Pais/Nais
DÍA DO LIBRO 2021
admin — Mér, 28/04/2021 - 20:21
Co gallo do Día do Libro 2021, o Departamento de Lingua castelá e Literatura organizou unha serie de actividades que se expuxeron en distintas localizacións do centro dende a semana pasada. O alumnado de 1º e 2º de ESO, axudados polo Departamento de Educación plástica e visual, confeccionaron as súas propias cartoneiras. Foi unha boa oportunidade de coñecer esta tendencia que algunhas editoriais alternativas promoveron sobre todo en Hispanoamérica dende 2003. A entrada do instituto encheuse así da cor e alegría que as portadas deseñadas polo alumnado achegaban. Por outra banda, o alumnado de 1º de ESO, en colaboración co Departamento de Lingua inglesa, imaxinou como serían as conversas de Whatsapp entre William Shakespeare e Miguel de Cervantes e expuxeron estas humorísticas “capturas de pantalla” nos taboleiros da entrada. En 3º e 4º de ESO o alumnado rendiu unha homenaxe á iniciativa da artista Nina Katchadourian, que deseñaba auténticos poemas a partir de títulos de libros. As mellores “lomopoesías”, que debían incluir algún título de Cervantes nos seus versos, foron escollidas para a decoración do frontal das escaleiras das distintas plantas do instituto. O alumnado de 1º de ESO D e B encargouse de debuxar unhas letras ben bonitas nesas bandas poéticas. Así mesmo, o Departamento de Lingua castelá propúxonos un reto colectivo: adivinar títulos de obras literarias a partires de emoticonas combinadas. A solución ó enigma desvelouse o venres, Día do Libro. O broche de ouro a todas estas actividades púxoo un concurso literario no que participou alumnado de 1º de ESO e que tivo como gañadores a Alicia Ama Ferreiro e a Sofía Llario Iglesias, de 1º ESO C. Os premios foron un lote de libros escollidos polo Departamento e dous vales para mercar na Casa do Libro. Moitas grazas a todos os que contribuistes para que este Día do Libro fose especial.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+