CURSOS DE APRENDIZAXE DE LINGUAS ESTRANXEIRAS (CUALE DE INGLÉS E FRANCÉS)
Hai varios anos o IES Ribeira do Louro decidiu facer unha aposta polas ensinanzas plurilingües en Formación Profesional que culminou na súa participación no programa Estrela PluriFP. Este curso continuamos coa ensinanza de materias bilingües no 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Administración e Finanzas e no 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Comercio Internacional.
Dentro deste plan de potenciación de Linguas Estranxeiras, os Departamentos de Inglés e de Francés impartirán as actividades formativas extracurriculares “DESTINATION A2”, ofertada ao alumnado de 4º ESO, bacharelato e ciclos formativos, e “DESTINATION B1”, dirixida ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos. Ambas as dúas terán como obxectivo fundamental que o alumnado supere con éxito o exame de inglés do Nivel Básico Elemental ou Plataforma da Escola Oficial de Idiomas ligado ao nivel A2 do MCERL (Marco Común Europeo de Referencia das Linguas) e o Nivel Intermedio da Escola Oficial de Idiomas ligado ao nivel B1 do MCERL. No caso do francés, impartirase a actividade “DESTINATION A2”.
Ademais, o alumnado que supere con éxito esta actividade de acordo aos criterios, procedementos e instrumentos de avaliación recollidos na programación didáctica recibirá un Certificado de Aproveitamento do CUALE A2/ B1.
As actividades programadas constarán dunha sesión semanal que terá lugar os mércores de 15:30 a 18:00 horas, cunha cota dun máximo de 20 estudantes. No caso do francés, as clases serán os xoves de 15:30 a 18:00. De cara a garantir o máximo nivel de aproveitamento posible na actividade e a homoxeneidade do grupo, os alumnos serán seleccionados en base aos resultados obtidos nunha proba de nivel. Os candidatos seleccionados pasarán a formar parte da listaxe de admitidos e poderán comezar a cursar a actividade en outubro. Os candidatos non seleccionados pasarán a formar parte dunha listaxe de espera en base á puntuación obtida na proba de nivel e serán chamados ao longo do curso para incorporarse á actividade no caso de quedar prazas vacantes.
O alumnado inscrito na actividade comprométese a acudir puntualmente ás sesións didácticas programadas así como a participar activamente nas tarefas académicas propostas polos docentes, aportando os documentos pertinentes para que as posibles ausencias non sexan tidas en conta. No caso de faltar de xeito inxustificado máis de 3 sesións ao longo do curso, o estudante perderá a súa praza e esta adxudicarase a un novo estudante. Do mesmo xeito, no caso de que a/o docente considere que o alumno/a non está realizando un bo aproveitamento da actividade por mor dunha actitude inadecuada ou por falta de traballo, o estudante terá que abandonar a súa praza e esta será asignada a un/unha novo/a estudante.