Pais/Nais
Conferencias
O 11 de decembro organizouse o charla-coloquio "Protección Ambiental" para o alumnado de 3º de ESO.
Membros de Agareso deron a coñecer os problemas medioambientais e o proxecto que levan a cabo no Salvador.
Proxectouse un documental e realizouse un debate de como evitar os desastres naturais e como protexer o ámbito natural.
O venres 28 de novembro iniciouse o Ciclo de charlas de orientación profesional destinadas ao alumnado de 2º de Bacharelato coa charla-coloquio "Un futuro incerto: claves para o éxito académico".
Don Pedro Pablo Gallego, catedrático de Bioloxía vexetal e Ciencia do Solo na facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, foi o relator.
Cun ton cercano e ameno tratou de dar a coñecer ao alumnado as distintas opcións que teñen para elixir a súa carreira profesional.
Foron moitas as dubidas que formulou o alumnado, e tanto foi así que ao rematar a charla aínda quedaban moitos alumnos e mais alumnas rodeando ao relator facéndolle preguntas.
Temos que agradecerlle ao relator a amabilidade que mostrou quedando máis alá do tempo programado tratando de solventar todas as dúbidas.
O departamento de Economía organizou a charla-coloquio "Educación Cívico-Tributaria" para o alumnado de Economía de 1º de Bacharelato.
O relator, Guillermo Súris, captou a atención do alumnado desde o primeiro momento.
O 21 de novembro tivo lugar no noso centro a charla-coloquio "A túa seguridade é o noso compromiso"; destinada ao alumnado de 2º de Bacharelato.
Organizada polo Vithas hospital Nuestra Señora de Fatima en colaboración coa DGT e a unidade de Educación Vial da Policia Local de Vigo.
Tratouse de temas tan importantes como: Siniestralidade, custes, adolescencia e tráfico, ferramentas preventivas, factores de risco(alcohol, drogas, velocidade, distraccións), peóns e responsabilidade.
Emilio de Villota, quen é un referente no mundo do automobilismo, actuo como embaixador.
O pasado xoves 6 de novembro, xunto co alumnado de 2º da ESO puidemos gozar dunha amena charla da tan premiada escritora Fina Casalderrey, despois de termos lido o seu libro A Pomba e o Degolado.
O seminario de tecnoloxía organizo a charla "Navega con rumbo" para os alumnos de TIC de 1º de Bacharelato o luns 19 de maio.
O enxeñeiro informático Iván Luis Vázquez foi quen impartiu a charla.
Captando a atención do alumnado dende un inicio, falou da importancia de coñecer as vantaxes e os perigos que implica facer un uso incorrecto da Internet.
Fixo fincapé en que coñecer e previr son fundamentos clave para navegar seguro por Internet e ao utilizar calquera medio actual de comunicación, como pode ser WhatsApp.
Tratou temas como: os spam, os hoax ou contos, o phishing, o ciberbulling, o grooming, as redes de intercambio-P2P, dun xeito claro, indicando os pasos que se deben seguir no caso de que se fose vítima dalgún deles.
Finalizou a charla con recomendacións para non ter ningún problema á hora de utilizar Internet: uso de contrasinal axeitado, coidar a privacidade, ser respectuoso cos demais, utilizar antivirus, entre outras.
Quedamos con esta frase:
"Non fagas en Internet o que non farías na vida real".
O xoves, 15 de maio, o alumnado de 2º curso da ESO tivemos o privilexio de disfrutar da presenza de Ledicia Costas, a autora de O corazón de Xúpiter, esa novela que nos engaiolou a todos e, sobre todo, a todas dende o primeiro momento.
Que non podiamos parar de ler pola intriga de descubrir quen era Xúpiter e como acabaría aquela relación cibernética coa protagonista.
Que algúns lemos dunha tirada na tarde do domingo anterior ao exame.
Que outros lemos dúas veces de tanto que nos gustou.
Que varios recomendamos a familiares e amigos para facelos partícipes das nosas emocións.
Que nos indignou cando descubrimos o tráxico final, que non estabamos dispostos a aceptar por nada do mundo, por consideralo inxusto e cruel.
