Pais/Nais
Conmemoracións
A MUIÑEIRA DAS LETRAS.
admin — Sáb, 15/05/2021 - 20:29
Hai moitas maneiras de celebrar as cousas pero unha das mellores e máis divertidas é bailando. Despois de días e recreos a tope de ensaios o venres 14 chegou o gran momento: a muiñeira das Letras, nas que rapazada de distintos cursos da ESO bailou no patio ao ritmo da muiñeira do Morrazo interpretada polo gaiteiro Germán, alumno de cuarto. Foi unha fantástica experiencia e saíulles moi ben, asi que prometemos repetir.
RECITAL DE XELA ARIAS
admin — Mér, 12/05/2021 - 19:59
Para coñecer algúns dos poemas de Xela Arias nada mellor que facelo na voz de alumnado do centro, neste caso de rapazas e rapaces de 4º A, que acompañados de música e fotografías ensínannos unha pequena mostra desta gran poeta
DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS NAS TIC.
admin — Ven, 07/05/2021 - 17:45
DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS NAS TIC
O alumnado de Cultura Científica de 1º BAC participou na charla/obradoiro POR QUE “NACÍN” ENXEÑEIRA? Coa axuda de enigmas e xogos, a investigadora Eva Cernadas viaxa pola vida dalgunhas inventoras da historia, e da súa propia, para debullar polo miúdo as motivacións que levan as mulleres a dedicarse profesionalmente a enxeñería. A actividade estivo a cargo de María Collazo, profesora do Departamento de Física e Química.
Relator: Eva Cernadas, investigadora vinculada ao CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).
HOMENAXEADOS DAS LETRAS GALEGAS
admin — Ven, 07/05/2021 - 17:17
E se coñecemos aos homenaxeados/as das Letras Galegas dun xeito divertido a través das portadas dalgúns dos seus libros? Velaquí a nova proposta de Lingualízate!
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS.
admin — Ven, 07/05/2021 - 12:52
O día das Letras Galegas deste ano está adicado á poeta Xela Arias. Para coñecermos un pouco máis dela o alumnado de 4ºA preparou unha pequena exposición, onde podemos saber da súa vida, cales son os seus libros ou ler algún dos seus poemas, así como un pequeno percorrido por algunhas das súas fotos.
DÍA DO LIBRO 2021
admin — Mér, 28/04/2021 - 20:21
Co gallo do Día do Libro 2021, o Departamento de Lingua castelá e Literatura organizou unha serie de actividades que se expuxeron en distintas localizacións do centro dende a semana pasada. O alumnado de 1º e 2º de ESO, axudados polo Departamento de Educación plástica e visual, confeccionaron as súas propias cartoneiras. Foi unha boa oportunidade de coñecer esta tendencia que algunhas editoriais alternativas promoveron sobre todo en Hispanoamérica dende 2003. A entrada do instituto encheuse así da cor e alegría que as portadas deseñadas polo alumnado achegaban. Por outra banda, o alumnado de 1º de ESO, en colaboración co Departamento de Lingua inglesa, imaxinou como serían as conversas de Whatsapp entre William Shakespeare e Miguel de Cervantes e expuxeron estas humorísticas “capturas de pantalla” nos taboleiros da entrada. En 3º e 4º de ESO o alumnado rendiu unha homenaxe á iniciativa da artista Nina Katchadourian, que deseñaba auténticos poemas a partir de títulos de libros. As mellores “lomopoesías”, que debían incluir algún título de Cervantes nos seus versos, foron escollidas para a decoración do frontal das escaleiras das distintas plantas do instituto. O alumnado de 1º de ESO D e B encargouse de debuxar unhas letras ben bonitas nesas bandas poéticas. Así mesmo, o Departamento de Lingua castelá propúxonos un reto colectivo: adivinar títulos de obras literarias a partires de emoticonas combinadas. A solución ó enigma desvelouse o venres, Día do Libro. O broche de ouro a todas estas actividades púxoo un concurso literario no que participou alumnado de 1º de ESO e que tivo como gañadores a Alicia Ama Ferreiro e a Sofía Llario Iglesias, de 1º ESO C. Os premios foron un lote de libros escollidos polo Departamento e dous vales para mercar na Casa do Libro. Moitas grazas a todos os que contribuistes para que este Día do Libro fose especial.
OBRADOIRO DE POESÍA
admin — Xov, 25/03/2021 - 19:13
DÍA DA POESÍA
O pasado domingo 21 de marzo foi o día mundial da poesía e para celebralo, que mellor forma que recibindo a visita este luns da profesora e poeta Carmen Quinteiro? Acercouse ás clases de 1º de ESO para falarnos de poesía, que, en esencia, é falar da vida, do que nos doe e o que nos marca, pero tamén do que nos emociona e nos fai felices. E non tratamos nesa tarde nada que tivese que ver con métrica nin rima, nin con figuras retóricas, nin con tipos de versos, senón con emocións. Falounos da tristeza e a desolación e de como a escritura pode converterse na mellor terapia para deixar saír as emocións, esas que cada poeta decide compartir con nos, de forma que deixan de pertencerlle para ser de todos. A poesía en esencia é emoción, dor, felicidade, nostalxia, amor e todo iso son emocións da vida que todos nalgún momento pasamos, polo que a poesía non está nos libros, está no noso interior, en cada un de nos, so hai que atreverse a deixala fluír. Carmen quedou cuarta finalista na última edición dos premios EDUCA ABANCA e tivo a xenerosidade de regalarnos para o instituto dous exemplares dos seus libros. Grazas, Carmen, e grazas a todos os que cada día convertedes o cotiá en arte e nos axudades a sentir e percibir todos os aspectos do mundo. Este obradoiro organizouno Ángela Chantrero, profesora do Departamento de Lingua Castelá.
DÍA DA POESÍA
admin — Xov, 25/03/2021 - 08:58
DÍA DA POESÍA
O 21 de marzo é o día da poesía, o dos bosques, o do Síndrome de Down e contra o racismo así que dende Lingualízate, o Equipo de Dinamización Lingüística, decidimos facer un pequeno recital online con estas temáticas, e colgar estes poemas no corredor da ESO xunto a algunha fotografía para poder ler un xénero non tan habitual entre a rapazada.
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
admin — Mér, 10/03/2021 - 19:51
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
A semana pasada Carlos García Movilla, profesor do Departamento de Plástica, organizou un taller de estampado de camisetas con deseños feitos por alumnado do centro para o día 8 de marzo. Ademais, o grupo de Igualdade e o de Dinamización Lingüística do instituto, organizou unha actividade para dar visibilidade a mulleres galegas pioneiras en diversos ámbitos. O alumnado buscou información sobre elas, fixeron vídeos sobre as súas vidas e cada un dos grupos da ESO decorou as portas da súa aula inspirándose nunha desas mulleres.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+