Visita de Xavier Alcalá

O día 10 de Febreiro recibimos a visita de Xavier Alcalá. Desde éstas páxinas queremos agradecerlle a súa boa disposición para acudir ao nosos centro desinteresada e amablemente. Sabíamos que non ía ser fácil debido á súa axenda laboral. De feito, houbo que adiar a charla en dúas ocasións por imprevistos de última hora.

Xavier Alcalá estivo cos alumnos de 2º de BAC. Velaí unha mostra das súas opinións.

Xavier Alcalá pareceume un persoeiro curioso, defensor do galego. Non podo xulgalo como narrador pois non coñezo a súa obra, pero se tiña algunha intención de ler a Saramago ou a Cela, o certo é que se me quitaron todas, xa que segundo el o recoñecemento dun nobel non significa nada. O certo é que co de Cela estou algo de acordo, pois un galego renegado non é un galego.Polo demais, é un home que viaxou moito e é un políglota. Sabe falar en italiano, un pouco de francés, inglés, portugués, castelán e galego, que non olvida a pesar do seu traballo en Bruxelas. Seguramente saiba e chapurree algún idioma máis. É enxeñeiro en telecomunicacións e traballou sempre para multinacionais. Velaquí o motivo das súas continuas mudanzas arredor do mundo e do seu continuo afán por aprender novas linguas.

Xavier Díaz López

 

 

O pasado mércores 10 de febreiro, Xavier Alcalá (escritor en lingua galega e enxeñeiro de telecomunicacións) acudiu ó IES Río Cabe para dar unha conferencia ós rapaces e rapazas de Bacharelato. Cabe dicir que a súa actuación, na miña opinión, deixou moito que desexar. Segundo entendín a charla, o tema principal para o señor Alcalá foi a loanza da súa figura. Empregando unha linguaxe descortés e vulgar, foi criticando a figuras da literatura portuguesa ou galega como Saramago ou Méndez Ferrín ó tempo que facía alarde das súas exitosas publicacións. Finalmente, e non comprendo aínda o motivo, fixo varios comentarios que resultaban ofensivos. Non sei ben se foron bromas ou se trataba de mostrarnos algo, pero a realidade é que deixou unha mala imaxe ante os rapaces e rapazas cos que tratou na súa conferencia. Coido que coma nós debemos reflexionar acerca das súas palabras, el tamén debería reflexionar acerca da súa actitude e meditar se é a apropiada para outras conferencias similares. 

Darío Touzón Mondelo, 2º BAC

 

  

 

Xavier Alcalá, escritor de libros como A nosa cinza, veuoutro día ó noso instituto e deixounos impresionados por non dicir impactados.  Nada máis comezar deixou clara a súa perspectiva de defensor dunha lingua de referencia e dunha orgullosa “mente cartesiana”.  Ante o tema da mente cartesiana, el relataba unha historia na que se contaba como nun dos seus exames varios alumnos lle puxeran a palabra robusted. Ante este feito el usábao como un argumento para non discernir os módulos que hoxe en día se estudan en bacharelato. Concretamente el dicía, “Non hai nin ciencias nin letras”. Mediante esta frase o que pretende reivindicar é o feito de un alumno que curse unha enxeñería non pode aparcar a lingua nin a súa correspondente ortografía. Cando acabou de comentar este primeiro feito da palabra robusted enlazou cun escritor moi famoso como é Saramago, e criticouno duramente por non usar unha correcta ortografía, xa que non usa nin puntos nin comas. Pero eu propoñeríalle o reto de intentar escribir un libro sen puntos nin comas. Probablemente non sería capaz, porque os seus recursos literarios non  alcanzarían o suficiente nivel como para poder facelo. Por outro lado, pareceume que este señor ademais de ser pouco humilde (algo que non lle viría nada mal selo), debe divertirse criticando á xente, porque pasou case todo a hora chamando imbéciles ós que non seguen as súas pautas na escrita. Dende a miña opinión, somos todos suficientemente maiorciños como para deixar a cada un facer o que queira e non criticalo por non seguir unha liña de regras e leis de escritura. Ademais, se el ten razón non lle deberían de preocupar as vendas dos libros de Saramago, xa que ninguén os debería de comprar segundo os seus argumentos (cousa que eu dubido en gran medida).

Por outro lado, el tamén desenvolveu o tema da lingua de referencia, o que vén a conto de saber ben un idioma e non o deixar de lado por estudar outro que ten máis sona internacional ou está de moda. Mediante este argumento da lingua de referencia meteuse de paso coa ensinanza e incluso criticaba duramente o sistema educativo actual, facendo referencia ás numerosas probas que antes se tiñan que facer, e mesmo dicía que se esas numerosas probas que se facían antes se fixeran hoxe, as universidades quedarían sen xente.

