Onte amencíamos coa publicación na prensa do pasamento de Xosé Manuel Bernárdez Gándara en Zambia, onde traballaba dende o ano 2000.
Nacido na parroquia de Alxén- Salvaterra de Miño no 1963 estivo vinculado a Tui dende neno, pois cursou parte dos estudos primarios no Seminario Menor, o bacharelato no IES San Paio e a súa etapa de pastoral no Anxo-Pazos de Reis.
Gándara, sendo neno, tivo un soño: quería ser misioneiro,quería traballar con e por aqueles que non tiñan nada; así que dende que se ordenou sacerdote en 1988 loitou por formarse e prepararse para afrontar ese soño. Despois de estar 10 anos como sacerdote na Parroquia do Sagrado Corazón en Vigo, marchou a Londres onde perfeccionou o inglés e estudou socioloxía. Dende alí deu o salto e a través do IEME (Instituto Español de Misións Estranxeiras) chegou a África, concretamente a Zambia. E alí era feliz. Un home do rural que traballaba no rural, que loitou por conseguir pozos, plantar e obter millo, muíños, becas de formación sobre todo para as mulleres “porque elas poden cambialo todo” dicía; bicicletas para poder desprazarse de un lado a outro e ata un autobús para ir as poboacións mais próximas. Traballaba cos que eran considerados apestados por padecer enfermidades como a lepra, con enfermos da SIDA, e sobre todo cos orfos; nenos que de repente pasan a ser cabezas de familia e teñen que ocuparse dos seus irmáns máis novos; nenos que se converten en homes de repente; sen formación e sen ter tempo para seren nenos.
Todo isto nolo transmitía a través do correo electrónico e, cada dous anos, cando se achegaba por aquí para estar coa familia e cos amigos. E así tamén nos contaxiaba esa enerxía positiva que transmitía, esa ilusión por cumprir proxectos, por poder axudar a súa xentiña, porque el xa era africano.
No instituto tivemos a sorte de que nos contara as súas experiencias en distintas ocasións. A última foi o pasado mes de abril, cando xa nos avanzaba a súa intención de crear unha nova misión en Kamakechi. Nunha das súas últimas comunicacións (que adxuntamos) a misión era xa unha realidade como pode verse na seguinte presentación que nos mandou:
Kamakechi Life
E cando máis ilusionado estaba co novo proxecto un inexplicable accidente deixounos orfos da súa presencia pero non do seu espírito que sempre estará connosco.
|