Skip to Content

UNHA CERVEXA CHANG, ENCONTRO CON MANUEL PORTAS

O IES Sánchez Cantón recibe ao escritor Manuel Portas 

O IES Sánchez Cantón abriu as portas esta mañá para recibir o escritor Manuel Portas, que falou sobre a súa novela Unha cervexa Chang co alumnado do club de lectura de 2º de bacharelato, e mais o profesor Anxo González Guerra, quen explicou polo miúdo o funcionamento da Galipedia ante os estudantes da materia de Investigación e tratamento da información (2º da ESO).

Por unha banda, a reunión con Manuel Portas, que tivo lugar na biblioteca escolar do centro, non só serviu para coñecer en profundidade a novela do escritor e docente, senón tamén o seu proceso de escrita. Daquela, os e as discentes aprenderon máis sobre a investigación e o deseño dos personaxes, os lugares, as tramas e as pezas do crebacabezas que acabaron por conformar Unha cervexa Chang. Non obstante, tamén souberon que o maior referente de Manuel Portas no terreo da novela negra é Pepe Carvalho, creado por Vázquez Montalbán.

Por outra banda, Anxo González Guerra reuniuse co alumnado da materia Investigación e tratamento da información de segundo da ESO para falar da edición en galego da Wikipedia, a Galipedia. Desta forma, o docente contou que esta fonte dixital posúe unhas 800 entradas editadas sobre persoas e libros e que todas elas poden ser modificadas por outros usuarios. Ademais, González Guerra fixo especial fincapé nas imaxes e no respecto polos dereitos de autor, así como tamén na gratuidade do traballo da Galipedia.

ACTOS CON SABOR A ROSCA E CHOCOLATEEn ambas as dúas reunións, os asistentes puideron degustar chocolate quente e rosca. Isto débese a que o IES Sánchez Cantón ten moito que celebrar este ano. Á parte das datas sinaladas en que se atopan, próximas xa ás vacacións do Nadal, o centro pontevedrés tiña que festexar o segundo premio (2.500 euros) que recibiu no certame nacional “Premios Clubs de Lectura Escolares”convocado polo Ministerio de Educación para premiar os proxectos de promoción de lectura que se desenvolveron ó longo do curso 2021/2022. Desta forma, foi recoñecido o mérito de “Nube de palabras”, o nome do proxecto que englobou no curso pasado 15 grupos lectores e 170 alumnos e alumnas de todas as idades.

Pica na foto para ver o álbum

 

 



page | by Dr. Radut