Iván Rodríguez Varela, 2º BAC

  

 

Xavier Alcalá é un ilustre escritor español en lingua galega, tamén enxeñeiro en telecomunicacións, que o pasado mércores 10 de febreiro, acudiu ó IES Río Cabe a dar unha conferencia. A súa intervención resultoume un tanto decepcionante xa que, como anteriormente nos fora comunicado, a charla ía a versar principalmente das TiC’s (Tecnoloxías da Información e Comunicación), tema que apenas mencionou, e en vez diso, o escritor adicouse a facer múltiples críticas acerca doutros escritores moito máis prestixiosos ca el (Saramago, Ferrín…), o que me resultou unha gran falta de respecto. Resumindo, a súa intervención pareceume totalmente lamentable. Ademais diso, non teño aínda moi claro se ben pretendendo facerse o gracioso ou ben intentando gañarse a nosa confianza, fixo un milleiro de comentarios que en moitos casos resultaron un tanto ofensivos e incoherentes. Cabe dicir que se o que pretendía era gabarse acerca dos seus méritos persoais (os cales son de admirar), abofé que o conseguiu, pero na miña opinión, penso que esa non era nin a principal finalidade nin o lugar adecuado para facelo.

Mar López Rodríguez

 

 

O pasado día 11 de febreiro o consagrado escritor Xavier Alcalá visitou o noso instituto para darnos unha animada charla na que falou un pouco de todo. Enxeñeiro de Telecomunicacións, cunha gran mente científica e ademais escritor moi valorado, demostrounos que non hai xente de letras nin de ciencias, senón que todos somos capaces de resolver ecuacións matemáticas con enxeño e tamén de compor poemas de amor.

 Coas súas andanzas e anécdotas fíxonos rir, sempre co fin de deixar unha pegada en nós e unha aprendizaje para o noso futuro, cuxas portas están a piques de abrirse. Tamén nos falou da lingua, e de como alguén  non nado na nos aterra pode chegar a amar a nosa lingua como un nativo máis e cultivar nela, pois coma el mesmo di o importante é ter unha lingua de referencia na que poder pensar.

Rematou dando a súa opinión sobre a implantación do trilingüismo nas aulas. Contounos unha anécdota máis describíndonos o caso dun amigo esloveno ao que lle preguntou que é máis importante, saber facer ecuacións diferenciais en esloveno ou dicir catro imbecilidades en inglés? Con esta pregunta, convidando á reflexión, rematou Xavier Alcalá a súa visita, dende longo recordada e admirada polos que a ela asistimos.

 Miriam Rodríguez Losada  No noso centro tivemos a posibilidade de escoitar en primeira persoa a un gran escritor castelán, pero que se adaptou á perfección ao idioma galego.

É sorprendente o currículum que posúe Xavier Alcalá. Aparte da titulación en Telecomunicacións, ten unha ampla experiencia laboral, tanto a nivel nacional como internacional. Pero, a verdade é que a súa prepotencia, pedantería e desprestixio ante outros grandes escritores galegos déixame moito que pensar. Mostroume a súa falta de humildade e respecto ante  os seus compañeiros de profesión e, debido a isto, non valorei tanto a súa opinión. Pero, a pesar disto, estou de acordo en dous puntos referidos ás linguas.

En primeiro lugar, ter unha lingua base é esencial xa que temos unha lingua na que pensamos continuamente e acudimos nun momento de descoñecemento.

E en segundo lugar, dende o meu punto de vista, coñecer moitas linguas axúdanos a formarnos como persoas. É algo paralelo á evolución do ser humano e facilitan a comunicación coas diferentes etnias, razas e persoas do mundo.

María Álvarez Casal

O pasado mércores tivemos a visita do “famoso” escritor conquense Xavier Alcalá. Ademais de ser escritor é Enxeñeiro en Telecomunicacións e profesor en Informática , tivo infinidade de traballos; dende Gaélica (Empresa galega de enerxías renovábeis) ata traballar en Bruxelas en I+D+I. Debido a isto viaxou moito e isto pódese apreciar en varios dos seus libros.  O tema da charla era o galego e as TICs que a base de anécdotas foi tocando lixeiramente. Xavier Alcalá parecía que defendía o galego pero dunha forma tan peculiar que en canto de atraer aos castelanfalantes ao eido do galego provocáballes un rexeitamento aínda máis fondo. Puido ser debido á súa actitude acedamente crítica ou a súa prepotencia ante uns rapaces que non alcanzabamos nin a cuarta parte da súa idade.Trátase dun home cunha vida moi interesantee unhas boas obras,pero non pode andar criticando escritores tan famosos e exitosos como por exemplo Xosé Saramago ou Méndez Ferrín. Eu penso que xa lle chegará a fama co tempo se é que lle ten que chegar. 

