Pais/Nais
Xornada Tecnolóxica no Verbum
admin — Mér, 11/05/2022 - 15:26
O alumnado de 4º da ESO que cursa as TIC tivo a oportunidade o pasado venres 6 de Maio de gozar dunha mañá de contacto coas novas tecnoloxías no espazo Verbum de Vigo que están a desenvolver alumn@s de último curso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. O alumnado estivo acompañado polos profesores do departamento de Tecnoloxía Nerea González-Lavín Sáenz del Castillo e Óscar Loeda Rivas xunto coa profesora do departamento de Lingua Galega Verónica Taboada Lorenzo.
Á entrada do recinto o noso grupo foi recibido moi amablemente pola directora da Escola de Telecomunicación Rebeca Pilar Díaz Redondo quen se dirixiu ao alumnado para realizar unha breve introdución sobre os contidos que iamos visitar. Aí indicóusenos que serían os propios alumn@s da Escola, agrupados en equipos de aprox. 5 integrantes, quen presentaría os proxectos nos que están a traballar no seu último ano de grao.
Cada un dos proxectos contaba co seu propio espazo e, o máis importante, poñían a dispor dos visitantes un prototipo co que poder probar os seus traballos. É digno de destacar dous aspectos desta visita, en primeiro lugar, o entusiasmo destes mozos futuros enxeñeir@s para presentar os seus proxectos e, en segundo lugar, o interese mostrado polo noso alumnado polo que alí estábaselles mostrando.
Tivemos a ocasión de ver en práctica proxectos realizados coas últimas tecnoloxías: captación de datos mediante sensores centralizados nun microcontrolador tipo arduino, motores eléctricos, dispositivos de transmisión wifi, software de intelixencia artificial para recoñecemento de persoas con e sen máscara, un sistema de pago mediante criptomoeda e moitas aplicacións tanto web como de apps móbiles, en definitiva, tecnoloxía de hoxe en día en estado puro!.
A visita programada de 90 minutos pasou voando e quedámonos tod@s con ganas de máis. Despois da despedida no salón de actos e dun pequeno agasallo fómonos cun gran sabor de boca e comentando qué proxecto ou prototipo máis nos gustou. A elección non era doada. Repetiremos!.
Esta xornada tecnolóxica estaba promovida pola Concellaría de Normalización Linguística do Concello de Vigo e contaba coa colaboración da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Grazas a todos eles por esta magnífica xornada que gozamos.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+