Que nos revolveu as entrañas facéndonos sentir todo tipo de emocións, dende u odio ao amor, pasando polo medo; dende a rabia e a impotencia á compaixón e á comprensión.
Pero, sobre todo, que nos permitiu identificarnos, vernos a nós mesmos/as cara a cara coa realidade da vida, mesmo nos seus aspectos máis duros, nos seus momentos máis intensos:
O amor, o desamor, a primeira relación, o acoso escolar, a amizade, as relacións con persoas doutro sexo, a droga, a familia, a morte, a morte na flor da vida…. Todo un cóctel, no que non falta ningún ingrediente da adolescencia do noso tempo, perfectamente remexido e contado de xeito áxil e natural, para facernos pensar, discutir, reflexionar … para facernos sentir o pulso vital.
En definitiva, para axudarnos a medrar.
Moitas grazas Ledicia!!!
O luns, 12 de maio, acudiu ao noso Instituto Manuel Núñéz Singala, escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Núñez Singala dirixiu unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato, a instancias do Departamento de Lingua e Literatura Galega. A charla xirou arredor de “Conceptos básicos de Sociolingüística”, un tema que en anteriores ocasións se dirixira aos cursos de 2º de Bacharelato. Esta temática é moi importante no curso de 2º, e deste xeito faise unha preparación para que o alumnado se vaia familiarizando coa área da Sociolingüística, que tanto peso terá na preparación para as probas de acceso á Universidade. Núñez Singala fixo un percorrido polos conceptos fundamentais sociolingüísticas, intentando que o alumnado fose quen de profundizar e reflexionar acerca dos prexuízos lingüísticos e co que estes provocan. O autor da obra Comedia Bífida, ben coñecida no nivel de 2º de Bacharelato, fixo dos conceptos unha charla amena, comprensible e moi entretida.
O día 10 de marzo de 2014, o alumnado de 2º ESO asistimos a unha interesante e didáctica charla-coloquio co autor de Un bosque cheo de faias, Francisco Castro. Para algúns de nós, Francisco é moito máis ca un escritor: é un veciño, o pai do noso amigo, o pai dun exalumno do centro, xa un asiduo do noso IES e, ante todo, un amigo entrañable sempre disposto a botarnos unha man coa súa morna pedagoxía, especialmente cando se trata de animación á lectura. Lectura, a súa, sempre comprometida, con afán de facernos cidadáns críticos, responsables, sensibles… En definitiva, facernos máis humanos e mellores persoas.
En Un bosque cheo de faias, o compromiso é coa sensibilización dos adolescentes ante o racismo, a discriminación por calquera razón, ou mellor dito, sen razón; os neonazis, que actúan desta volta nun espazo literario doadamente recoñecido por nós, supostamente a nosa cidade.
Pasamos unha tarde de luns amena e diferente. Un grupo de alumnos e alumnas sorprendeunos a todos e, especialmente ao autor, cunha pequena representación teatral adaptando anacos dalgunhas das súas obras xa coñecidas por nós. Así, polo escenario desfilaron personaxes como Paulo, o neno protagonista da novela Chamádeme Simbad, que non entende o que lle está a pasar ao seu avó enfermo de alzhéimer; o avó demenciado, que se fai pasar polo capitán dos Sete Mares e só confía no seu neto, para el Simbad; Nelson, o adolescente negro agredido polos neonazis; os amigos de Nelson e tamén o seu agresor, Caride, entre outros.
A presentación do autor correu a cargo do golfiño protagonista da súa novela, O ceoo dos afogados.
Unha vez máis, Francisco engaiolounos coa súa conversa salpicada de humor, amena e lúdica; ao tempo que reflexiva e profunda.
Grazas, Francisco.
O alumnado de 3º ESO, 4º ESO B e 4º ESO C gozaron dunha conferencia en inglés na que aprenderon moitas cousas sobre o estado de California, a cargo do relator Kevin Birmingham. A conferencia tivo lugar o venres, 7 de marzo, no Salón de Actos do noso Centro por xentileza de Global Project.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- seguinte ›
- última »
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+