Iván Pérez Blanco, 2º BAC  

 

Entrevista 

-Onde transcurriu a túa infancia?

-Ao principio en Miguelturra e algo en Ciudad Real, do que teño vagas lembranzas, supoño que realimentadas polos meus pais. Lembro xa claramente a "Porta Nova" de Ferrol, cando comezaba a converterse na Praza de España (a miña casa estaba rodeada de leiras aínda, a comezos dos anos 50). Desde os sete anos fun moito a Pontedeume e Cabanas; e, a partir dos dez, vivín boa parte do ano (todas as vacacións e as fins de semana) na praia Madalena. Fun acólito da igrexa de San Martiño do Porto, e da capela da Madalena (concello de Cabanas). 

-Que estudos realizaches despois de rematar o bacharelato?

-Comecei a estudar Arguitectura. Desilusionado, pasei a Ciencias Físicas. Daquela abriuse a Escola de Telecomunicación ao lado desa Facultade e, convencido da importancia das comunicacións, paseime á física aplicada a elas: fixen a carreira na nova escola e especialiceime en Comunicacións. Despois fixen os cursos de doutoramento en Informática, e a tese correspondente no campo da Enxeñería Telemática. 

-Fainos un resumo da túa traxectoria laboral.

-Comecei a traballar en 1972 como "estagiário" nunha empresa inglesa en Lisboa que fabricaba conmutadores de telefonía. Despois traballei nunha italiana que fabricaba equipamento de radioenlaces. Despois pasei a unha hispano-americana de electromedicina, polo que tiven que pasar tempadas nos EE.UU e en Holanda. Desa pasei a unha francesa de radioloxía con sede en París... Como quería establecerme en Galicia, deixei os franceses e entrei en Hispano Electrónica, pasando outra tempada nos EE.UU. para poderme facer cargo dun sistema informático especial para proxecto e construción de barcos. Nesta empresa cheguei a ser o director rexional en Galicia. De aí saín para montar unha empresa de enerxías alternativas, GAÉLICO, na que me arruinei porque, como aprendín dos ianquis "aos pioneiros sempre os matan os indios". A seguir pasei a ser o delegado en Galicia da empresa de enxeñería da Telefónico. Iso coincidiu coa creación da RG e da TVG. Como estaba traballando nas montaxes da Radio e da Televisión de Galicia, contratáronme como director técnico da CRTVG. Alí pasei tres anos moi interesantes, ata que se me acabou a excedencia na empresa de enxeñería, SINTEL; á que volvín como director da zona Noroeste de España.No ano 95 ofrecéronme un posto de profesor asociado no Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da Coruña; e outro de director técnico do Centro de Innovación e Servizos de Ferrol. Compaxinei eses postos ata o 2003. Daquela, sen deixar a Facultade, pasei a traballar como conselleiro nunha empresa galega de telemática, Emtel. No 2006 pasei a dirixir a Oficina de Programas Internacionais de I+D+i da consellería de Innovación e Industria... 

-En que consiste o teu traballo en I+D+I?

-En promocionar a participación de empresas e entidades galegas en proxectos multinacionais subvencionados pola Comisión Europea, que é a administración da Unión. A Oficina ten escritorios en Ferrol e Bruxelas, con persoal especializado en detección de propostas e creación de consorcios internacionais. O noso obxectivo é que o diñeiro das subvencións "retorne" a Galicia, e que Galicia se proxecte no mapa europeo da innovación. 

-Cal é a situación das telecomunicacións en Galicia?

-Desde o punto de vista dos servizos, un país avanzado, cunha eiva: o acceso de alta velocidade á interrede global (Internet) por culpa da súa dispersión poboacional.Desde o punto de vista da enxeñería e a industria, un país desequilibrado, con empresas notorias (velaí Televés) e falta de iniciativa para crear outras, sendo as telecomunicacións un sector "ubicuo" no mundo.Desde o punto de vista formativo, unha pena: conta con escolas e facultades que preparan a alto nivel grande cantidade de emigrantes potenciais. Os rapaces marchan a feixes. 

-Cal é a situación da literatura galega?

