SEMANA DA CIENCIA. 16-20 DE ABRIL

O IES Salvaterra vai celebrar entre o 16 e 20 de abril a súa IV Semana da Ciencia. De luns a venres vai mudar a rutina do instituto, xa que o centro abandona o seu horario de clases habitual para cubrirse con conferencias, exposicións, experimentos e demostracións científicas.

É o alumnado de secundaria o que realiza e explica todas as actividades que veñen traballando nas aulas aos demais compañeiros. Nesta feira do saber, que abrangue todas as áreas do coñecemento, imos recibir a visita do alumnado dos centros de primaria de Salvaterra, e contamos coa colaboración do Concello para subvencionar o custe material desta Semana da Ciencia.

Ademais, o mércores 16 entre as 16:45 e as 18h, como resposta á desoladora vaga de lumes que nos asolou en outubro, imos facer unha reforestación de 200 árbores autóctonas no lugar do Castelo, e colaboración coa Comunidade de Montes de Salvaterra. Nesta iniciativa está involucrada non só a comunidade educativa: a Comunidade de Montes preparou o terreo para a plantación; as árbores mercáronse coa subvención do Fondo social de CaixaBank, cuxa oficina de Salvaterra apoiou en todo momento a idea; a ANPA xestionou o transporte das árbores e colaborou en toda a organización; e a empresa de transportes Raul cede os seus autobuses para mobilizar a 300 rapaces, o noso alumnado, moi sensible ante a catástrofe dos lumes que viviron en primeira persoa, e que o día 16 sementará un futuro novo para os nosos montes.