Entrevista a Obdulia Rodríguez,"Lula", referente da olería de Gundivós
O martes 2 de febreiro pola tarde, unha representación do alumnado de 3º ESO (Alejandro de 3ºA e Paula, Sabela e Gabriela de 3ºB) xunto con dúas das súas profesoras, desprazáronse ata a casa de Obdulia Rodríguez (máis coñecida como Lula), oleira xa xubilada de Gundivós, para facerlle unha entrevista. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta “Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra” que neste curso estuda a olería no concello de Sober, centrándonos na parroquia de Gundivós, na que Lula desempeñou un papel fundamental.
Lula recibiunos na entrada da súa casa onde ten un auténtico museo no que garda, en estantes e moi ben colocadiñas, gran variedade de pezas das que ela elaboraba. Explicounos como se chamaba cada unha delas e para que se usaban (dende o meleiro, a chocolateira, o xarro “abuelo”, o boleiro, maceteiros, escorrecubas, olas para mazar o leite, para traer auga, ámboas para o viño, etc.), onde ían buscar o barro xa que en Gundivós non había, como o traían en carros, o duro que era o traballo de oleiro, como funcionaba o torno baixo, etc. Explicounos tamén un pouquiño da súa vida: que tiña 12 anos cando empezou a traballar o barro, que lle ensinou unha tía súa o oficio cando esta casou, que estivo emigrada uns anos en Suíza e ao volver retomou o oficio, etc. Ao final da entrevista Alejandro preguntoulle: “se se puidera viaxar ao pasado, volvería elixir esta profesión?”. Sen dubidar nin un segundo contestou cun rotundo “si”, e iso a pesar da dureza do traballo de oleiro na súa época!
Moito foi o que aprendemos con esta actividade, e sobre todo tivemos o pracer de coñecer e entrevistar a unha muller forte, emprendedora, traballadora, decidida, amante da súa profesión, que aos seus case 95 anos segue tendo as ideas moi moi claras. A mágoa foi non poder realizar esta actividade con todos os alumnos/as de 3º ESO, pero as circunstancias (a pandemia, a idade de Lula) non no lo permitiron.
Agradecemos a Lula e a Chelo, súa sobriña, o cariño co que nos recibiron na súa casa e todas as explicacións que nos deron. Tamén agradecemos a participación dos nosos alumnos reporteiros Alejandro, Sabela, Paula e Gabriela que, en representación dos seus compañeiros, pasaron unha tarde distinta… pero seguro que moi proveitosa.