-Non sei case nada máis que da prosa; e dela opino: seica os narradores galegos non son capaces de facer a épica do seu país. Hai demasiada narración sobre "interiores" (historias de andar pola casa) e falta quen se ocupe das xestas mariñas dos galegos e das infinitas historias da emigración, para pórmos exemplos do que non se narra.Á parte, nótase que a maioría dos narradores galegos só leron a penas en castelán. Nin sequera leron en portugués. Iso converte a narrativa galega en provinciana, imitadora das modas que marca Madrid, aínda que sexa escrita en idioma diferente. 

-Cales foron os teus primeiros contactos coa literatura?

-A prosa de Verne e Salgari, sen dúbida.

 -Que ten que ver un enxeñeiro en telecomunicaición cun escritor?

-Cando lle preguntaron a Fernando Namora, o grande romancista portugués, se era máis médico ou máis escritor, respondeu "Eu sou um médico que escreve". Valla esa resposta para min, aplicada á telemática da miña profesión (e vocación, ao tempo). 

-Cal dos teus libros che causou maior satisfacción a nivel persoal?

-Nos pagos de Huinca Loo. É a miña mellor novela, aínda que non tivese éxito de mercado. 

-Escribir é unha profesión ou unha afección?

-Como diría Carlos Casares, non se debe vivir de escribir. Resta liberdade. 

-Por que escribes?

-Porque estou moderadamente tolo. Os escritores somos uns psicópatas que se equilibran co exercicio da escritura. 

-Para quen escribes?-Quixera facelo para todos os humanos. 

-Pensas nos posibles lectores cando escribes?

-Penso cando escribo artigos, claro. 

-Tes algún método para escribir?

-Teño: estruturo sistematicamente as narracións, sobre todo as que conteñen intriga. 

-Escribir é unha forma de coñecemento?

-De aprendizaxe, diría eu. 

-Cal foi a túa experiencia máis afortunada coa escritura? E a máis desafortunada?

-Parece ser que A nosa cinza foi a máis rendible en termos de público. A máis desafortunada, se cadra, e como xa dixen, Nos pagos de Huinca Loo. 

-Cal é o teu novo proxecto literario?-Unha historia de emigración e intriga.

 -Canto influíu na túa vida a literatura?

-Non moito máis que na de calquera lector curioso. 

 -Como ves o futuro da lingua galega?

-Mal, porque os galegos non se decatan de que son a orixe dun enorme mundo cultural que naceu aquí. Seguen convencidos de que o galego é cousa de aldea, e de que non paga a pena vivir na aldea. 

-Cal é a túa postura respecto do Decreto de Bilingüismo?

-Para que Galicia funcione, a xente ten que ter unha lingua de unión verdadeira, e esa é a patrimonial, o galego. O castelán é unha lingua imposta (véxase como a impuxo, brutalmente, a Igrexa). O bilingüismo é unha quimera. Pode haber diglosia consciente, pero nunca bilingüismo. Outra cousa é que o castelán (que é o meu primeiro idioma, e non contaminado pois os meus pais o falaban correctamente, sen galeguismos) sexa un grande idioma de proxección universal; pero non moito máis có galaico-luso-brasileiro (o futuro da ciencia e tecnoloxía non se escribe en "español" senón en portugués do Brasil). 

-Como te definirías como escritor?

-Un contador de historias, nunca un literato. 

-Que impresión cres que lle causaches aos rapaces, despois de dicirlles cousas como que o actual sistema educativo era máis "suave" có de antes?

-Se cadra, asusteinos. Pero que tomen nota, porque con molezas non se vai a ningures. 

-Que pretendes criticando o labor doutros escritores consagrados como Saramago ou Ferrín?

-Dicir verdades. O Saramago é un pesado sen graza e o Ferrín un escaso e desafortunado narrador. 

-Como é a relación cos teus alumnos universitarios?

-Quérenme ben, en xeral. Saben que sempre estou disposto a discutir. A algún non lle gusta a miña esixencia en termos de exactitude. Pero o que eu ensino non dá marxe ao erro: é pura matemática aplicada. 

-Por que escribes en galego, tendo en conta que quizais en castelán tiveses máis recoñecemento ou máis difusión?

-Porque me metín nunha batalla: a de demostrar que a Literatura está por cima das linguas. Ao parecer, estou equivocado. Pero é unha batalla na que non estou só, e a verdade acaba impóndose. 

-Para finalizar, unhas palabras para os rapaces e rapazas que nos acompañaron na charla.

-Que non hai nin Ciencias nin Letras, senón curiosidade intelectual. Que lean moito, en cantos máis idiomas, mellor. E que perdoen se a miña impertinancia natural ofendeu a algún.  

María Xesús Vila e alumnos de 2ºA de BAC