C.S. GUÍAS, INFORMACIÓN E ASISTENCIA TURÍSTICA
O primeiro desprazamento tivo á cidade ourensá como destino. O motivo, visitar o 22º Encontro internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia.
Na visita á Feira familiarizámonos cos destinos termais nacionais e internacionais presentes no evento, ademais de coñecer unha importante oferta de balnearios, talasos e centros de spa de todo o mundo.
No mes de outubro non quixemos perdernos as visitas guiadas pola nosa compañeira Paula Verao nos Escolapios. Co seu bo facer mostrounos a igrexa de Nosa Señora da Antiga, o claustro e a pinacoteca.
Nunca deixa de impresionarnos a escaleira monumental con chanzos dunha soa peza, a estatua do cardenal Rodrigo de Castro -de Juan de Bolonia-, o retablo de madeira de nogueira do altar maior -traballo comezado por Francisco de Moure-, o Cristo de mármore, a pintura ao óleo de El Greco “Aparición de la Virgen a San Lorenzo”,…
Grazas, Paula! Encántounos o teu relato!
Rematamos o mes cunha saída a San Xoán de Tor para visitar unha casa solariega, o Pazo de Tor.
É todo un privilexio poder ver o edificio e todos os mobles, pertenzas, obras de arte, … tal e como o deixou a súa última propietaria, Maripaz Taboada de Andrés y Zúñiga.
Foi ela quen donou o pazo á Deputación de Lugo para que se conservara como museo, e cumprindo o seu desexo abriu como tal en 2006 formando parte da Rede Museística Provincial de Lugo.
Se xa fai tempo que o visitástedes non deixedes de volver para coñecer a parte inferior da vivenda, agora aberta ao público, que albergaba os cuartos do servizo.
Unha boa opción para coñecer a vida nos pazos galegos!