O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou ao alumnado do IES San Rosendo no inicio de curso
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou aos rapaces e rapazas do IES San Rosendo de Mondoñedo no primeiro día de clases.
Programas educativos novidosos
Durante o seu percorrido polo centro –no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira, e polo director xeral de Centros, José Manuel Pinal–, o conselleiro salientou a inmersión deste centro nos programas educativos novidosos postos en marcha polo Executivo galego nestes últimos anos.
Deste xeito, valorou o súa incorporación ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que permite transformar as bibliotecas escolares en puntos de encontro para a lectura, a información e a aprendizaxe, así como en espazos para integrar o mundo escrito e o dixital a través das TIC. Tamén lembrou que o IES San Rosendo é un centro plurilingüe, comprometido, por tanto, coa inmersión lingüística. O conselleiro recordou que, trala incorporación de 36 máis este curso, xa son 257 os centros adheridos á rede do plurilingüismo e preto de 90.000 alumnos beneficiados.
A maiores, o conselleiro tamén puxo en valor a aposta deste instituto por unha ensinanza dixital a través do programa Abalar. Neste sentido, animou ao equipo directivo a implantar, ao abeiro deste plan, o proxecto de educación dixital E-Dixgal, mediante o cal o alumnado pode acceder aos materiais curriculares de balde.
Implantación da Lomce
Por outro lado, Román Rodríguez explicou que este curso comeza con novidades nas etapas de ESO e bacharelato, pois implántase a Lomce en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria e 1º de bacharelato. A maiores, o novo marco normativo tamén se estende ao segundo ano de FP Básica. Precisamente, no IES San Rosendo ofértase esta modalidade, concretamente FP Básica de Agroxardinería e composición florais.