Skip to Content

Outubro: mes das bibliotecas, día 24: xornada das bibliotecas

Un ano máis comezamos o curso visitando e festexando a biblioteca. Nesta ocasión a mensaxe é da autoría da coñecida escritora Laura Gallego e o cartel foi deseñado por Andrés Rábago (máis coñecido como "El Roto")  

 LAURA GALLEGO    Nunha ocasión un viaxeiro chegou dende un lugar afastado a un pobo no que non había libros. Sentouse a descansar na praza maior e sacou do seu macuto un vello volume de contos. Cando comezou a ler en voz alta, os nenos, que nunca viran nada semellante, sentáronse ao seu arredor para escoitalo.

    O visitante relatou historias que engaiolaron aos seus oíntes e fixéronos soñar con fantásticas aventuras en reinos marabillosos. Cando rematou, pechou o libro para volver gardalo no seu macuto. Ninguén se decatou de que, ao facelo, escapaban de entre as súas páxinas algunhas palabras soltas que caeron ao chan.

    O viaxeiro marchou por onde viñera; tempo despois, os habitantes do pobo descubriron o pequeno gromo que elevaba as súas trementes folliñas cara ao sol, no lugar no que caeran as palabras perdidas.

    Todos asistiron abraiados ao crecemento dunha árbore como non se vira outra. Cando chegou a primavera, a árbore exhibiu con fachenda unhas fermosas flores de pétalos de papel. E, cos primeiros compases do verán, deu froito por primeira vez.

    E as súas pólas enchéronse de libros de todas clases. Libros de aventuras, de misterio, de terror, de historias de tempos pasados, presentes e futuros. Algúns atrevéronse a coller eses froitos, e había un sabio no lugar que lles ensinou a ler para poder gozalos.

    Ás veces, a brisa sopraba e sacudía as pólas da árbore. As follas dos libros axitábanse e deixaban caer novas palabras. E pronto houbo máis gromos por todo o pobo; e en apenas un par de anos, as árbores-libro estaban por todas partes.

    Correuse a voz; moitos investigadores, curiosos e turistas pasaron por alí para coñecer o lugar onde os libros crecían nas árbores. Os habitantes do pobo lían as súas páxinas con deleite, e coidaban cada gromo con gran mimo. E así ían recollendo máis e máis historias con cada nova colleita de libros.

    Un día, os máis sabios do lugar reuníronse e acordaron compartir o seu tesouro co resto do mundo. Elixiron un grupo de mozos e animáronos a escoller un libro da primeira árbore que crecera no pobo. Despois, enviáronos a percorrer os camiños.

    Eles repartíronse polo mundo, buscando un fogar para a súa prezada carga, e así, co tempo, cada un deixou o seu libro nunha biblioteca diferente.

    E conta a historia que alí seguen aínda. Que hai algunhas bibliotecas que gardan entre os seus estantes un libro especial que deixa caer palabras-semente. E que, se aterran no lugar axeitado, cada unha desas palabras crecerá ata converterse nunha árbore que dará como froito novos libros.

    Ninguén sabe en que bibliotecas se atopan estes libros marabillosos. Descoñécese tamén cales, de entre todos os seus volumes, son os que proceden do pobo onde os libros crecen nas árbores. Podería ser calquera, e podería estar escondido en calquera recuncho de calquera biblioteca do planeta.

    Animádevos a entrar nelas e a explorar os seus estantes, viaxeiros; porque quizais deades por casualidade cun libro cuxas palabras boten raíces no voso corazón e fagan crecer unha magnífica árbore de historias cuxas sementes poidan chegar a cambiar o mundo.

    Feliz día da biblioteca!

Laura Gallego

día da biblioteca 2013

EL ROTO

El Roto

E rematemos con humor, unha viñeta de El Roto sobre o futuro do libro tradicional:

  viñeta


page | by Dr. Radut