Pais/Nais
Conferencias
O luns, 10 de febreiro, próximas xa as datas de remate do noso Ciclo de Orientación Académica e Profesional, recibimos a D. David Parada Leirós, co motivo de manter unha reunión informativa co alumnado de 2º de Bacharelato acerca dunha titulación ben demandada: Fisioterapia. D. David Parada demostrou amplamente a súa cualificación académica, pois non en van, ademais da titulación de Fisioterapeuta Deportivo, está especializado en Osteopatía e ten ademais a especialidade de Nutrición.
A primeira parte da charla consistiu na información acerca de conceptos prácticos, como é o caso das materias que se cursan e os obxectivos que conlevan, ademais das recomendacións do noso especialista cara ao alumnado, no sentido de que a opción de Fisioterapia debe contar co ánimo, entre os que desexen cursala, de buscar sempre máis aló do simple desenvolvemento profesional. Na segunda parte da charla, xa aberta a quenda de preguntas, foron moitas as cuestións que se lle formularon, mesmo aquelas que tiñan relación coa faceta de nutricionista que desenvolve, deixando desde logo en evidencia que a relación entre estilo de vida, saúde, movemento e nutrición están intimamente relacionados.
Xulio Fernández, profesor e investigador da ETS de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, a instancias do departamento de Tecnoloxía impartiu unha charla ao alumnado de TIC o venres 24 de xaneiro.
Xulio Fernández quen é autor de numerosos proxectos e coñecedor de cantidade de temas relacionados co campo da tecnoloxía da información e da comunicación tivo a amabilidade de aceptar impartir a charla sobre o seu libro "Consellos de amigo para alumnos universitaros".
Aínda que o noso alumnado se encontra cursando estudos non universitarios considerabamos que sería estupendo que Xulio Fernández fose ese "amigo" que che pode servir de axuda en momentos difíciles na vida estudantil.
Alguén que ten a capacidade de dar o seu tempo para facilitar a vida dos estudantes sería todo un regalo que estivese connosco a falarnos como "amigo". De aí o título da charla "Consellos de amigo".
Xulio Fernández abordou o cambio social esperable, a transición entre esta sociedade e unha nova sociedade, a indefensión aprendida, o test de intelixencia, a etiqueta do que nos sucede poñémola nós e a relación entre materia, enerxía, información e conciencia.
"Imaxinemos que somos unha praia con conciencia de praia" con estas palabras comezou Xulio Fernández a charla.
Visionouse o curto " Indefensión aprendida" tras o cal Xulio Fernandez comentou: "Vemos como, en cinco minutos, se pode danar a autoestima duns mozos e iso inflúe drasticamente no que eses mozos son capaces de facer" deste xeito abordou o tema da autoconciencia, ou o autocoñecemento, "trátase de facer o esforzo de ser conscientes de como nos afectan as cousas que nos pasan".
Xulio Fernández dixo "O mellor consello que vos dou é que tedes que ser conscientes".
Referiuse á revolución social que estamos a vivir "Estamos na revolución da información que difire das anteriores revolucións en que durará tan só 20 anos, todos os que estamos na charla morreremos na sociedade post información"
Mencionou "as cousas que nos pasan non son boas nin malas, somos nós os que as etiquetamos. Así ao responder á pregunta de que facer cando nos esforzamos moito para un exame e o resultado obtido é baixo comentou: "Tras unha experiencia dura, podemos quedar co malo da experiencia, e aferrarnos a iso malo que nos pasou. Tamén podemos aceptar que foi unha experiencia dura, que buscaremos non repetir, e gardalo na memoria como esa pasaxe da miña vida sen máis".
Ao ser preguntado sobre que consello daría a alguén que inicia os seus estudos universitarios respondeu: "Cando cheguedes á Universidade gozar"
O día 21 de xaneiro celebrouse no salón de actos unha charla informativa sobre o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, impartida por Dña. Mª José Agrafojo, do Departamento de Mercadotecnia do devandito centro.
Á charla asistiron numerosos alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, que seguiron con grande interese as explicacións sobre os estudos que se imparten no CSHG, requisitos de acceso, perfil profesional de cada un dos estudos, organización dos cursos, etc., así como reflexións e indicacións sobre o mundo laboral.
Ao final da charla os alumnos fixeron numerosas preguntas, o que corrobora que son estudos que espertan curiosidade e son bastante descoñecidos.
