Excursión Virtual pola Ribeira Sacra

 

No día de onte, 19 de maio, no Río Cabe tivemos a nosa primeira excursión virtual, unha actividade encadrada dentro do Plan Proxecta que os nosos alumnos de 3ºESO están a desenvolver.

O noso destino era Santa María de Nogueira, unha pequena parroquia do concello de Chantada. Esta excursión estaba prevista para o 17 de abril pero por razóns obvias (o coronavirus!!!!) non se puido realizar. Pero como non hai pandemia que nos free, decidimos facela igual (iso si, dunha forma un tanto diferente). “Saimos” do IES Río Cabe ás 11.50; durante o traxecto Monforte-Nogueira puidemos observar a marabillosa paisaxe que hai neste lado da Ribeira Sacra, o espectacular meandro que describe o río Miño no Cabo do Mundo, así como o cultivo en bancais nas ladeiras das montañas.

Xa en Nogueira visitamos a súa igrexa, Santa María de Nogueira, coñecida como a Capela Sixtina galega polas pinturas renacentistas que decoran os seus muros interiores (muro norte, muro sur e arco de triunfo), datadas do último cuarto do século XVI, e atribuidas a un autor coñecido como o Mestre de Nogueira (do que tamén hai constancia que traballou na decoración da igrexa monfortina de Ribas Altas). Analizamos o exterior desta igrexa románica e a súa decoración interior (retablos e esculturas do s.XVII, pinturas góticas do s.XV, pero sobre todo fixámonos nas súas impresionantes pinturas renacentistas que nos recordaron, nalgúns aspectos, ao Xuizo Final que Miguel Anxo pintou na Capela Sixtina.

     Foi… unha experiencia distinta!

     Agradecer a Don Antonio, sacristán e guía da igrexa de Santa María de Nogueira, as explicacións que, amablemente e de forma altruísta, nos facilitou sobre esta igrexa e que nós intentamos trasladar aos nosos alumnos/as de 3º ESO.