, Cristina Ares Rivas, foi a gañadora da medalla de oro na competencia de Floraría nas Olimpíadas galegas da formación profesional, Galicia Skills 2018.