Pais/Nais
150 ANOS DA TÁBOA PERIÓDICA DOS ELEMENTOS QUÍMICOS
admin — Mar, 21/05/2019 - 01:11
Hai 150 anos, case simultaneamente, pero de forma independente, o científico ruso Dimitri Mendeleiev en 1869 e o alemán Lothar Meyer en 1870 presentaron a Táboa Periódica que se considera a precursora da actual. Nela, os elementos aparecían clasificados por orde crecente de masa atómica e agrupados por familias nas que parecían repetirse as propiedades químicas de forma periódica. Meyer, aínda que desenvolvera a súa táboa periódica independentemente, recoñeceu a prioridade de Mendeleiev.
Un dos méritos da Táboa de Mendeleiev foi que deixou ocos destinados a novos elementos que se descubrirían máis tarde, predicindo incluso algunhas das súas propiedades.
Sen embargo, nalgúns casos para que os elementos quedasen agrupados na familia que lles correspondía segundo as súas propiedades, foi necesario cambiar a orde establecida. O problema resolveuse en 1914 cando o científico británico Henry Moseley atopou unha maneira experimental de determinar o número atómico. Colocou os elementos en orde crecente de número atómico e observou que todos quedaban no lugar adecuado segundo as súas propiedades.
Para conmemorar a elaboración daquela primeira táboa periódica no seu 150 aniversario, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas e a Unesco proclamaron 2019 como Ano Internacional da Táboa Periódica.
Por este motivo, o Departamento de Física e Química do IES Rosais 2 promoveu unha exposición na que o alumnado de 3º de ESO elaborou unha curiosa Táboa Periódica na que os símbolos dos elementos químicos están representados en forma de xeroglíficos. Tamén se expoñen táboas periódicas tridimensionais e outras táboas peculiares: circulares, espirais, con imaxes representativas das propiedades dos elementos, coas nacionalidades dos descubrimentos dos elementos, ...
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+