O pasado día 15 de xaneiro, D. Gonzalo Garre Rodas, profesor de Grao en ADE da escola de Negocios Novacaixagalicia presentou ó alumnado de 2º de Bacharelato, opción Ciencias Sociais, as características do único Grao en Administración e Dirección de Empresas de Galicia, con dobre titulación Internacional.Na charla-coloquio o relator destacou que neste Centro os estudantes son os verdadeiros protagonistas do proceso formativo e dese xeito conseguen gran capacitación para poder integrarse nos seus futuros equipos de traballo nas empresas.
O pasado día 16 de decembro o alumnado matriculado en 2º de Bacharelato de Ciencias Sociais tivo a oportunidade de coñecer todos os estudos, tanto de Grao como Másteres que poden cursarse na Universidade de Vigo, grazas á visita ao noso Centro de D. Ricardo Corderí, Xefe do Servizo de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Tamén os informou de bolsas, residencias e outros datos que necesitarán coñecer os futuros universitarios.
O pasado día 10 de decembro o alumnado de 2º de Bacharelato de Ciencias Sociais tivo a oportunidade de compartir un coloquio con Dª. María Dolores Ferrero, vicedecana da Facultade de CC Económicas e Empresariais, na que lles explicou as características dos diferentes Graos que se cursan nesta Facultade. Deste modo, o alumnado coñeceu a organización dos estudos, requisitos de acceso e características de idoneidade que debe ter o alumnado aspirante a estas titulacións.
O día 5 de decembro D. Hipólito Puente, vicedecano do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia ofreceu unha charla-coloquio ao alumnado de 2º de Bacharelato falándolles dos estudos de Psicoloxía, Pedagoxía e Maxisterio. O alumnado mostrou grande interés nas características destes graos, requisitos de acceso a estes e perfil persoal adecuado para acertar na elección destes estudos.
O día 20 de novembro a profesora D ª Carlota Sánchez Puga, deseñadora do plan de estudos da Escola de Negocios Caixanova e experta en Administración de Empresas levou a cabo unha magnífica charla-coloquio co alumnado de 2º de Bacharelato, achegando datos e información sobre as características e perfís que deberán ter os futuros profesionais para adecuarse aos novos empregos. Deste modo os estudantes puideron coñecer de primeira man, as necesidades curriculares nas que se terán que formar para adaptarse aos postos de traballo do mañá.
O día 11 de novembro o profesor D. Pedro Pablo Gallego, Catedrático da Facultad de Bioloxía da Universidade de Vigo e antigo Decano desta, como experto no proceso de adecuación dos estudos Universitario ao EEES (proceso de Bolonia) ofreceu unha charla-coloquio aos alumnos de 2º de BACH, informando e orientándoos cara aos estudos superiores de grao e postgrao que poderán cursar en próximos anos.
O luns, 28 de outubro, tivemos a sorte de que o profesor e investigador da ETS de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo Fernando Aguado, aceptase o convite do departamento de Tecnoloxía para impartir unha charla aos alumnos de TIC de primeiro de Bacharelato.
O profesor Aguado, quen practicamente non ten vacacións, dedicounos o seu tempo para falarnos dos "Nanosatélites e a participación da Universidade de Vigo no proxecto GEOCID".
Utilizando unha linguaxe clara e sinxela o profesor Aguado captou o interese do alumnado dende o principio, facendo posible que puidese seguir as súas explicacións sobre: orbitación dos satélites, leis de Kepler e elementos Keplerianos, tipos de orbita (LEO, GEO e HEO), niveis de radiación no espazo e a súa influencia nos satélites, elementos e fases dunha misión espacial, a importancia dun axeitado deseño e posterior verificación, os proxectos da ESA e os seus ciclos de vida, os laboratorios da Universidade de Vigo e os seus proxectos, como son: Xatcobeo, GENSO, ESEO e ESMO.
Grazas ás súas explicacións agora temos resposta a esas típicas preguntas que nalgunha ocasión nos formulamos, como: canto custa poñer en órbita un satélite, en que lugar debe ser lanzado ou que acontece co lixo espacial.
Na charla o profesor Aguado resaltou en varias ocasións a importancia da motivación e dun bo método de traballo.
Dirixiuse ao alumnado como "Vós sodes o futuro e moitos de vós teredes postos de responsabilidade dende os cales poderedes axudar á vosa cidade, Vigo".
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- seguinte ›
- última »
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+