Pais/Nais
Fase I - Aprendizaxe
admin — Dom, 24/04/2022 - 12:06
Á fase I do proxecto quixémola denominar Fase de Aprendizaxe. Constitúe unha fase inicial previa á realización efectiva do proxecto que consideramos imprescindible xa que como indicabamos no primeiro artigo aproximadamente máis do 80% do noso alumnado non ten coñecementos de Scratch ou de programación en xeral. Con esta fase pretendiamos instruír ao noso alumnado cos coñecementos mínimos que lle permitisen desenvolverse con solvencia coa ferramenta e así poder avanzar nas seguintes fases.
Un dos dilemas que tivemos que solventar durante a posta a punto do proxecto era escoller o material para levar a cabo esta instrución e sobre todo a metodoloxía a empregar. Para este fin foi de gran axuda a experiencia dos nosos compañeiros da web Código Octopus. Unha web moi completa, ben traballada e organizada (e ademais, en galego) que nos serviu de inspiración para focalizar o arranque do proxecto e desta primeira fase en particular. Non só por que os exemplos que amosan son moi accesibles senón que, sobre todo, apuntan nunha dirección metodolóxica que considero a máis efectiva para levar a acabo a curto prazo na aula e con alumnado da ESO. Algo que, por outra banda, está bastante demostrado que funciona, Aprender-Facendo, e se o que fan está relacionado con temas de interese para o alumnado, máis doado será chegar a eles. Non ten moito sentido nestas idades pararse a mostrar exemplos de bloques de programación onde tentes facer ver que son os conceptos clave do Pensamento Computacional como son a abstracción, a xeneralización ou o algoritmo. Non fai falla poñerlles nome, deben facer e, eses conceptos, sen necesidade de dicirllo, aplicaranos. En idades posteriores podemos dar nome a iso que practicaron. A idea, neste inicio, é traballar en pequenas prácticas que ofrezan un resultado final inmediato, usando bloques concretos de programación a medida que se necesitan para resolver dita práctica. Para este fin Scratch é unha ferramenta que facilita enormemente este obxectivo, ademais de que a súa curva de aprendizaxe é sinxela, podes construír algo desde o minuto un. Para iso foi deseñada e ese é o seu gran éxito.
Non me quero esquecer da parte tamén fundamental que facilita Scratch, conectar ao alumnado para compartir ideas. Pero diso iremos falando pouco a pouco.
Unha vez decidida a metodoloxía atopar material base para comezar é máis sinxelo. Na propia web dos nosos compañeiros hai moito para partir de cero pero decidimos directamente irnmos ás tarxetas da MIT, son perfectas para o labor indicado, e ademais, están actualizadas á versión 3.0 de Scratch que é a que íamos utilizar.
Respecto á duración temporal para esta fase tiñámola programada para concluír xusto coa segunda avaliación, finais de febreiro, pero estabamos dispostos a flexibilizar a mesma, estendéndoa, se o considerabamos necesario. A agradable sorpresa foi que o alumnado, en xeral, amosou rápidamente unha solvencia inexperada coa ferramenta polo que non consideramos necesario estender este período máis alá. Tampouco marcamos metas para acabar as tarxetas. O alumnado iría ao seu propio ritmo e para aqueles que poidesen avanzar máis rápido habería tarxetas suficientes e, máis avanzadas, para desenvolver.
Para avaliar esta fase propuxemos ao alumnado un pequeno proxecto onde puxesen en práctiva o aprendido coas tarxetas ata un nivel que cubrise a todo o alumando. Deixando unha márxen para aquel alumnado que puidesen ofrecer algo máis, porque puido avanzar máis rápidamente neste coñecemento. Indicar que aqueles que puideron avanzar a outro ritmo non eran necesariamente os que xa coñecían Scratch.
O proxecto de avaliación desenvolveuse ao final da fase I e organizámolo en grupos de dous co fin de prácticar iso tan importante en Scratch como é o de compartir proxectos e, o máis importante, practicar a integración destes proxectos realizados por outros compañeiros.
Abaixo varias imaxes do alumnado traballando nas súas prácticas durante a semana de Entroido!! e tamén amosamos un video dunha das últimas sesións desta fase dedicadas a actividade avaliable.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+